hexagonoO sábado 10 de decembro a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza unha saída nocturna a Guitiriz para observar a choiva de estrelas das Xemínidas, a máis activa do ano. Esta actividade  conta co apoio da Concellaría de Cultura, Deportes e Coñecemento do Concello da Coruña.

Esta actividade é de balde e aberta ao público, mais o número de prazas é limitado polo que é obrigatorio inscribirse. Haberá un autobús gratuíto para as persoas interesadas que sairá da Coruña ás 22:00 e regresará ao rematar a observación, con chegada prevista á Coruña arredor das 2:30 am. O punto de saída e chegada do autobus é a Praza da Palloza. Tanto as persoas que desexen ir no autobús disposto pola organización como as persoas que vaian polos seus propios medios deben ter praza adxudicada para poder participar na actividade.

O obxectivo desta excursión é gozar do ceo en horas centrais da noite, cando as constelacións típicas do inverno están a boa altura sobre o horizonte. Unha desas constelacións é Xémini, o “radiante” ou lugar do que aparentemente proceden os meteoros desta chuvia. É certo que este ano a Lúa Chea non facilitará a súa observación, mais en todo caso o firmamento nesta época do ano é en si mesmo todo un espectáculo.

 Procedemento de inscrición:

  • Cubre o formulario online. Debe cubrirse un formulario para cada persoa que vaia participar na actividade (se sodes un grupo de xente que quere ir xunta podédenolo comentar no apartado “observacións e suxestións” do formulario de inscrición, pero debedes cubrir un formulario por cada unha das persoas interesadas). Os menores de 14 anos deben ir acompañados por un adulto maior de idade que os tutele (sendo necesario cubrir dous formularios de inscrición: o do menor de 14 anos e o do adulto acompañante). Os menores de idade que teñan entre 14 e 18 anos non precisan ir acompañados dun adulto que os tutele, pero o día da actividade deben levar unha autorización do pai, nai ou titor legal na que se indique de forma expresa un teléfono de contacto do adulto responsable.

Accede aquí ao formulario de inscripción.

  • Atende o correo electrónico. A finais da semana contactaremos contigo para recordarche a actividade e comunicar a previsión meteorolóxica para o sábado á noite (como é lóxico, a excursión só se celebrará se se dan unhas mínimas condicións para aproveitala ben). Recorda que o correo electrónico é a única vía de comunicación que empregaremos, así que se non indicas ben o enderezo non haberá maneira de que te enteres de avisos de última hora!

Recomendacións básicas:

  • O lugar de observación en Guitiriz está afastado do núcleo urbano, así que debes levar contigo todo o que precises (en particular, comida e bebida para esas horas no campo).
  • Pola época do ano na que estamos, o natural é que de noite vaia moito frío, así que trae roupa de abrigo. Cando se pon o Sol as temperaturas descenden moito e a roupa de abrigo será imprescindible (anorak, gorro, manta), non te confíes aínda que polo día non sexa necesaria!
  • Contemplar o ceo nocturno require que o ollo se adapte á escuridade. Polo teu ben e o dos asistentes á actividade evita acender móbiles e lanternas durante a observación. E se queres estar menos exposto á luz artificial instala no teu smartphone algunha das aplicacións que recomenda Calidade do Ceo Nocturno!

Para calquera dúbida ou aclaración respecto desta activdiade podes poñerte en contacto coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío no enderezo formacion@agrupacionio.com, na nosa páxina de Facebook ou comentando esta entrada.

1 Comment

  1. Pingback: - Agrupación Ío