Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xuño 2019 #1 – Especial IAU100 nº 7

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) IAU lanza a competición global NameExoWorlds
2) Celebra o 50º aniversario da chegada á Lúa
3) Certame Mulleres e Nenas na astronomía
4) Convértete en mentor ou mentora de Escolas Einstein
5) Leva os pósters da exposición “Arriba e máis aló” á túa comunidade
6) A comunidade astronómica global celebra o centenario da eclipse solar de 1919
7) Centos de participantes nas Escolas Einstein
8) Anunciadas as persoas gañadoras do concurso de telescopios que celebra a chegada á Lúa
9) Convocatoria de proxectos co aval IAU100
10 ) Reunións e eventos globais
11) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
12) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Queremos chamar a vosa atención sobre o segundo fito das celebracións IAU100, o 50º aniversario da chegada á Lúa. Animámosvos a visitar o noso sitio web e rexistrar as vosas actividades. Se queres que aparezan, por favor envía un correo electrónico á responsábel do proxecto IAU100 “Chegada á Lúa”, Bethany Downer, e indícanos os detalles das actividades que desenvolverás na túa comunidade para celebrar a efeméride.

Xa falta pouco para que chegue a data límite para presentarse ao certame IAU100 Mulleres e Nenas na Astronomía e optar a participar no Simposio IAU sobre astronomía para a equidade, a diversidade e a inclusión, en Toquio, Xapón. Se desenvolves unha actividade na túa comunidade relacionada coa promoción da participación igualitaria en ciencia e educación da ciencia de grupos infrarrepresentados como as nenas e as mulleres, animámoste a participar nesta oportunidade única.

Neste número, destacamos a competición global NameExoWorlds, alentámosvos a convertervos en mentores ou mentoras de Escolas Einsteins e a solicitar os posters da exposición “Arriba e máis aló”.

Desexámosvos ceos despexados e felices celebracións!

Lina Canas, en nome da Oficina do Equipo de Divulgación de Astronomía da IAU

Jorge Rivero, en nome da Secretaría da IAU

1) IAU lanza a competición global NameExoWorlds

Máis de 70 países xa acordaron organizar campañas estatais que lle achegarán ao público a oportunidade de participar na competición global IAU100 NameExoWorlds. Este proxecto permite que cada país do mundo lle poña un nome popular a un exoplaneta elixido e a estrela á cal orbita.

Podes ler máis información aquí: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1908/

2) Celebra o 50º aniversario da chegada á Lúa

Achégase o 50º aniversario da chegada á Lúa o 20 de xullo de 1969 e estamos animando a toda a xente a organizar actividades en todo o mundo. O sitio web “Moon Landing” contén grande variedade de recursos visuais e informativos que poden servir de apoio ás vosas actividades. Tamén foi compilado un folleto de recursos educativos, co logo do evento xa traducido a 44 idiomas (cos arquivos orixinais dispoñíbeis para a súa tradución a outros idiomas que se precisen). E non esquezas rexistrar as túas actividades!

Podes aprender máis sobre as celebracións da chegada á Lúa aquí: https://www.moonlanding50.org

3) Certame Mulleres e Nenas na astronomía

Un premio especial recoñecerá e celebrará os esforzos na organización de eventos en todo o mundo que promovan a presenza de mulleres e nenas na astronomía a través da organización de actividades públicas innovadoras, creativas, accesíbeis e sosteníbeis. Para participar no certame, as persoas que organicen eventos deben rexistrar as súas actividades elixíbeis e enviar un formulario de participación antes do 31 de xullo de 2019 despois de que conclúa a actividade que será sometida a consideración. Entre todas as candidatas, unha persoa será convidada ao Simposio IAUS 358 “Astronomía para a Equidade, Diversidade e a Inclusión” en Toquio, Xapón, e obterá financiamento para cubrir os gastos de rexistro, viaxe e aloxamento.

Descubre como participar en https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-contest

4) Convértete en mentor ou mentora de Escolas Einstein

O programa “Escolas Einstein”, un proxecto global das celebracións do centenario da Unión Astronómica Internacional, está buscando mentores ou mentoras que animen a estudantes de secundaria e bacharelato en todo o mundo.

Descubre aquí como participar: https://www.iau-100.org/ensteinschools-mentors-call

5) Leva os pósters da exposición “Arriba e máis aló” á túa comunidade

Abrimos o prazo de solicitude para aquelas persoas que desexen recibir un lote de doce pósters impresos que foron creados como versión reducida da exposición IAU100 Arriba e máis aló.

Máis información neste sitio web: https://www.iau-100.org/above-and-beyond-poster-request

6) A comunidade astronómica global celebra o centenario da eclipse solar de 1919

IAU100 apoia varias iniciativas arredor do tema (central en 2019) da eclipse solar de 1919, incluídas conferencias, eventos conmemorativos e actividades educativas. Para sinalar a relevancia internacional deste evento, São Tomé e Príncipe recibirá a visita do presidente de São Tomé e Príncipe e o Presidente de Portugal.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1907/

7) Centos de participantes nas Escolas Einstein

Até agora dous centos de escolas en todo o mundo entraron a participar no proxecto IAU100 Escolas Einstein. Os centros participantes explorarán o papel da gravidade na moderna astronomía: das ondas gravitacionais e os buracos negros ao aniversario de Einstein e o centenario da eclipse solar de 1919 que verificou a predición de Einstein sobre como a luz das estrelas se dobraría ao achegarse ao Sol.

Máis información: https://www.iau-100.org/einstein-schools-update

8) Anunciadas as persoas gañadoras do concurso de telescopios que celebra a chegada á Lúa

Vinte persoas e organizacións de todo o mundo foron elixidas para recibir un telescopio que poderán usar como ferramenta de educación e divulgación no evento global IAU100 do 50º aniversario da chegada á Lúa.

Podes consultar a listaxe aquí: https://www.iau-100.org/ml50-telescope-winners-announced

9) Convocatoria de proxectos co aval IAU100

Os proxectos co aval IAU100 reciben medios adicionais para conseguir as metas e obxectivos das celebracións do centenario. Esta categoría está orientada a dar apoio a grandes proxectos globais, que satisfagan a visión do IAU100, con grande recoñecemento internacional e a oportunidade de asociarse a outras celebracións en todo o mundo.

Tes máis información aquí: https://www.iau-100.org/apply-iau100-endorsedprojects

10) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

b) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

c) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

d) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

e) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Datas: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

f) Conferencia sobre educación astronómica: Investigación aplicada e práctica
Datas: do 16 ao 18 de setembro de 2019
Lugar: Garching, Múnic, Alemaña
Máis información: http://iau-dc-c1.org/astroedu-conference/

g) IAUS358: Astronomía para a Equidade, a Diversidade e a Inclusión – unha folla de ruta para as accións no marco do centenario da IAU
Datas: do 12 ao 15 de novembro de 2019
Lugar: Toquio, Xapón
Máis información: https://iau-oao.nao.ac.jp/iaus358/

h) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia

i) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

11) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

12) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.