A próxima madrugada, xa no 31 de agosto, temos lúa chea. Segundo se le en moitos medios, trátase dunha “superlúa azul” que non se repetirá até o ano 2037. Mais o feito é que a tal lúa nin é tan “súper” nin é “azul”, ou “blue” no orixinal inglés, ou non o era antes de 1946. Vaiamos por partes.

1. Non é (tan) “súper”.

Imaxe: Sriram.aeropsn, CC BY-SA 3.0. Fonte: wikipedia.

Para o sistema visual humano non só é importante o tamaño das cousas, senón tamén a distancia á cal se atopan. Podemos ver sen dificultade unha formiga que pasea a carón dos nosos pés, mais non a veríamos se estivese a medio quilómetro. Eses dous parámetros, as dimensións reais e a distancia á que está algo, podémolos relacionar a través do “tamaño angular”, o ángulo que forman os extremos dun obxecto vistos desde o noso ollo. O noso sistema visual é capaz de recoñecer obxectos cun tamaño angular de 1 minuto de arco, isto é, a sexaxésima parte (1 de 60) dun ángulo de 1 grao, que á súa vez é 1 parte de 360 do arco completo que debuxa unha circunferencia. As mans sérvennos de referencia para medir ángulos de forma aproximada. Co brazo estirado, unha cuarta -a distancia máxima entre o extremo do polgar e o dedo maimiño- abrangue vinte graos, o puño pechado dez graos e o grosor do dedo maimiño levantado un grao.

Imaxe: adaptada de Sriram.aeropsn. Dominio público. Fonte: wikipedia.

A nosa estrela, o Sol, ten un diámetro de 1,4 millóns de quilómetros e contén, por si só, o 99,86% de toda a masa do sistema solar; no noso barrio celeste é, con diferenza, o corpo maior. A Terra está, en promedio, a 150 millóns de quilómetros de distancia do Sol. A combinación desa distancia media e do diámetro solar real dános un tamaño angular para o Sol visto dende a Terra de algo máis de medio grao (31-32 minutos de arco). A Lúa ten un diámetro de 3474 quilómetros, mais está a “só” 384000 quilómetros, do que resulta que o seu tamaño angular no ceo é, tamén, de algo máis de medio grao. A Lúa é 400 veces máis pequena ca o Sol, mais está 400 veces máis perto, e en consecuencia os seus tamaños aparentes no ceo son semellantes. Esa casualidade é a que permite as eclipses totais de Sol, de feito.

Mais a órbita da Lúa arredor da Terra non debuxa unha circunferencia, senón unha elipse, así que a distancia da Lúa á Terra non é sempre a mesma. Oscila entre un valor máximo, no apoxeo, e un valor mínimo, no perixeo. O rango de distancias móvese entre 356400 e 406700 km, e en consecuencia os tamaños angulares entre 0,5584º (33,5 minutos de arco) e 0,4894º (29,36 minutos de arco). A Lúa no perixeo máis próximo ten un diámetro un 14% maior ca o da Lúa no apoxeo máis afastado: hai, entre a Lúa “máis súper” e a Lúa “máis mini”, apenas 4 minutos de arco de diferenza.

Imaxe: adaptado de Tomruen para wikipedia, CC BY-SA 3.0

Recuperemos a referencia do maimiño: co brazo estirado, o dedo pequeno tapa 60 minutos de arco, ou sexa, dúas lúas cheas (ou dúas veces o Sol, mais lembrade que mirar o Sol sen protección é moi perigoso). Esa Lúa “enorme” da que se fala nas redes sociais medirá, máis ou menos, a metade do grosor do dedo pequeno, hoxe, mañá e no que nos quede de vida. Entre a Lúa máis súper e a Lúa máis mini a diferenza é a quinceava parte do grosor dese dedo. É para tanto? Teoricamente, o sistema visual é capaz de distinguir eses catro minutos de arco de diferenza, mais aí chocamos con outra limitación do noso cerebro: dásenos moito mellor “comparar” ca “medir”. Poderíamos ser quen de distinguir entre dúas Lúas cal é un pouco maior se as tiveramos xuntas no ceo, mais non podemos comparar o tamaño da Lúa de hoxe co tamaño dunha Lúa do mes pasado ou de hai seis meses, que xa non recordamos. Nin sequera podemos comparar “visualmente” o tamaño da Lúa cando sae co que lle vemos unhas horas despois, máis alta no ceo.

