Antonia Ferrín Moreiras

Biografía

Antonia Ferrín Moreiras (Ourense, 13 de maio de 1914 – Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2009) foi unha galega que, no ano 1963, converteuse na primeira muller española en defender unha tese de doutoramento sobre astronomía.

Familia

É a terceira de catro irmás nunha familia con poucos recursos económicos, pero que daba importancia á educación. O seu pai era profesor de matemáticas e as catro irmás (Celsa, María, Antonia e Pastora) cursaron estudos superiores, algo inusual para as mulleres naquela época.

Estudos

Con 6 anos a súa familia trasladouse a Santiago de Compostela, onde cursou as ensinanzas básicas, o bacharelato e os seus primeiros estudos universitarios. En 1935 obtitvo os títulos de licenciada en Químicas e Mestra Nacional con un expediente brillante. E no ano seguinte matriculouse en varios cursos de Ciencias Exactas e comezou a carreira de Farmacia, que rematou en 1940.

Anos máis tarde, Antonia Ferrín cursou como alumna libre os últimos anos da carreira de Matemáticas na Universidade Central de Madrid, obtendo a licenciatura en 1950.

Entre 1952 e 1954 realizou os estudos de doutoramento en Madrid e o 14 de setembro de 1963 defendeu a tese “Observaciones de pasos por dos verticales” realizada baixo a dirección de Ramón María Aller. Foi a primeira tese de astronomía que se leu na Facultade de Matemáticas da USC, pero ademais era a primeira tese de astronomía defendida por unha muller en España.

Actividade profesional

Os primeiros traballos de Antonia Ferrín non son remunerados e compatibilizounos con estudos: exerce como profesora axudante en prácticas impartindo materias de Física e Matemáticas na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, tamén exerce como axudante interina no Departamento de Ciencias do Instituto Arcebispo Xelmirez e se incorpora como profesora de matemáticas na escola para nenas orfas Nosa Señora dos Remedios.

Durante a Guerra Civil acusárona de ideoloxía política subversiva e abrironlle un expediente de depuración polo que foi apartada da docencia. En 1940 conseguiu que revisaran a causa, cancelaron a pena e puido volver á docencia. Traballou desta volta como profesora asistente e adxunta na USC xunto ao profesor Enrique Vidal Abascal, quen lle presentou a Ramón María Aller Ulloa, fundador e director do Observatorio Astronómico da USC.

A unha idade temperá, con tres licenciaturas e o título de Mestra Antonia podía atopar traballos ben remunerados, pero quedou cautivada pola Astronomía, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional. En 1950 consigue unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas para realizar investigacións no Observatorio Astronómico de Santiago de Compostela e dous anos despois un contrato como asistente de investigación, converténdose na primeira astrónoma galega.

En 1953 aprobou as oposicións para profesora titular de matemáticas na Escuela Normal de Magisterio de Santander. E en 1955 comezou a traballar na escola para nenas Isabel La Católica en Santiago de Compostela, naquel tempo axudou a impulsar a creación da Licenciatura de Matemáticas na Facultade de Ciencias da USC. O conseguiron en 1957 e Antonia foi a primeira muller profesora desta Facultade. O 24 de maio de 2008, xa retirada, foi nomeada madriña do 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC.

Dende 1957 ata 1984, cando se xubilou, Antonia compatibilizou a investigación en astronomía coa actividade docente de matemáticas e mecánica celeste en diferentes centros de Galicia e Madrid. Así mesmo, participou dos primeiros encontros internacionais de matemáticas que se celebraron en España.

Aportacións á astronomía

Antonia Ferrín aprendeu o uso de instrumentos como o anteollo de pasos ou o telescopio refractor de doce centímetros. Con este sinxelo instrumental levou a cabo minuciosas e pacientes observacións nas frías noites de inverno galegas, nas súas memorias recorda o intenso frío que viviu porque as súas saias non lle daban suficiente abrigo e naquela época non se toleraba que as mulleres puideran vestir pantalóns. Investigou ocultacións de estrelas pola Lúa, pasos de estrelas por dúas verticais e medidas micrométricas de estrelas dobres. Os cálculos, medicións e análises do ceo que realizou no Observatorio foron publicados en revistas especializadas, como Urania.

 

Recursos

Monografías

Experiencias

Literatura

 

Rúa Antonia Ferrín Moreira

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío solicitou o 9 de febreiro de 2022 á Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña o nomeamento dun espazo público no termo municipal co nome Antonia Ferrín Moreiras.

Referente galega na astronomía

Sen ningunha dúbida Antonia foi unha muller extraordinariamente notable. Estudou, ensinou, investigou e traballou incansablemente nunha sociedade e nunha época onde as mulleres tiñan difícil realizar actividades fora da casa. Non en vano, logrou algúns fitos importantes: sendo a primeira astrónoma galega, defendendo a primeira tese de astronomía en Galicia e sendo a primeira muller en facelo en España.

