ARSanXoánCon moito orgullo compartimos con todos vós esta mensaxe de felicitación que nos fixo chegar a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, en relación á observación pública das Perseidas que celebramos hai uns días e acadou un gran número de asistentes:

Parabéns!

O pasado día 12 do mes en curso recibimos a visita da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que se achegaron para observar o ceo dende a Área Recreativa San Xoán, lugar moi querido por eles e que amosa un nivel baixo de contaminación lumínica. Como responsable municipal neste momento, quero agradecer á Agrupación e os seus responsables a elección de Guitiriz para unha actividade lúdico-cultural sostible. Felicitar tamén ó destacado número de persoas, posiblemente se superase o número de 400, por participar na actividade e, sobre todo, polo comportamento cívico amosado xa que a ampla contorna do espazo utilizado quedou tan ben recollida e limpa que ninguén podería imaxinar sequera que alí pasaran a noite tal cantidade de persoas.

Sei que alguén que lea este texto ha de pensar que é o que hai que facer, pero tamén sei por experiencia que non resulta habitual polo que me congratula poder enviar estes parabéns tanto á Agrupación como ós participantes. Dende o Concello enviamos un grupo de Protección Civil que non tivo que actuar en ningún momento e tampouco foi preciso proceder á limpeza do lugar o día seguinte. Comportamento loable que agardo sirva de modelo para outros eventos.

Confío en que a colaboración na realización conxunta de actividades sexa práctica usual nun futuro. Redundaría en beneficio da sociedade.

Saúdos termais,

Guitiriz, 21 de agosto de 2016

Regina Polín Rodríguez, Alcaldesa de Guitiriz