Corbi

-O noso compañeiro Julio Casal, socio fundador da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, preside esta fundación con carácter interdisciplinar.

Esta mañá presentouse no Muncyt da Coruña CorBI Foundation, Coruña Biomedical Institute Foundation, unha institución científica de excelencia, con vocación internacional, que se está constituíndo co obxectivo de impulsar desde a cidade da Coruña a investigación biomédica. A presentación correu a cargo de catro dos seus fundadores, Julio Casal, que será quen presida o proxecto; Luís Martínez (neurocientífico); Manuel de León (matemático); e Enric Banda (físico e membro da Academia Europaea).

Julio Casal fixo fincapé en que CorBI Foundation pretende conxugar o apoio da iniciativa privada coa capacidade investigadora dos científicos de primeiro nivel, co obxectivo de atraer, reter e xerar talento e situar A Coruña no epicentro da investigación biomédica internacional. Contan para iso con apoios importantes, entre eles o presidente emérito da Rockefeller University, Torsten Wiesel, premio Nobel de Medicina en 1992.

Pola súa banda, Luís Martínez e Manuel de León incidiron en que esta é unha formulación nova, que non trata de abundar na investigación biomédica tradicional, senón de enlazala coas matemáticas e a computación para abrir novas vías de traballo interdisciplinares que permitan avanzar en campos como a neurociencia, a cardioloxía, a xenética, a oncoloxía, etc. Trátase de promover sinerxías entre distintas disciplinas e concibir novas estratexias de computación que permitan analizar e extraer o maior partido dos grandes conxuntos de datos. Os fundadores de CorBI están convencidos de que a estratexia producirá novos e sorprendentes descubrimentos con capacidade transformadora en campos moi diversos da sociedade.

Actividades

O proxecto contempla varias liñas de actuación que se irán implantando pouco a pouco, de maneira que se poida ir medindo o seu impacto e modulando o seu progreso en función dos resultados.

CorBI International Courses

Consistirá nun programa formativo con vocación de converterse en referencia internacional, cuxa primeira edición se celebrará este mesmo verán grazas ao apoio da Fundación María José Jove. Está dirixido a científicos de perfil sobresaliente, que serán elixidos en base ao seu potencial. A súa dirección estará a cargo de Luís Martínez e Manuel de León, que contarán co apoio de moitos dos científicos fundadores de CorBI Foundation.

CorBI Grants

No seu afán de potenciar a investigación de excelencia nas súas áreas de interese, CorBI Foundation contempla outorgar apoio financeiro a proxectos de investigación, a través de convenios específicos con diferentes mecenas, que se estrutura en tres grandes liñas: unha destinada a científicos consolidados que sobresaísen na súa investigación recente; a segunda, dirixida a novos investigadores con proxectos de excelencia; e a terceira, que pretende apoiar a aqueles equipos que buscan trasladar á práctica clínica a investigación básica máis punteira.

CorBI Bioscientists Math

Estes cursos responden as necesidades da bioloxía do século XXI, non cubertas pola bioloxía tradicional ou os plans de estudo de matemáticas. Están dirixidas a estudantes de doutoramento ou post doutoramento nalgún dos campos prioritarios de CorBI.

CorBI Lectures

Trátase dun ciclo de conferencias anual co dobre propósito de trasladar á sociedade os novos descubrimentos científicos e como estes transforman as nosas vidas, e honrar a científicos de talla mundial que protagonizan en primeira persoa esa transformación.

CorBI Summit

Trátase de organizar reunións de alto nivel que reúnan a científicos de primeira orde con outros membros destacados da sociedade co fin de discutir maneiras en que a ciencia pode influír en xerar novas estratexias políticas e de transformación da sociedade, promover novas iniciativas de investigación e deseñar novas estratexias en educación, sanidade, etc. En cada edición organizaranse con distintos centros de investigación de excelencia.

Avais científicos e empresariais

CorBI Foundation é un proxecto nacido da unión de múltiples vontades, tanto da esfera científica coma do mundo empresarial e cultural, que conta cun total de 25 fundadores. Ademais, constituirase un padroado que velará polo cumprimento dos fins establecidos e un Consello Executivo formado por Julio Casal e Luís Martínez, coa participación de Manuel de León, tamén fundador do proxecto.

Ademais, está a configurarse un grupo de conselleiros científicos, seleccionados sempre con criterios de excelencia, que proporcionarán asesoramento no deseño e desenvolvemento das actividades de CorBI Foundation.