Notas sobre o proxecto de “Real Decreto por el que se aprueba el Reglamento de ahorro y eficiencia energética y reducción de la contaminación lumínica en instalaciones de alumbrado exterior y sus instrucciones técnicas complementarias” (PRD, 16/07/2021) e da súa “Memoria de análisis de impacto normativo” (MAIN, 16/07/2021).

0. Resumo

Este proxecto, no que atinxe á redución da contaminación luminosa, baséase nun enfoque regulamentario obsoleto que se mostrou ineficaz para o cumprimento dos obxectivos proclamados. O proxecto contempla de forma practicamente exclusiva medidas (moi insuficientes) aplicábeis a instalacións individuais e renuncia a establecer límites á deterioración dos valores naturais da noite. Non se marcan valores límite do brillo artificial do ceo e tampouco dos indicadores de efectos ambientais ou de saúde pública. Non incorpora a necesidade explícita de limitar as emisións acumuladas totais do territorio, elemento chave para calquera política eficaz de control da contaminación luminosa. O proxecto, que reproduce o ineficaz esquema conceptual do RD 1890/2008 aínda vixente, contén ademais novas disposicións que impulsarán o aumento da superficie iluminada, contradicindo os seus obxectivos.

1. Notas xerais

1.1. O obxectivo específico da regulación é o aforro e eficiencia enerxética e redución da contaminación luminosa. A fixación de valores máximos de emisións luminosas e de consumos de potencia entra claramente dentro do ámbito natural do mesmo. Porén, o texto do proxecto impón frecuentemente valores mínimos de emisións e consumos, contrarios ao seu fin inicial.

1.2. Mentres que os límites superiores de emisións e consumos van sistematicamente acompañados de especificacións que permiten evitalos facilmente, os requisitos mínimos preséntanse como obrigatorios case sen excepcións.

1.3. Os niveis superiores de emisións indicados no proxecto son claramente superiores aos recomendábeis, e boa parte deles carecen de base científica ou son contrarios ao que recomenda o coñecemento actual.

1.4. O proxecto regula materias fóra do seu ámbito de competencia, igual que o RD actualmente vixente, ao establecer requisitos de niveis mínimos para a iluminación viaria funcional, ambiental e mesmo ornamental, e especificar cando e en que condicións debe procederse a esta, materias que deben ser obxecto de regulación por parte das administracións competentes neses temas. Carece de fundamento o intento reiterado de xustificar esta intromisión competencial baixo o argumento de que é un regulamento de seguridade industrial que afecta a aspectos puramente técnicos do uso seguro dos produtos de iluminación.

1.5. O conxunto xeral de disposicións contidas neste proxecto non ten relación lóxica cos obxectivos proclamados. Pola contra, promove directamente o aumento da contaminación luminosa ao favorecer, e en varios casos impoñer, o aumento da superficie iluminada total e o uso de fontes de CCT superior á recomendábel.

1.6. O proxecto non representa avances reais respecto ao tremendamente deficitario RD vixente, e mantén cláusulas de contido ambiguo que foron cuestionadas publicamente de forma continuada estes últimos anos, polo que a súa repetición neste texto non pode atribuírse a un mero erro.

1.7. O proxecto carece de disposicións minimamente críbeis sobre verificación e control das instalacións no que respecta á contaminación luminosa, pois limítanse a comprobacións do cumprimento do regulamento de baixa tensión e dun reducidísimo número de parámetros fotométricos, máis un catálogo de deficiencias a comprobar clamorosamente incompleto en termos científico-técnicos.

1.8. O proxecto ignora o inxente volume de resultados de investigación científica obtidos no últimos vinte anos nos ámbitos dos enfoques para a redución da contaminación luminosa e dos seus efectos sobre o medio ambiente e a saúde humana.

1.9. O proxecto ignora as recomendacións científico-técnicas da UE nesta materia así como as recentes resolucións do Parlamento Europeo, e sitúa o marco lexislativo do estado español por detrás da lexislación europea en aspectos fundamentais.

Salvador Bará (USC / Agrupación Astronómica Coruñesa Ío)