Antonia Ferrín Moreiras foi un exemplo de intelixencia, de extraordinaria capacidade de traballo e de singular paixón polo coñecemento. Un espírito incansable de estudo e traballo ao longo da súa vida que contribuíu a transmitir nos seus semellantes.

Camiñando cara un rueiro municipal representativo

Un municipio comprometido cunha gobernanza para todas e todos en igualdade debe incorporar unha perspectiva de xénero que, entre outras políticas, estratexias e instrumentos, proporcione máis visibilidade a figuras e referentes femininos.

O nome das rúas forma parte da cultura popular, rememoran ou homenaxean a figura de personaxes públicos, case sempre masculinos pola diferenza dos roles tradicionalmente asignados a homes e mulleres, polo que a inclusión de personaxes femininos é un acto de xustiza e reparación.

As mulleres están pouco presentes no nomenclátor do termo municipal coruñés, unha desigualdade e agravio histórico que, se ben é certo que non é exclusivo da Coruña, debemos contribuír a paliar (datos de 2018 identifican que menos do 5% das rúas coruñesas teñen nome de muller).

Coruña científica

Dende a década dos 80 ate a actualidade son numerosos os proxectos emprendidos ou apoiados polo Concello da Coruña que poñen en valor a Ciencia para a cidadanía. Non por casualidade existen os tres Museos Científicos Coruñeses, asentouse aquí unha das sedes do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía ou lévanse celebrado vinte cinco edicións da romaría científica: Día da Ciencia na Rúa.

Queremos que a ciencia tome as rúas, que a cultura e a educación científica se estenda máis alá dos museos. E que igual que podemos camiñar pola Rúa Severo Ochoa, Newton ou Galileo Galilei, o poidamos facer pola Rúa Antonia Ferrín Moreiras.

 

Apoia a iniciativa

Cremos que Antonia, por quen foi e o que fixo, merece a honra de ter unha rúa co seu nome na cidade, pero tamén cremos que a incorporación de mulleres científicas ao nomenclátor municipal é un acto simbólico e necesario.

Asina en Change.org

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío creou unha petición na plataforma Change.org, podes mostrar o teu apoio á Rúa Antonia Ferrín Moreiras asinandoa.

Tamén podes compartila coas túas amizades e/ou redes sociais para facela chegar a máis xente.

Accede aquí á petición

Actualiza o teu perfil 

Podes mostrar o teu apoio á iniciativa engadindo o marco “Eu ❤️ Rúa Antonia Ferrín” á túa imaxe de perfil ou actualizando o teu perfil con algunha das imaxes que te facilitamos a continuación:

Descarga aquí o marco en PNG

Actualiza a túa imaxe de perfil con este marco en redes sociais, Whatsapp, Telegram e outras aplicacións.

 

Descarga aquí o marco en PNG

Actualiza a túa imaxe de perfil con este marco en redes sociais, Whatsapp, Telegram e outras aplicacións.

 

 

Descarga aquí a imaxe en PNG

Actualiza a túa imaxe de perfil en redes sociais, Whatsapp, Telegram e outras aplicacións.

 

Descarga aquí a imaxe en PNG

Actualiza a túa imaxe de perfil en redes sociais, WhatsApp, Telegram e outras aplicacións.

Colabora coas túas ideas 

Suxírenos a través das nosas redes sociais as rúas, prazas, parques… e outros lugares no concello da Coruña que te parecen apropiados para poñerlle o nome de Antonia Ferrín Moreiras.

www.facebook.com/agrupacionio

www.twitter.com/agrupacionio

www.instagram.com/agrupacionio

 

Algunhas ideas:

  • Praza Antonia Ferrín Moreiras, ubicaríase na actual “Praza Museo Nacional de Ciencia” xunto ao Edificio Prisma de Cristal que alberga o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT) e a Residencia Universitaria Elvira Bao (UDC). Esta ubicación resulta de especial interese para honrar a Dona Antonia Ferrín Moreiras polo vínculo coa ciencia de ambos edificios.

 

  • Avenida Antonia Ferrín Moreiras, ubicaríase nun tramo da actual “Estrada dos Fortes”, concretamente dende a rotonda do Monumento ás Víctimas ao Terrorismo ata a rotonda do Portiño. Esta ubicación ten un significado especial para a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, sendo unha senda que moitos astrónomos amadores e astrofotógrafos recorren para chegar a un dos mellores puntos de observación das postas de Sol dende a nosa cidade.

 

  • Camiño Antonia Ferrín Moreiras, ubicaríase no Parque de Santa Margarida, dando nome a un dos camiños internos do Parque, por exemplo o que enlaza a Rúa Padre Sarmiento co Auditorio do parque. Esta achega podería complementarse co nomeamento de todos os camiños do parque con nomes de outras mulleres científicas.