Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno son os cinco planetas do sistema solar que se poden ver a simple vista e, en consecuencia, coñécense ben desde a antigüidade. Os outros dous planetas do noso barrio, Urano e Neptuno, foron identificados despois da invención do telescopio. En 1781 o músico reconvertido en observador do ceo William Herschel descubriu Urano, un triunfo que lle outorgou a condición de “astrónomo do rei” George III. Houbo que agardar máis por Neptuno, que foi visto polo alemán Johann Gottfried Galle o 23 de setembro de 1846. Galle foi na súa busca escrutando unha zona concreta do firmamento na cal, segundo as contas do francés Urbain Le Verrier, debía haber un corpo descoñecido que provocaba perturbacións gravitacionais na órbita de Urano: a física e as matemáticas anticipáronse á pura observación.

O brillo de Urano chega a estar por debaixo da magnitude 6 e iso convérteo, en teoría, nun obxecto no límite da visibilidade a ollo espido en óptimas condicións, cando se encontra en oposición e en noites verdadeiramente escuras, sen contaminación luminosa, das que xa quedan poucas. Cuns prismáticos normais ver Urano é un exercicio moito menos excepcional; o problema é identificalo con claridade, sen confundilo con algunha outra estrela de parecida luminosidade. Convén aproveitar as ocasións nas que este planeta visita no ceo algún outro obxecto doado de recoñecer que poidamos tomar como referencia. Este mes de xaneiro temos unha desas oportunidades. Os días 19, 20, 21 e 22 de xaneiro Urano estará a menos de dous graos de separación angular de Marte, unha distancia equivalente ao grosor de dous dedos maimiños co brazo estendido. Marte xa non destaca na noite tanto como no outono, mais non ten perda: o seu brillo será nesas datas comparábel ao da estrela Rigel, mais tinguido pola característica cor encarnada. Anda pola constelación do Carneiro, a carón do Touro, bastante máis evidente en ceos urbanos. Se apuntamos a Marte cuns binoculares poderemos distinguir perto del un puntiño un pouco ao sur, tal e como amosa a imaxe que acompaña este texto.

Xúpiter e Saturno vanse diluíndo no crepúsculo vespertino para desaparecer durante unhas semanas; recuperarémolos pola mañás moi a finais de febreiro. Venus domina o horizonte sueste ao amencer, cada día a menor altura e menos tempo antes da saída do Sol. Antes da medianoite, o hexágono do inverno érguese sobre o horizonte sur; polo oeste van de retirada os Peixes e a Balea mentres polo leste asoma o León, con Regulus como estrela máis brillante. Logo do solpor viamos o Carro debaixo da Polar; ao longo da noite irá xirando para chegar ao abrente enriba dela, con Mizar a menos dunha cuarta do cénit. O Boieiro e Hércules estarán entón xa no ceo, igual ca o Serpentario da estrela Rosalíadecastro.

O 2 de xaneiro a Terra pasou na súa órbita arredor do Sol polo perihelio, o punto no que nos encontramos máis perto da estrela, a só 147 millóns de quilómetros, cinco menos do que estaremos en xullo. Iso supón que o Sol amosaba ese día o seu maior tamaño aparente visto desde a Terra, aínda que a diferenza entre o tamaño máximo e mínimo é indistinguíbel polo noso cerebro. Felizmente, aos medios de comunicación sensacionalistas non se lles deu aínda por crear expectación falando de “supersoles” e case mellor non lles imos dar ideas.

O mapa do ceo está calculado para as 23:00 do sábado 2 de xaneiro na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 22:30 do 9, as 22:00 do 16, as 21:30 do 23 e as 21:00 do 30.

A imaxe pequena amosa a visión aproximada, con prismáticos, do planeta Marte o día 20 de xaneiro. Urano sitúase nesas datas a menos de 2º ao sur do planeta vermello, polo cal será unha boa oportunidade para localizalo con facilidade co planeta como referencia.

* * * * *

Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 15, sábado 2 de xaneiro de 2021. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).