Fundada en 1847, a American Medical Association (AMA) é a maior asociación médica dos Estados Unidos e agrupa na actualidade a máis de douscentos mil profesionais. No seu encontro anual celebrado esta semana a AMA acordou emitir un comunicado sobre os efectos daniños da contaminación luminosa para o medio ambiente e a saúde humana e en particular os asociados ao uso da luz LED branca con gran contido en compoñentes azuis.
A luz branca con gran contido en azuis, típica dos LED máis comúns na actualidade, é a máis eficaz á hora de inhibir a produción dunha hormona necesaria para a vida, a melatonina, que se segrega só en condicións de escuridade. A alteración do ritmo circadiano de sono é até cinco veces maior baixo o efecto deste tipo de lámpadas LED fronte aos sistemas de iluminación tradicionais. A AMA tamén recorda na nota os efectos negativos no medio ambiente da contaminación luminosa e que é imprescindíbel un bo deseño da iluminación para minimizar o impacto da introdución de luz na natureza pola noite.
A asociación médica anima á sociedade a minimizar e controlar as emisións de luz azul, o uso de lámpadas apantalladas e a redución do fluxo luminoso en horarios nos que a actividade é menos intensa.
A contaminación luminosa, un problema global
O pasado venres presentouse ademais o novo Atlas mundial do brillo artificial da noite (World Atlas of Artificial Night Sky Brightness), que informa do actual nivel de contaminación luminosa do planeta. Segundo o atlas, o 80% da poboación mundial convive con ceos contaminados. En España, ver a Vía Láctea é unha quimera para tres cuartas partes da poboación. España é a indiscutíbel campioa de Europa en contaminación luminosa: ningún outro país da UE dedica tanto diñeiro por habitante á iluminación pública. O proxecto Cities at night estima en 950 millóns de euros anuais o gasto total en iluminación da noite en España.
A baixa densidade de poboación dalgunhas zonas permite que aínda así en España existan “reservas” con algúns dos mellores ceos da Europa occidental, coma en Galicia o Concello da Veiga e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, declarados “Destinos Starlight”. Mais tamén nesas reservas se deixa notar o impacto da luz artificial: non hai ningún punto do territorio español que non estea afectado pola contaminación luminosa, polo menos no horizonte.
A luz artificial tamén contamina
Definimos contaminación luminosa como a alteración da escuridade natural do medio nocturno producida polas emisións artificiais de luz. Son moitas as investigacións científicas que nos últimos anos veñen explicando as graves consecuencias do crecemento desmedido da iluminación artificial da noite:
-A contaminación luminosa afecta ao medio ambiente: altera o crecemento e os ciclos biolóxicos de árbores e plantas, dificulta ou impide os movementos migratorios das aves, provoca graves desequilibrios na fauna nocturna e crepuscular e incluso perturba a vida mariña pola iluminación indiscriminada das praias.
-Supón un sobreconsumo de enerxía e diñeiro. Gastamos moitísimo máis do que precisamos. Entre as sete maiores cidades galegas vanse cada ano 19 millóns de euros só en enerxía para iluminar a noite, unha cifra que sería moi fácil reducir drasticamente sen prexuízo ningún para a cidadanía.
-A exposición á luz artificial durante a noite afecta á saúde humana ao desaxustar o noso reloxo biolóxico e inhibir a secreción de melatonina, que desenvolve unha gran variedade de funcións no organismo.
–Dificulta ou impide a observación do ceo e a investigación astronómica. Ao perder a noite perdemos tamén o inmenso patrimonio cultural asociado ao firmamento nocturno e facemos imposíbel o traballo dos científicos que nos axuda a entender mellor o universo e ademais produce resultados concretos que facilitan a nosa vida cotiá.
Corrixir a contaminación luminosa é fácil
A diferenza doutras formas de contaminación, acabar coa contaminación luminosa é fácil: os seus efectos desaparecen en canto se apagan as luces. Posto que a iluminación nocturna é necesaria para o desenvolvemento das actividades humanas, o obxectivo é empregala reducindo ao mínimo os seus efectos non desexados para a saúde humana e o medio ambiente. As boas prácticas resúmense en catro regras básicas: a luz artificial debe utilizarse só onde se necesita, só cando se necesita, en cantidade suficiente e non excesiva e co espectro axeitado. A contaminación luminosa é un problema que entre todos podemos resolver.
Pingback: Verán (ou "que é iso das estacións") - Agrupación Ío
Pingback: Entrevista a Fabio Falchi: «A contaminación luminosa debe ser afrontada con urxencia, pois xa se excederon todos os límites tolerábeis» - Agrupación Ío