Perseida
Fotografía de Xoán Cardelle

ACTUALIZACIÓN: na noite do mércores 12 ao xoves 13, a partir da medianoite, faremos unha observación pública das Perseidas no Parque de Eirís da Coruña, na zona do paseo (próxima aos restos do castelo). Ante a desfavorábel previsión meteorolóxica (ver Meteogalicia, AEMET, Tutiempo ou windguru) vémonos na obriga de desconvocar a observación das Perseidas prevista para a madrugada do 12 ao 13 en Eirís. Outro ano será…

É unha cita obrigada todos os veráns. Cada mes de agosto o ceo ofrécenos un fermoso espectáculo, a chuvia de estrelas fugaces das Perseidas, que este ano terá o seu pico de actividade na noite do 12 ao 13. E as condicións son particularmente favorábeis xa que a Lúa, en fase nova, non ocultará coa súa luz o brillo das tamén coñecidas coma “Bágoas de San Lourenzo”, pois é arredor da data en que se conmemora o martirio do santo cando se converten en protagonistas do firmamento nocturno.
Calquera noite é posíbel ver estrelas fugaces, que se producen cando partículas interplanetarias finísimas, do tamaño dun gran de area, atravesan a atmosfera terrestre; polo feito de viaxaren a enorme velocidade ao rozar co aire quéntanse e deixan tras delas un trazo luminoso. As partículas máis grandes chegan a provocar un fío de luz rechamante que se mantén varios segundos: son os chamados “bólidos”.
En certos momentos do ano a cantidade de estrelas fugaces que vemos é máis alta do habitual e neses casos falamos de “chuvias de estrelas”. Prodúcense porque a Terra no seu movemento anual de translación encóntrase non con partículas illadas senón con “nubes” delas formadas polos restos que van deixando tras de si os cometas, que a medida que se achegan ao Sol perden material ao vaporizarse. Por cuestións de perspectiva, os meteoros dunha chuvia de estrelas parecen provir dun punto concreto do ceo, o “radiante”, que se corresponde coa zona na que vemos unha determinada constelación. Son esas constelacións as que dan nome ás chuvias de estrelas, e así falamos das Leónidas de novembro ou das Xemínidas de decembro, por citar dúas das máis valoradas entre os afeccionados.
As Perseidas de agosto -con radiante, entón, na constelación de Perseo- están provocadas por material deixado polo cometa Swift-Tuttle, que pasou preto da Terra por última vez en 1992 e non volverá a visitarnos até 2126. En condicións ideais poderíamos chegar a ver até 80 meteoros por hora; a contaminación lumínica reduce drasticamente o número de estrelas fugaces para a inmensa maioría dos observadores, mais a pesar diso o espectáculo segue a ser moi emocionante. E ademais non se limita unicamente á noite do máximo, calquera madrugada da semana que vén é boa para gozar das Perseidas. O único que precisamos é ter ceos despexados e escuros, canto menos afectados pola luz artificial das cidades, mellor; poñérmonos cómodos, levar algo de abrigo -malia ser verán a esas horas refresca- e non ter présa, pois as marabillas da noite esixen de nós un pouco de paciencia.

para saber máis: 10 datos sobre las Perseidas, excelente anotación no sitio web do Pamplonetario + sesións informativas no planetario da Casa das Ciencias da Coruña.