Eclipse Total de Sol 2026
O 12 de agosto de 2026 viviremos na Coruña un evento que non volveremos a vivir en Galicia ata 2180.
Gozar da eclipse require certa planificación porque o Sol estará baixo no horizonte durante a totalidade, así que un horizonte despexado cara ao oeste pode marcar a diferenza entre ver a totalidade ou perdela porque no punto concreto onde fiques esperando por ese gran momento haxa un edificio, unha árbore ou unha montaña que te tape a dirección cara ao Sol.
Seguridade: para calquera fase parcial non mires ao Sol directamente sen protección homologada (lentes para eclipses con norma ISO 12312-2 2015), podes empregar no seu lugar métodos de observación indirecta. A totalidade é o único momento no que se pode retirar a protección, e só mentres o Sol estea completamente cuberto.
Por que aprender sobre isto?
Unha eclipse total de Sol non é só “algo bonito no ceo”. É unha experiencia pouco frecuente que combina asombro, coñecemento e convivencia, e que ademais require facer as cousas ben para gozala con seguridade.
1) Porque entender o que ves multiplica a experiencia. Saber por que a Lúa pode tapar o Sol, por que existe unha franxa de totalidade, ou por que cambian a luz e o ambiente durante uns minutos, fai que non sexa “unha curiosidade”, senón un momento que lembramos como unha vivencia completa.
2) Porque a seguridade non é intuitiva. A maior parte do tempo (antes e despois da totalidade) o Sol non se pode mirar directamente. Aprender isto con calma evita riscos e axuda a que toda a familia participe sen improvisacións.
3) Porque é un plan perfecto para gozar en variadas circunstancias. É un plan válido para facer con mascotas, en familia, coa compañía de amizades ou de xeito individual. A eclipse é unha desculpa marabillosa para saír ao exterior, practicar a paciencia e a observación e compartir unha actividade científica interxeracional. Con dous ou tres pasos sinxelos (lugar + horario + protección) convértese nun plan inesquecible.
4) Porque é cultura científica. Vivimos rodeados de información: predicións, vídeos, “trucos”, consellos contraditorios… Aprender o básico dá ferramentas para distinguir o fiable do perigoso e para explicarlle isto a outras persoas.
E por que traballalo na escola?
Unha eclipse total de Sol é unha oportunidade didáctica excepcional porque permite conectar ciencia real, observación directa e pensamento crítico cun fenómeno que vai ocorrer na nosa contorna. Como proxecto de centro permite pensar unha proposta na que o alumnado investiga, prepara, comunica e comparte a experiencia e o aprendido, vinculando aprender sobre a Eclipse de Sol a outros proxectos de radio escolar ou con carácter interxeracional e de implicación da comunidade educativa onde o alumnado sexa guía de aprendizaxe para as súas familias, outras compañeiras e compañeiros do centro, ou vecindade do barrio ou localidade.
En termos de competencias, podemos vencellalo a:
-
Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM): comprensión de modelos (Sol-Terra-Lúa), escalas, movementos aparentes, luz e sombra, e lectura de evidencias.
-
Competencia dixital (CD): uso crítico de ferramentas (mapas, simuladores, apps de horizonte), contraste de fontes e verificación de información.
-
Competencia persoal e social (CPSAA): planificación, atención á seguridade, autorregulación e aprendizaxe baseada en proxectos.
-
Competencia cidadá (CC): cultura científica para decidir con criterio (seguridade ocular, fake news, responsabilidade colectiva).
En termos de materias, algunhas ideas son:
-
Ciencias da Natureza / Bioloxía e Xeoloxía / Física e Química: sistema Sol-Terra-Lúa, fases da Lúa, estacións, óptica básica, atmosfera, método científico (hipóteses–observación–rexistro).
-
Matemáticas: medidas e estimacións (ángulos, tempos), representación de datos, proporcións e escalas.
-
Xeografía e Historia: localización e orientación (horizonte, puntos cardinais), lectura de mapas, impacto social e memoria cultural das eclipses.
-
Linguas: produción oral e escrita (explicar con precisión, distinguir opinión de evidencia, elaborar textos e infografías), mais tamén buscar e ler en hemerotecas como se vivenciaron outras eclipses, e apreciar a presenza do fenómeno na literatura ou no cine.
-
Educación en valores / titoría: seguridade, coidado, responsabilidade, cooperación e aprendizaxe-servizo coa comunidade.
Materiais Didácticos
O proxecto formativo e divulgativo da colección A Nosa Estrela pola eclipse toral de Sol visible na Coruña en 2026 composto por diversos materiais didácticos para abordar contidos vinculados á astronomía relacionada co sol.
Exposición “Baixo a sombra da Lúa: eclipse de Sol
Composta por 2 biombos de 170 cm x 150 cm presentados nun formato de cartón que se plega en acordeón para ser fácil de transportar. Cada biombo está formado por seis paneis pensados para ler nunha determinada orde (que marca unha fotografía do Sol a pe de panel que vai evolucionando como na eclipse), se ben todos os paneis teñen sentido por si mesmos e non resulta imprescindible seguir a orde. Un dos biombos está centrado na explicación de que son as eclipses e, en concreto as eclipses de Sol (condicións, tipos, fases). O outro biombo pon atención á explicación da eclipse de Sol do 12 de agosto de 2026 (incluindo cuestións de seguridade).
- Podes descargar a exposición en formato dixital premendo no link: Expo baixo a sombra da lúa. Podes imprimila e usala baixo licenza CC BY-NC-SA.
- Durante o verán de 2026 podes visitar a exposición na Casa das Ciencias e no MUNCYT (consultar horarios e datas directamente a cada museo).
- Hai dispoñible unha copia itinerante que se cede de balde a centros educativos, bibliotecas, centros cívicos e outras entidades culturais e sociais de Galicia. A entidade solicitante debe encargarse do traslado da exposición previo acordo coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Se te interesa realiza a solicitude enviando un correo electrónico a formacion@agrupacionio.com
- CEIP de Zalaeta (A Coruña): 5 ao 19 de xuño de 2026.
- Cullerciencia (Culleredo): 6 de xuño de 2026.
- Polos eclipsados (Santiago de Compostela): 9 de xuño de 2026.
- Biblioteca Municipal Durán Loriga (A Coruña): 1 de xullo ao 15 de agosto de 2026.
- Biblioteca Fórum Metropolitano (A Coruña): 13 de xullo ao 31 de agosto de 2026.
- Biblioteca Sagrada Familia (A Coruña) 13 de xullo ao 31 de agosto de 2026.

Caixa estenopeica para a observación segura do Sol mediante proxección
Unha caixa estenopeica é un dispositivo sinxelo que permite observar o Sol de maneira indirecta, proxectando a súa imaxe sobre unha pantalla branca dentro dunha caixa.
Podes descargar a versión preliminar deseñada para impresión A3 no link: Caixa estenopeica. Podes imprimila e usala baixo licenza CC BY-NC-SA.
Podes descargar a versión maquetada deseñada para impresión A2 no link: Ío_Caixa estenopeica_AF. Podes imprimila e usala baixo licenza CC BY-NC-SA.
Manual didáctico para educadoras, profesorado, monitoras e outras persoas formadoras no que atoparás información sobre a montaxe, uso e achegas didácticas da caixa estenopeica. Podes descargalo e usalo baixo licenza CC BY-NC-SA premendo no link: Manual didáctico caixa estenopeica
Realizamos obradoiros de caixas estenopeicas para centros educativos, bibliotecas, centros cívicos e outras entidades culturais e sociais da comarca da Coruña. Consultar dispoñibilidade en formacion@agrupacionio.com
