En maio de 2019 a Unión Astronómica Internacional deu a coñecer o documento “Big Ideas in Astronomy: A Proposed Definition of Astronomy Literacy”, que propuña unha serie ordenada de conceptos chave da astronomía que deberían formar parte da cultura xeral de calquera persoa ben informada nesta materia. O proxecto foi liderado pola Universidade de Leiden e contou coa participación de astrónomos e astrónomas de diversos países do mundo.

Na Agrupación Astronómica Coruñesa Ío entendemos a utilidade do documento e puxémonos en marcha par preparar unha tradución ao galego, labor do que se encargou o noso compañeiro Martin Pawley. A maquetación, que adapta lixeiramente o formato orixinal, fíxoa a deseñadora gráfica Marta Cortacans. A primeira edición desta versión galega rematouse en decembro do ano pasado e agora compartímola con todas as persoas interesadas. Agradecemos a colaboración da Concellaría de Cultura, Educación e Memoria Histórica do Concello da Coruña.