O vindeiro sábado 14 de maio a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío organiza a terceira edición do Encontro da Noite, unha xornada divulgativa sobre contaminación luminosa, protección da noite e posta en valor da paisaxe nocturna. A actividade conta co apoio do Concello da Coruña a través dos Museos Científicos Coruñeses.
Abrirá o III Encontro da Noite ás 11:00 Anxo Angueira, poeta e presidente da Fundación Rosalía de Castro, cunha intervención que leva por título “Rosalía de Castro e a noite”. A paisaxe da noite está moi presente na obra da escritora que agora dá oficialmente nome a unha estrela. No tempo de Rosalía non había contaminación luminosa, así que o firmamento e os corpos celestes formaban parte da vida cotiá de todas as persoas e, por suposto, están integrados na literatura da autora máis relevante das letras galegas.
Ás 11:30 será a quenda de Alba Nogueira, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, coa palestra “O Dereito e o revés da contaminación luminosa”. A regulación da contaminación luminosa é un territorio relativamente inexplorado e desatendido polo Dereito. Porén existen iniciativas normativas, técnicas e de intervención administrativa para abordar unha regulación que protexa a noite e evite algúns dos efectos da contaminación luminosa.
Airam Rodríguez, profesor no Departamento de Ecología da Universidad Autónoma de Madrid, impartirá ás 12:00 a conferencia “La contaminación lumínica mata”. A contaminación luminosa ten un impacto grande sobre a biodiversidade e en particular representa unha ameaza para un grupo de aves, as aves mariñas. A atracción e desorientación provocada pola luz artificial nos exemplares novos en arredor de 70 especies causa unha gran mortalidade en todos os océanos do mundo. Malia a ser unha causa de mortalidade importante nalgunhas especies criticamente ameazadas, o noso coñecemento do fenómeno é aínda limitado. Nesta presentación, Airam falará do que xa sabemos e o que deberiamos saber para mitigar esta traxedia, así como dos desafíos aos que nos enfrontamos para obter esta información.
Pechará a sesión da mañá ás 13:00 María Ángeles Bonmatí, investigadora postdoc no Ciber de Fragilidad y Envejecimiento Saludable (Instituto de Salud Carlos III), no Laboratorio de Cronobiología da Universidad de Murcia, coa charla “Contaminación lumínica: cuando es la luz lo que nos quita el sueño”. A contaminación luminosa prívanos dun ben fundamental para o ser humano e o resto de seres vivos: a escuridade. O exceso de luz na noite non só nos impide gozar do firmamento nocturno senón que, ademais, pode estar relacionado coa aparición de alteracións do sono e outros problemas de saúde, xa que contribúe a desaxustar os nosos reloxos biolóxicos.
O Encontro reanúdase pola tarde ás 17:00 con Sandra Benítez Herrera, astrofísica e educadora científica, coordinadora do proxecto CESAR e responsable de comunicación de ESAC e colaboradora da iniciativa voluntaria de divulgación GalileoMobile. Na conferencia “Suave es la noche: la importancia cultural y social del cielo oscuro” aprenderemos como, para alén da súa importancia científica, a noite e os ceos estrelados achegan beneficios desde un punto de vista social e cultural. Sandra exporá exemplos de como o acceso aos ceos escuros pode axudarnos a resolver algúns dos problemas máis relevantes da nosa sociedade.
As actividades na Domus rematarán coa disertación “Noites escuras, ideas brillantes: as revolucións cosmolóxicas do s.XX”, a cargo de Antón Baleato, cosmólogo e investigador postdoc no Berkeley Center for Cosmological Physics e Lawrence Berkeley National Laboratory. O avance da astrofísica ao longo do século XX transformou radicalmente a nosa imaxe do cosmos. Ideas que agora até forman parte da cultura popular eran ciencia de vangarda ou simplemente aínda non existían hai apenas cen anos. Mais todas esas ideas precisaron e precisan de noites escuras que estimulen a formulación de preguntas e a procura de respostas.
O III Encontro da Noite complétase cunha proxección especial no planetario da Casa das Ciencias do documental “Pirineos la Nuit”, presentado por Fernando Jáuregui, astrofísico do Planetario de Pamplona. Lonxe da gran cidade, os astros presiden o ceo desde a espesura negra da noite. No profundo dos vales pirenaicos, o manto estrelado aínda recorta a silueta das montañas que se erguen cara ao ceo. Desde os cumios, as cidades afastadas tinguen o horizonte de luz artificial. O documental “Pirineos la Nuit” alerta do crecemento sostido da contaminación luminosa e o seu impacto no medio ambiente, ao tempo que reivindica a protección da escuridade natural da noite e a iluminación intelixente das cidades para recuperarmos a paisaxe bela e inspiradora do ceo estrelado.
A Agrupación Ío ofrece a posibilidade de inscrición previa no III Encontro da Noite a través deste formulario para asegurarse praza. As persoas inscritas á xornada completa da Domus recibirán un certificado de asistencia (se o requiren) e material promocional e divulgativo, participarán no sorteo de astrocalendarios 2022 por xentileza de Ceos Galegos e terán acceso á sesión no planetario do propio sábado ás 20:00.