Mañá venres 31 de xullo hai lúa chea. Será a segunda no que vai de mes, despois da que tivemos o día 2. O intervalo medio entre dúas lúas cheas é de 29,5 días, de tal forma que a presenza de dúas nun mesmo mes do calendario é un feito non excepcional mais si infrecuente. Tanto que esa segunda lúa chea do mes até ten nome propio: “Blue moon”, en galego Lúa azul (e o “azul” é unha licenza poética, non ten nada que ver coa cor da Lúa esa noite).

SkyTelescopeMarch1946O curioso é que esta definición actual é errónea e que a orixe da confusión está nin máis nin menos que na revista Sky and Telescope. A denominación “Blue Moon” aplicábase até a primeira metade do século XX á terceira lúa chea ao longo dunha estación que contén catro lúas cheas. De acordo con esta idea non habería Lúa azul neste ano 2015, mais si en maio de 2016. O calendario lunar é o que determina a localización das festas no calendario católico, así que distinguir ben esa lúa chea adicional que desencaixaba as contas resultaba moi importante: “Con todo, en ocasións a Lúa aparece chea trece veces nun ano. Isto considerábase unha circunstancia moi desafortunada, en especial por parte dos monxes que tiñan ao seu cargo a elaboración do calendario. Volvíase necesario para eles a creación dun calendario de 13 meses para ese ano, e iso distorsionaba a disposición habitual das festas relixiosas. Por esta razón o trece pasou a ser considerado un número de mala sorte”.

Así o contaba en 1937 o Maine Farmer’s Almanac, publicación que manexaba o concepto tradicional de Lúa azul. En 1946 James Hugh Pruett, redactor da “Sky and Telescope” (a máis difundida entre os afeccionados), tomou como referencia o citado almanaque mais interpretou mal a definición de “blue moon”, difundindo para todo o mundo desde a revista a explicación que hoxe é a máis habitual. Como o erro xa non ten volta atrás, na actualidade danse por boas as dúas definicións.

Doce anos antes da confusión de Pruett, Richard Rodgers e Lorenz Hart crearon unha canción que acabou por ser un clásico. Mañá será unha boa ocasión para recordala.

1 Comment