A CORUÑA ORGANIZARÁ O XXIV CONGRESO ESTATAL DE ASTRONOMÍA EN 2020


A votación tivo lugar na Asemblea de Representantes do CEA 2018 celebrada na tarde do sábado 3 de novembro en Cuenca. 

Nunha xornada de ensoño, varios socios da Agrupación Ío foron premiados en diversos concursos do CEA e FAAE.

 

Na tarde do sábado 3 de novembro tivo lugar a Asemblea de Representantes do Congreso Estatal de Astronomía 2018, celebrada no Museo de las Ciencias de Castilla La Mancha en Cuenca. Durante esta, presentáronse as candidaturas para a organización da seguinte edición do congreso. Na votación saíu elixida a candidatura presentada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que traerá á Coruña o congreso entre o 30 de abril e o 3 de maio de 2020.

Este congreso é o principal punto de encontro das asociacións astronómicas que hai en España e reúne arredor de 300 afeccionadas e afeccionados á astronomía para por en común o seu traballo. O obxectivo do congreso é dar a coñecer as experiencias e os avances en calquera campo da astronomía amadora, tanto no que se refire ás técnicas e procedementos de observación como á educación e divulgación da astronomía e as ciencias do espazo. Ademais, certo número de relatorios están a cargo de persoas de prestixio mundial que dan conta de asuntos de especial actualidade e interese.

O proxecto da Agrupación Ío conta co aval das principais institucións da cidade e de Galicia e tamén da Universade da Coruña, que cede o edificio do Rectorado. É a primeira vez despois de 42 anos e 23 edicións que Galicia é escollida sede do congreso. A ilusión xerada por esta iniciativa tanto na cidade coma no resto de Galicia reflectiuse en numerosas mostras de apoio e felicitación a través das redes sociais.

 

Premios para socios da ACC Ío

Na mañá do sábado entregáronse os premios do Concurso de Astrofotografía da XXIII edición do CEA. Varios socios da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío foron galardoados nas distintas categorías. Así, o traballo de Ángel R. Arós foi recoñecido coma o 4º mellor do concurso xeral que valoraba fotografía e time-lapse indistintamente; Óscar Blanco levou o 2º premio en categoría Gran Campo; César Blanco foi 1º clasificado na categoría de Ceo Profundo; e Alfredo Madrigal primeiro clasificado en dúas categorías, Time-Lapse e Gran Campo, e, ademáis, premio ao mellor traballo do concurso.

Por primeira vez, a Federación de Asociaciones Astronómicas de España, co apoio da Sociedad Española de Astronomía, outorgou os Premios FAAE á Divulgación Astronómica 2018 que recoñecen o traballo de divulgación astronómica realizada por afeccionados e afeccionadas, buscando recompensar os esforzos excepcionais para involucrar á sociedade no coñecemento e observación do universo e a importancia na conservación do ceo escuro para a contemplación das estrellas como Patrimonio da Humanidade. Na categoría masculina o premio foi para Martin Pawley, socio da ACC Ío, pola súa actividade de divulgación e sensibilización arredor da contaminación luminosa.

 

Cuenca, 3 de novembro de 2018

Un comentario en “A CORUÑA ORGANIZARÁ O XXIV CONGRESO ESTATAL DE ASTRONOMÍA EN 2020

  1. É unha alegría!
    Parabéns para os compañeiros premiados, e para todos os que estades a traballar no que sera sen dúbida un gran evento de ciencia (e máis).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com