O 12 de agosto de 2026 producirase un acontecemento astronómico de especial relevancia: unha eclipse total de Sol visible desde a cidade da Coruña e área metropolitana. Trátase dun fenómeno natural extraordinario, no que a Lúa se sitúa exactamente entre a Terra e o Sol, ocultando completamente o disco solar durante un breve intervalo. Na Coruña, a eclipse desenvolverase aproximadamente entre as 19:31 e as 21:22, acadando o seu momento máximo arredor das 20:28, cunha totalidade que durará algo máis dun minuto.
As eclipses totais de Sol son fenómenos pouco frecuentes nun mesmo territorio. Durante ese breve instante, o ceo escurece, a temperatura descende lixeiramente e fanse visibles estruturas da atmosfera solar que normalmente permanecen ocultas pola intensa luminosidade do Sol. Máis alá do seu interese científico, constitúen tamén unha experiencia colectiva profundamente impactante, capaz de mobilizar a cidadanía arredor da observación dun acontecemento natural extraordinario. Espérase que o fenómeno teña un impacto notable na vida urbana da cidade e da súa área metropolitana, mobilizando a moitas persoas interesadas.

Neste contexto propónse a iniciativa “Pechado por eclipse”, unha proposta simbólica e práctica que anima a concellos, empresas e entidades diversas con servizos non esenciais a considerar a adaptación temporal dos seus horarios durante o día no que terá lugar o fenómeno. A iniciativa pretende facilitar que traballadores, usuarios e cidadanía poidan vivir colectivamente este momento excepcional, sen que a actividade ordinaria de determinados servizos constitúa un impedimento para participar na observación da eclipse.
Sumarse a esta proposta pode representar unha oportunidade para expresar un compromiso claro coa ciencia e coa cultura científica. A eclipse total de Sol é un dos fenómenos naturais máis impresionantes que poden observarse a simple vista, e constitúe tamén unha ocasión privilexiada para espertar curiosidade polo coñecemento científico e polos procesos que explican o funcionamento do sistema Sol-Terra-Lúa. A participación de institucións públicas, empresas e entidades nesta iniciativa permitiría asociar a súa imaxe coa promoción da ciencia e coa valorización social do coñecemento.
A adaptación temporal dos horarios tamén pode interpretarse como unha medida de apoio ás persoas traballadoras. Facilitar que traballadores e traballadoras poidan vivir este momento sen verse obrigados a permanecer en espazos pechados durante o instante de totalidade contribúe a reforzar unha cultura organizativa sensible ás experiencias colectivas que forman parte da vida social e cultural dunha comunidade.
Ademais, a redución puntual da actividade non esencial pode ter efectos positivos desde o punto de vista da mobilidade urbana. Prevese que durante esas horas exista unha importante mobilización cidadá cara a espazos abertos e lugares con boa visibilidade do horizonte noroeste. A diminución de desprazamentos asociados á actividade ordinaria podería contribuír a unha xestión máis ordenada da circulación e dos fluxos de persoas nun momento especialmente singular.
Para institucións culturais, educativas ou científicas, a proposta tamén presenta unha coherencia evidente. Museos, bibliotecas, centros educativos ou espazos culturais teñen entre as súas funcións principais promover o acceso ao coñecemento e favorecer experiencias significativas de aprendizaxe. Manter a actividade ordinaria durante un fenómeno natural que precisamente invita a ser observado podería resultar paradoxal; pola contra, facilitar o acceso directo á experiencia da eclipse reforza o papel educativo e cultural destas institucións.
A eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 constitúe, en definitiva, unha circunstancia extraordinaria que non volverá repetirse nas mesmas condicións nun futuro próximo. Do mesmo xeito que ocorre noutras datas singulares nas que se adoptan horarios especiais ou organizacións excepcionais, este acontecemento pode xustificar pequenos axustes nos horarios ou a interrupción puntual de servizos non esenciais.
Por todo iso, convídase a concellos, empresas e entidades da área da Coruña a considerar a posibilidade de sumarse á campaña “Pechado por eclipse”, contribuíndo a que a cidadanía viva plenamente un acontecemento que forma parte do patrimonio natural e cultural da humanidade e a converter esa tarde nun momento colectivo de encontro coa ciencia e coa natureza. Un pequeno xesto organizativo pode transformarse así nun símbolo compartido dunha cidade que celebra o coñecemento e mira ao ceo con curiosidade.
Cartaz horario modificado
Se a entidade abrirá durante o día 12 de agosto, pero modificiará o seu horario habitual, podes empregar esta versión do cartaz que te permite indicar o horario adaptado para a xornada. Segundo mellor se adapte ao teu espazo (mostrador, ventanais…), podes descargar a versión horizontal ou a versión vertical.
Preme neste enlace para descargar a versión horizontal de horario especial.

Preme neste enlace para descargar a versión vertical de horario especial.

Cartaz de peche
Se a entidade non abrirá durante o día 12 de agosto podes empregar esta versión de peche. Segundo mellor se adapte ao teu espazo (mostrador, ventanais…), podes descargar a versión horizontal ou a versión vertical.
Preme neste enlace para descargar a versión horizontal de peche.

Preme neste enlace para descargar a versión vertical de peche.

Outros recursos gráficos
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío tamén pon á túa disposición versións en formato redondo e cadrado que podes empregar como pegatina, chapa ou imaxe de perfil nas redes sociais.
Preme neste enlace para descargar a versión redonda da identidade gráfica.

Preme neste enlace para descargar a versión cadrada da identidade gráfica.

Documentos informativos
Ademais, poñemos á túa disposición a nota de prensa e os documentos informativos elaborados para entidades públicas, empresas, e entidades sociais e culturais.
- Descarga neste enlace a nota de prensa
- Descarga neste enlace o documento informativo para entidades públicas
- Descarga neste enlace o documento informativo para empresas
- Descarga neste enlace o documento informativo para entidades sociais e culturais
A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío agradece a colaboración de Manel Cráneo no deseño da imaxe identitaria e de Marta Cortacans no deseño gráfico da campaña.