A Agrupación Ío presenta por primeira vez en Galicia un documental sobre contaminación luminosa


– Será na Domus da Coruña mañá mércores, 15 de maio, ás 20:00, con entrada gratuíta.

– A actividade súmase á celebración mundial do “Día Internacional da Luz”, promovida pola UNESCO.

O director Sriram P. Murali realizou o pasado ano un documental titulado “Saving the Dark” (Salvar a escuridade), para crear conciencia sobre o problema global que representa a contaminación luminosa en todo o planeta. Coa participación e a asesoría dun elevado número de persoas expertas neste tema procedentes de diferentes ámbitos, desde a astronomía á medicina ou a ecoloxía, o director explícanos o elevado impacto da luz artificial pola noite como axente contaminante que ataca o medio ambiente, afecta á saúde humana, dilapida enerxía e diñeiro e aniquila o valioso patrimonio cultural que representa o firmamento nocturno.

O documental foi exhibido nos últimos meses en diversos festivais de cinema e chega agora por primeira vez a Galicia da man da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses. O filme, de 56 minutos de duración, proxectarase en versión orixinal subtitulada ao castelán na sala Leonardo da Vinci da Domus mañá mércores 15 de maio ás oito da tarde, con entrada gratuíta até completar o espazo. Con esta actividade a Agrupación Ío e os Museos Científicos Coruñeses súmanse á celebración mundial do “Día Internacional da Luz”, que desde 2018 promove cada 16 de maio a UNESCO.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contacto

Agrupación Ío

Casa das Ciencias da Coruña

Parque de Santa Margarida s/n 15005

Teléfono : +34 604 05 49 06

Email : info@agrupacionio.com