astronomiaAcaban de anunciarse os gañadores dos Premios Prisma á Divulgación 2016 e recibimos a feliz noticia de que o Premio Especial do Xurado foi para a Revista Astronomía. Vaian dende aquí os nosos parabéns aos que fan posíbel esta indispensábel publicación mes tras mes dende hai 31 anos, e de maneira moi especial ao seu director, Ángel Gómez Roldán. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío foi unha das entidades que apoiou a candidatura da revista a dito premio. Compartimos a continuación a carta de apoio que en agosto enviamos aos Museos Científicos Coruñeses xunto á correspondente ficha de inscrición:

CANDIDATURA DA REVISTA «ASTRONOMÍA» AO PREMIO ESPECIAL DO XURADO PRISMAS 2016, PRESENTADA POLA AGRUPACIÓN ASTRONÓMICA CORUÑESA ÍO.

Decembro de 1985. Chega aos quioscos de toda España unha revista nova titulada Tribuna de Astronomía. O editorial daquel primeiro número non deixaba dúbidas do esforzado que foi aquel parto feliz:

Al fin estamos en la calle. Después de mil sinsabores, TRIBUNA DE ASTRONOMÍA aparece con su número 1. Ello ha sido posible gracias, en primer lugar, a nuestro equipo de colaboradores, que además de quemarse las pestañas delante del ocular, ha tenido que aporrear la máquina de escribir. En segundo lugar, gracias a todos los que nos han ayudado con sus ánimos y críticas; y también, por qué no, a aquellos que pensando que en España existe un mercado de aficionados a la astronomía, desconfían de la viabilidad de un proyecto como este…

O lector daquel 1985 no que os artigos se escribían en máquinas de escribir -Internet era aínda un soño de futuro- atopaba, por 200 pesetas, unha revista que falaba do cometa Halley que ao ano seguinte crearía tanta expectación, de Alfonso X o Sabio, “Rei e Astrónomo”, ou das ferramentas informáticas que facilitaban os cálculos astronómicos. A viabilidade foise confirmando cos feitos, mes tras mes, número tras número.

En 1999 as dúas revistas de referencia en España, Tribuna de Astronomía e Universo, fusionáronse para dar lugar a Tribuna de astronomía y universo, que uns anos despois simplificou o seu nome no actual AstronomíA. Unha revista que agora xa non é só de papel, pois tamén ten versión dixital, e que no seu trixésimo primeiro ano de vida segue sendo a mellor compañeira posíbel para os afeccionados en España. 31 anos de publicación ininterrompida: un mérito heroico para calquera revista, para canto máis unha de divulgación científica.

Onte, hoxe e mañá AstronomíA abre as súas páxinas a autores maioritariamente españois ou do mundo de fala hispana. A astronomía profesional e a astronomía amadora, o traballo científico punteiro e o labor entusiasta das asociacións astronómicas, todo encontra un oco nas páxinas dunha revista exemplar, esencial para saber o que pasou nestas tres décadas. Se hai unha parcela de coñecemento onde o labor dos profesionais e o dos afeccionados pode alimentarse e apoiarse mutuamente para producir resultados extraordinarios, esa é a astronomía. Nos seus 31 anos de vida a revista esforzouse en estimular eses contactos e favorecer e saudar toda sorte de iniciativas ProAm. A revista é colaboradora, ademais, da Sociedad Española de Astronomía e, dende o seu aínda recente nacemento, da Federación de Asociaciones Astronómicas de España, de cuxa fundación participou -dicímolo con orgullo- a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

AstronomíA alenta e promove a divulgación da astronomía; polas súas páxinas -ás veces, ao seu abeiro- pasaron e se formaron algúns dos mellores divulgadores que desta materia hai en España. AstronomíA é tamén destino habitual dos excepcionais froitos fotográficos de grandes creadores -algúns moi recoñecidos, outros máis anónimos- que teñen no firmamento e os obxectos celestes o seu principal obxectivo.

A ciencia do futuro contada en tempo presente. O relato do que pode verse no ceo cada noite, contado de forma que resulte igualmente satisfactoria para o afeccionado máis esixente e para o que está empezando. As historias grandes e pequenas dunha ciencia tan antiga como a humanidade. Todo iso e máis é a revista AstronomíA, unha revista que os afeccionados sentimos nosa. Na Agrupación Astronómica Coruñesa Ío pensamos que a concesión do Premio Especial do Xurado dos Prismas 2016 á revista AstronomíA sería un acto elemental de xustiza. Rogamos ao xurado dos Prismas que avalíe e recoñeza os máis que sobrados méritos acumulados ao longo de case catrocentas lunacións.