– Celebrarase o xoves 5 de agosto ás 19:30 na Domus da Coruña, con entrada gratuíta até completar espazo.
– Con esta actividade regresa o ciclo de conferencias “Coruña científica”, que conta co apoio do Concello da Coruña.
Logo da pausa obrigada pola pandemia, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío recupera o ciclo de conferencias “Coruña científica” este xoves 5 de agosto na Domus da Coruña. A astrofísica galega Olga Suárez, responsábel da Oficina de Educación e Divulgación do Observatorio da Costa Azul, impartirá unha charla co título “El universo de la mano de las pioneras de la astronomía”. Cando pensamos nos grandes personaxes que contribuíron a construír os nosos coñecementos do Universo, véñennos rapidamente á cabeza nomes de grandes homes. Mais… houbo grandes mulleres? Somos capaces de citar algunha? Por que é tan difícil atopar estes nomes femininos? Durante a charla, a relatora revisará diversos aspectos dos nosos coñecementos actuais do Universo, apoiándose nos descubrimentos feitos polas mulleres ao longo da historia.
Olga Suárez estudou Física na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Astrofísica na Universidade de Vigo cunha tese sobre as estrelas na etapa evolutiva posterior á Rama Asintótica de Xigantes (post-AGB, polas siglas en inglés). Traballou no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial entre 2002 e 2007, ano en que foi contratada como post-doc polo Observatorio da Costa Azul, en Niza, onde desde 2010 é directora da Oficina de Educación e Divulgación. Desde esta Oficina deseñan materiais de divulgación e desenvolven proxectos educativos e formativos para docentes e estudantes, que mesmo fan posíbel a colaboración directa entre mozos e mozas dos institutos co persoal científico do observatorio. Como investigadora, os seus intereses céntranse no estudo da evolución das estrelas “vellas”, nomeadamente a transición da etapa post-AGC á fase de nebulosa planetaria.
A asistencia á conferencia é gratuíta, mais as prazas son limitadas en cumprimento dos protocolos COVID-19,e non se fai reserva previa, de forma que o acceso se fará por orde de chegada unha vez feito o pertinente rexistro de datos e até completar a capacidade. É obrigatorio o uso de máscara.