SemanaSantaA diferenza doutras festividades de orixe relixiosa que teñen data fixa, caso do Nadal, a Semana Santa cambia de datas cada ano. Varía, mais non demasiado: o venres santo, por exemplo, nunca cae o 5 de marzo e tampouco nunca o 30 de abril. A posición no calendario da Semana Santa tira o Antroido cara adiante ou cara atrás, pois como ben sabemos as dúas celebracións están conectadas no tempo. O que non é tan coñecido é como se determinan esas datas, que obedecen a razóns astronómicas.

Empecemos polo Antroido, xa que estamos nel. Uns días de festa e transgresión que anteceden á Coresma cristiá, o período de corenta días de preparación da Pascua no calendario litúrxico. O primeiro día da Coresma é o Mércores de Cinza, que precede en corenta días ao domingo anterior ao de resurrección, o chamado “domingo de ramos”. O final do Carnaval e o comezo da Coresma vén marcado, pois, por unha data da Semana Santa.

Queda por aclarar como se determina a Semana Santa e aquí é cando entra a astronomía. A regra básica é esta: o Domingo de Resurrección é o primeiro domingo despois da primeira Lúa Chea da primavera (a primeira Lúa Chea logo do equinoccio de primavera). A conexión lunar (e equinoccial) vén da tradición orixinal xudía, que emprega un calendario de tipo lunisolar, isto é, toma coma referencia para os meses “a Lúa” e completa periodicamente a diferenza de días respecto do ciclo solar engadindo cada dous ou tres anos un mes adicional (lembrade que doce lunacións son 12*29,5=354 días, once menos que o ano solar).

DataSemanaSanta

Nas fases iniciais da Igrexa Cristiá convivían en función dos lugares diferentes criterios para moitas cousas, entre elas a data da Pascua; algún pegábanse máis á orixe hebraica, outros eran máis próximos aos mandatos de Roma. O Concilio de Nicea -hoxe Iznik, en Turquía- do ano 325 foi o primeiro gran encontro de bispos da cristiandade organizado coa intención de ordenar usos e costumes. O Concilio tivo unha enorme importancia na fixación de dogmas e normas para o futuro da Igrexa, dende a natureza de Xesucristo coma fillo de Deus até a prohibición da autocastración, que nin era infrecuente nin era rexeitada no cristianismo antigo. Outra das decisións do Concilio de Nicea foi a definitiva separación da Pascua cristiá da xudía -non deberían coincidir xuntas- e a imposición do domingo coma día de referencia.

A confusión manteríase aínda uns séculos. A determinación precisa do equinoccio de primavera non é un asunto trivial, en particular a medida que o progreso no coñecemento do ceo revela que ademais do movemento anual (o da Terra arredor do Sol, se ben daquela a idea era a contraria, que o Sol xiraba arredor da Terra) hai outra distorsión provocada polo que hoxe chamamos movemento de precesión (o do eixo da Terra, que despraza o pano de fondo celeste). O eixo da Terra describe un círculo amplo cada 26 mil anos; móvese un grao cada setenta anos ou 50 segundos de arco cada ano. É un “case nada”, mais un case nada que xa daquela os astrónomos máis espelidos foron capaces de recoñecer. E iso afectaba ao recoñecemento dos ritmos do ceo, incluída a determinación do equinoccio e en consecuencia a celebración da Pascua.

Dionisio o Exiguo (470-544), inventor do “anno domini” que empregamos no noso calendario para datar feitos “antes e despois de Cristo” aínda que non sexamos cristiáns, introduciu un método para a determinación xeral da Semana Santa. O cálculo ou «computus» non é simple e foi obxecto do interese de grandes matemáticos posteriores, entre eles Gauss, na procura de algoritmos que simplificasen o laborioso procedemento.