Por que, entón, tanta teima con que “se ve inmensa a lúa chea”, para alén do feito obvio de que o disco da Lúa iluminado por completo chame per se a atención, tan redondiño e brillante como é? Nunha lúa chea, o noso satélite sitúase en liña coa Terra e o Sol, mais oposto a este, así que a vemos asomar sobre o horizonte no pór do Sol e sae do ceo contra o abrente. Asoma ao inicio da noite, e iso garante unha audiencia notábel da que non van dispoñer, con certeza, as lúas minguantes, ben máis interesantes para observar con prismáticos, pois é no terminador, a separación entre a zona de luz e sombra, onde podemos recoñecer volumes no satélite. Ademais, cando a Lúa está perto do horizonte a sensación que nos dá é de que é “máis grande”, debido a unha ilusión óptica, a “ilusión lunar”, para a cal non hai unha explicación definitiva e concluínte. Que é unha ilusión é doado de comprobar: a mesma Lúa, unhas horas despois, xa non nos parecerá tan inmensa, e ademais podemos constatar que seguirá medindo medio dedo maimiño.

2. Non é “blue”.

A lúa chea desta madrugada é a segunda do mes de agosto, logo da que houbo o día 1. Posto que o intervalo medio entre dúas lúas cheas é de 29,5 días, non é frecuente que haxa dúas nun mesmo mes; supostamente, esa segunda lúa chea do mes tería dereito a alcume propio, o de “blue moon”, lúa azul, que por suposto non implica que se vaia ver de ningún xeito desa cor. Mais o caso é que nin sequera iso é certo, ou non o foi até que un colaborador da revista “Sky and Telescope” meteu a zoca en 1946.

Imaxe: páxina do Maine Farmer’s Almanac de 1937. Fonte: Sky & Telescope, marzo de 1999.

Segundo parece, non hai significativas referencias dun uso tradicional, nin sequera na cultura anglosaxoa, da expresión “blue moon” cun sentido astronómico (si como símbolo de algo absurdo ou imposíbel, de aí a expresión “once in a blue moon”). Consta o uso no exemplar de 1937 do Maine Farmers’ Almanac, que, escuso dicilo, non era unha publicación mundialmente lida, precisamente. Na folla correspondente ao mes de agosto indícase o 21 como “blue moon” e aparece un breve texto de acompañamento no que se indican algúns nomes dados ás lúas cheas polos “early English ancestors” a razón de tres por estación, esas lúas do lobo (wolf), da colleita (harvest) ou do cazador (hunter) coas que agora nos torturan as axencias de noticias. Calquera lúa chea que non encaixara con esas 12 xerais, ou, en particular, cando nunha estación se deran catro lúas cheas en vez das tres habituais, unha delas sería “blue”, mais non se especifica cal nin como. No caso de 1937, o almanaque converte en “blue” a de agosto, que é a terceira de catro.

O número de xullo de 1943 da revista “Sky and Telescope” fixo mención disto sen explicitar criterio para nomear como “blue” unha lúa. Foi finalmente un artigo de marzo de 1946 de J.Hugh Pruett o que interpretou mal a información do almanaque. Nos anos con 13 lúas cheas habería 11 meses cunha lúa chea e un mes con dúas e “This second in a month, so I interpret it, was called Blue Moon”. Pruett supuxo, seguramente sen ter acceso ao Maine Farmers’ Almanac orixinal e partindo apenas da revista de 1943, que a “blue moon” era simplemente a segunda dun mesmo mes. Non era así segundo a única fonte real dispoñíbel e no fondo tanto daba, porque durante décadas ninguén, tampouco nos Estados Unidos, prestou atención ás “blue moons”. Todo isto cóntao moi ben Philip Hiscock nun artigo da Sky & Telescope de marzo de 1999, “Once in a Blue Moon”. Non foi até os anos 80 que empezou a popularizarse aló o termo co significado errado, que acabou chegando a nós sen ningunha necesidade. Postos a usarmos nomes sen xustificación histórica, mellor inventémolos de noso.

Martin Pawley