Hoxe imos falar de crepúsculos. Non, non falamos da famosa saga de amores adolescentes con vampiros, senón do período de tempo que separa o día da noite e a noite do día, que os dous se chaman así, “crepúsculo”.

O ocaso, solpor ou posta é o instante no que o Sol descende e se oculta tras o horizonte. O momento no que o seu borde superior desaparecería nun horizonte “ideal” que non se corresponde co real, normalmente oculto por obstáculos de diferente tipo (montañas, edificios, árbores, etc). Esa posición e ese momento pódese determinar con precisión con ferramentas informáticas que simulan o ceo. Deixamos de ver o Sol… mais non a súa luz. A luz do Sol segue inundando o ceo bastantes minutos despois da súa posta e iso permítenos definir a noción de “crepúsculo”, esa claridade que precede a noite (e como veremos logo, tamén precede o día) que animaba a Jorge Sepúlveda a mirar o mar.

Debemos falar de “crepúsculos”, en plural, porque definimos tres distintos en función do descenso do Sol. O primeiro é o crepúsculo civil, que vai dende que o Sol está no horizonte até situarse seis graos por debaixo del. Os pintores, fotógrafos e cineastas aprecian moito a calidade da luz neste momento, a chamada “hora azul”. Que sería dos filmes de Terrence Malick sen eses ceos do atardecer que retratou en Días do ceo ou A árbore da vida

TreeOfLife
The Tree of Life (Terrence Malick, 2011)

Nesta fase aínda hai luz abondo para desenvolver actividades cotiás, en particular con ceos despexados; ao mellor non é suficiente para facer punto de cruz ou debuxos en papel milimetrado ao aire libre, mais si para camiñar sen tropezar e para distinguir con claridade obxectos. O acendido da iluminación pública, os farois das vilas e cidades, podería adiarse até ben despois da posta de Sol sen gran problema, mais infelizmente non é así e son moitas as cidades que non agardan nin a que o Sol se poña, gastando enerxía e diñeiro e perturbando o medio ambiente e a vida natural, por non falar da saúde, sen ningunha necesidade.

Os planetas e as estrelas máis brillantes empezan a distinguirse. O Sol segue baixando; a seguinte marca de referencia é cando se sitúa 12 graos por debaixo do horizonte, que sinala o final do crepúsculo náutico. Queda algo de luz, mais -caso de non haber Lúa- xa non permite labores que requiran apreciar detalles. Cando as viaxes por mar dependían da observación precisa do firmamento, os mariños reparaban nesta fase na posición das estrelas, xa non só as máis brillantes, senón outras algo máis febles, coa vantaxe de que a escuridade aínda non é completa e é posíbel distinguir certas formas, en especial a liña do horizonte.

Logo diso vén o terceiro crepúsculo, o astronómico, que remata cando o Sol está 18 graos por debaixo do horizonte. Nese punto xa non queda nada de luz remanente no ceo e se distinguen as estrelas máis febles; a simple vista incluso as de sexta magnitude para un ollo “bo” en condicións idóneas de escuridade, esas que cada vez se dan menos por mor da contaminación luminosa. Ese é o momento no que empeza de verdade a observación astronómica, o momento no que é noite-noite. En Galicia dende a posta de Sol transcorreron arredor de dúas horas, algo menos en inverno, algo máis en verán.

O mesmo, mais ao revés, sucede polas mañás. O Sol volve emerxer pouco a pouco e cando se sitúa 18 graos por debaixo do horizonte comeza o crepúsculo astronómico (matutino). Máis tarde arranca o crepúsculo náutico; os mariños póñense en pé para tomar medidas recoñecendo o horizonte. Despois empeza o crepúsculo civil; a luz solar medra e medra e nos lugares máis abertos sería un momento estupendo para apagar os farois. Finalmente, o Sol sobresae polo horizonte. É o orto, o abrente, a alba, albor, alborada, aurora, luzada ou rompente, que de todas as maneiras lle chaman. Xa é de día. Cantánolo Norah Jones.

Crepúsculos

2 Comments

  1. Ángel Arós 05 de julio de 2016 at 18:19 06Tue, 05 Jul 2016 18:19:45 +020045.

    Tamén, no crepúsculo, en condicións axeitadas, ata pode verse a sombra da Terra miranda na dirección oposta á posta (valga a redundancia) do Sol!

  2. Martin Pawley 05 de julio de 2016 at 19:42 07Tue, 05 Jul 2016 19:42:36 +020036.

    Así é. Pode lerse sobre iso nesta ligazón de Divulgameteo.