O 21 de decembro ás 11:02, hora local, o Sol, na constelación do Seteiro, pasa polo solsticio de inverno, o cal marca o comezo desta estación no hemisferio norte e do verán no hemisferio sur. Na Coruña, o Sol sae ese día ás 9:03 non lonxe do sueste e ponse nove horas despois un pouco máis aló da dirección suroeste. O mediodía, cando o Sol acada a altura máxima, acontece arredor das 13:30, e esa altura, xusto é dicilo, non é moita, apenas 23 graos, que equivale a algo máis dunha cuarta co brazo estendido, tres veces menos da elevación que o Sol chega a ter no noso verán: en inverno, abofé, seca peor a roupa. A noite pecha, cando xa non queda nin o máis mínimo resto de luz solar no ceo, arranca a iso das oito menos cuarto e esténdese até as sete e vinte: once horas e media de absoluta (e necesaria) escuridade natural. Son tantas as horas de noite que algunhas estrelas que desaparecen polo oeste ao solpor podemos velas reaparecer polo leste antes do amencer, como pasa con Vega e Deneb, nas constelacións da Lira e o Cisne.
O hexágono do inverno preside as nosas noites. Chamamos así ao asterismo que forman seis estrelas de seis constelacións diferentes: Capella no Auriga, Aldebarán no Touro, Rigel en Orión (a súa cor azulada contrasta ben co ton vermello de Betelgeuse, no ombro do xigante), Sirio, a estrela máis brillante das noites do país, no Can Maior, Proción no Can Menor e, para rematar, calquera dos xemelgos, Castor ou Póllux (Póllux ten un pouco máis de brillo). En vésperas de Nadal a iso das dez da noite xa saíron todas elas, mais paga a pena agardar até despois de medianoite para velas culminar sobre o horizonte sur e ficarmos abraiados coa inmensa beleza desa rexión do firmamento.
Os Xemelgos dan nome a unha das mellores chuvias de estrelas do ano, as Xemínidas. Neste caso a chuvia non está producida polas partículas que deixou na súa órbita arredor do Sol un cometa, como adoita ser habitual, senón un asteroide, o 3200 Faetón. Esas partículas, do tamaño dun gran de area ou máis pequenas, atravesan a atmosfera terrestre e, ao viaxaren a grande velocidade, quéntanse moito ao rozar co aire producindo o característico trazo luminoso das estrelas fugaces, que na Terra Cha chamamos “filantes”. Cando as partículas son algo máis grandes, o fío de luz pode persistir durante varios segundos: no latín da astronomía amadora, eses meteoros máis rechamantes levan o nome de “bólidos”. 2020, algo tiña que ter de bo, será un espléndido ano para vermos Xemínidas, quen teña onde facelo sen incumprir as restricións, claro, pois a máxima actividade, prevista para a noite do 13 ao 14, cadra cunha noite sen Lúa. Mellor canto máis avanzada a noite, para que o radiante situado nos Xemelgos, isto é, a zona da que parecen, por perspectiva, proceder os meteoros, estea máis alto. O paso das estrelas fugaces é sempre imprevisíbel, así que convén ter paciencia, agardar a que os ollos se afagan á escuridade e ter á vista o maior campo posíbel da bóveda celeste.
O primeiro día do inverno tráenos un agasallo especial: a maior aproximación aparente dos planetas Xúpiter e Saturno desde 1623. Os dous corpos irán xuntándose ao longo de decembro, mais ese día 21 a súa separación angular será de só seis minutos de arco, a quinta parte do largo dunha Lúa Chea. Precisaremos un horizonte suroeste despexado para estirar todo o posíbel a observación do fenómeno, desde a tardiña e até o final do crepúsculo.
O mapa do ceo está calculado para as 22:00 do luns 21 de decembro na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 23:00 do 7, as 22:30 do 14 ou as 21:30 do 28.
A imaxe pequena amosa unha visión moi ampliada das posicións de Xúpiter, Saturno e os seus satélites durante a conxunción do día 21. Desaparecen do horizonte contra as oito, polo cal non aparecen xa no mapa mensual.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 14, sábado 5 de decembro de 2020. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).