Actividade do proxecto Amanar na Coruña
Que: Amanar é un proxecto organizado por GalileoMobile, unha iniciativa de divulgación sen ánimo de lucro que achega a astronomía á rapazada e a mocidade de todo o mundo, con especial énfase nas rexións que teñen poucas oportunidades para acceder a actividades científicas. O proxecto Amanar está especificamente dirixido á comunidade saharauí e comprende tanto accións de formación para o profesorado nos campamentos de refuxiados en Alxeria como actividades de divulgación astronómica e visitas a museos, planetarios ou observatorios para as crianzas que veñen en verán a España dentro do programa “Vacacións en Paz”. O proxecto comezou nas Illas Canarias en 2019 mais tivo sempre vocación de estenderse a outras rexións do estado. Despois da interrupción que supuxo a pandemia, en 2022 Amanar desenvolve actividades tamén en Granada, Valencia, Madrid e A Coruña. Amanar conta co apoio da Unión Astronómica Internacional a través da súa Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (IAU OAD).
O proxecto Amanar, en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e os Museos Científicos Coruñeses, organiza esta actividade cultural e astronómica totalmente gratuíta dirixida á rapazada saharauí que participa no programa “Vacacións en Paz” e as súas familias de acollida. A actividade consistirá nunha visita á Casa das Ciencias e o Planetario, que irá seguida dunha observación astronómica na contorna do museo, no Parque de Santa Margarida.
Cando: mércores 24 de agosto, a partir das 19:50.
Onde: na Casa das Ciencias e o Parque de Santa Margarida.