Nas entregas anteriores desta sección puxen o foco no ceo das primeiras horas da noite, por seren estas as máis cómodas e comúns para a observación. Mais paga a pena examinar o outro extremo da noite, xusto nos minutos previos ao comezo do crepúsculo matutino, para deleitármonos con outras rexións do firmamento que nos anticipan o verán. Mentres polo oeste se retiran as últimas estrelas emblemáticas do inverno, como Capella no Auriga ou Castor e Pollux nos Xemelgos, o Carro da Osa Maior érguese a grande altura sobre o horizonte, con Alkaid apuntando o cénit. O Carro, sempre presente nas nosas noites, non só nos permite localizar facilmente a Polar, como contei en outubro, prolongando a liña que une Merak e Dubhe; tamén podemos valernos del para recoñecer a segunda estrela máis brillante do ceo galego, Arcturus, na constelación do Boieiro, á cal se chega proxectando o cabezallo do Carro tal e como se indica no mapa. E aínda máis aló, seguindo esa curva imaxinaria, daremos con Spica, a espiga, na constelación zodiacal da Virxe, que pecha o “top 10” por orde de brillo na nosa latitude. A luz que nós recibimos dunha estrela depende do brillo intrínseco que ten esta, isto é, das súas características propias, mais tamén da distancia que nos separa dela. Unha estrela máis afastada pareceranos menos luminosa ca outra semellante que estea máis perto, igual que acontece con calquera outra fonte de luz. Arcturus vémola notabelmente máis brillante ca Spica, mais hoxe sabemos que a segunda é moito máis luminosa ca a primeira, só que está sete veces máis lonxe: Arcturus a 36,7 anos luz, Spica a 260 (un ano luz son 9,46 billóns de quilómetros, un 9 seguido de doce ceros).

A carón do Boieiro vemos o diadema que dá forma á Coroa Boreal e máis ao leste Hércules, unha das constelacións máis recoñecíbeis malia non conter estrelas de primeira nin segunda magnitude. Sobre o horizonte leste asoma Altair, na Aguia, e cobraron xa altura suficiente Vega e Deneb, na Lira e o Cisne, os outros dous vértices do “triángulo de verán”, un asterismo agora só ao alcance dos máis madrugadores que nos meses de xullo e agosto presidirá as medianoites.

Polo sueste loce o Serpentario; no mapa sinalei cun círculo amarelo unha das súas estrelas, Marfik, non moi rechamante, quizais imposíbel de ver no ceo máis contaminado das cidades. Nun ceo escuro é doado distinguir as dúas estreliñas máis xuntas que están debaixo dela, e con elas como referencia, case diría que mirándoas directamente, Marfik aparecerá de esguello nos nosos ollos, facéndomos uso da utilísima visión lateral ou periférica que tanto xogo dá en astronomía. Unha vez atopemos Marfik estaremos en condicións de procurar a estrela Rosalíadecastro, nome polo que puxamos desde a Agrupación Ío e que finalmente a Unión Astronómica Internacional aceptou como oficial en decembro de 2019.

Localización da estrela Rosalíadecastro con Marfik como referencia. Imaxe: Marta Cortacans.

Con magnitude 7,89, Rosalíadecastro -o nome da estrela escríbese así, todo xunto- non é visíbel a ollo nu, mais si é un obxecto accesíbel con prismáticos e por suposto tamén con telescopio. A imaxe pequena explica cal é entre as estrelas que aparecen no campo visual duns binoculares arredor de Marfik. Situada a 240 anos luz, é unha anana amarela parecida ao noso Sol e conta cun exoplaneta que dá voltas ao seu redor, o agora chamado Ríosar, un xigante gasoso algo maior ca Xúpiter. Ríosar xira moi perto de Rosalía, a oito millóns de quilómetros, e por iso tarda só 4,1 días en completar a súa órbita.

O mapa está calculado para as 6:00 do sábado 13 de febreiro na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 6:30 do 6, as 5:30 do 20 ou as 5:00 do 27. A imaxe pequena amosa a visión aproximada, con prismáticos, da contorna da estrela Marfik, na constelación do Serpentario. Rosalíadecastro é a estrela destacada cun círculo amarelo nesa imaxe.

* * * * *

Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 16, sábado 30 de xaneiro de 2021. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).