Boletín IAU de divulgación da astronomía
Xaneiro #2
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Divulgación IAU: Mulleres e Nenas na Astronomía
2) Unídevos ás sesións de divulgación da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía durante a XXXI Asemblea Xeral da IAU
3) Chamada á comunidade astronómica amadora de todo o mundo
4) Publicación dos informes do grupo de traballo Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade II
5) A IAU lanza a Revista de Educación en Astronomía
6) A IAU axudará a coordinar o Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel da ONU en 2022
7) A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU publica os resultados da convocatoria de propostas de 2021
8) A Oficina de Astronomía para a Educación da IAU publica as actas do 3º Obradoiro Shaw–IAU sobre Astronomía para a Educación
9) Novas NOC: NOCs da rexión árabe, Bangladesh, Exipto e Italia
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Ao comezarmos este novo ano, queremos chamar a vosa atención sobre a XXXI Asemblea Xeral da IAU que se celebrará en agosto de xeito híbrido en Busan, Corea do Sur. A nosa Oficina terá unha sesión especial que se centrará nas iniciativas de divulgación da IAU para comprender (1) o marco e a liña dos programas planificados e en execución; (2) as contribucións que a comunidade da IAU, como grupo, pode achegar para implementar de xeito satisfactorio do Plan Estratéxico da IAU e (3) como se incorporou e desenvolveu o legado das celebracións do 100 aniversario da IAU. Polo tanto, animamos a todas as persoas integrantes da comunidade IAU a unirse a nós na Asemblea Xeral da IAU para compartir as súas mellores prácticas e participar activamente nunha nova década de iniciativas de divulgación, comunicación e participación pública na astronomía.
Non puidemos comezar mellor o noso programa para 2022! O Proxecto Global IAU Mulleres e Nenas en Astronomía celebra o papel das mulleres no avance da ciencia e convida as nenas a pensar en facer carreira na astronomía. O proxecto desenvólvese todos os anos desde o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, até o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Podes unirte á primeira edición especial de Coñece as astrónomas da IAU, a serie de entrevistas “Mulleres e Nenas”, con Jessica Mink, astrónoma e desenvolvedora de software do Observatorio Astrofísico Smithsonian. O evento transmitirase en directo o 11 de febreiro ás 15:30 UTC na canle de YouTube de OAO.
Neste número do noso boletín, destacamos noticias das nosas oficinas irmás, a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento e a Oficina de Astronomía para a Educación. Alégranos compartir convosco o lanzamento da Revista de Educación en Astronomía da IAU, unha nova publicación revisada por pares dedicada á comunidade educativa en astronomía. Ademais, non perdas as noticias da IAU e dos nosos contactos nacionais de divulgación (NOC).
Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,
Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
1) Divulgación IAU: Mulleres e Nenas na Astronomía
Convidámosvos a que vos unades a nós na edición deste ano de Mulleres e Nenas na Astronomía, un evento anual que se celebra do 11 de febreiro ao 8 de marzo e que recoñece o papel da muller no avance da ciencia e anima as nenas a considerar carreiras neste campo. Os e as profesionais de divulgación, pais e nais, a mocidade e as astrónomas e os astrónomos poden contribuír ao programa apoiando unha serie de eventos virtuais e presenciais organizados polas coordinacións de divulgación nacional da OAO e a comunidade de divulgación. Tamén podes unirte a nós na nosa campaña en liña ou participar no concurso Debuxa unha astrónoma para ter a oportunidade de gañar un telescopio, por cortesía do proxecto Stars Shine for Everyone.
Máis información sobre como podes participar en Mulleres e Nenas na Astronomía: https://www.iau.org/public/women-and-girls-in-astronomy/
2) Unídevos ás sesións de divulgación da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía durante a XXXI Asemblea Xeral da IAU
A XXXI Asemblea Xeral da IAU (GA2022) celebrarase do 2 ao 11 de agosto de 2022 en Busan, Corea do Sur, nun formato híbrido, o que significa que as persoas participantes poden rexistrarse como asistentes presenciais ou virtuais. A Oficina de Astronomía da IAU presentará un programa especial dedicado á comunidade IAU que asista á Asemblea Xeral. O envío de resumos está aberto até o 31 de marzo de 2022.
Máis información sobre a sesión da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía: https://www.iauga2022.org/program/program_06_1.asp?sMenu=abo6
Máis información sobre a XXXI Asemblea Xeral da IAU: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22001/
3) Chamada á comunidade astronómica amadora de todo o mundo
A Unión Astronómica Internacional (IAU), como parte do seu Plan Estratéxico 2020-2030, está a colaborar coa comunidade astronómica amadora de todo o mundo e convida a todas as persoas afeccionadas a que cubran unha enquisa coas súas opinións sobre como pode participar o colectivo amador coa comunidade profesional da IAU.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21064/
4) Publicación dos informes do grupo de traballo Ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade II
En outubro de 2021 máis de 700 persoas de 76 países participaron en liña na Conferencia das Nacións Unidas/España/Unión Astronómica Internacional sobre ceos escuros e tranquilos para a ciencia e a sociedade. Nesta segunda reunión, as persoas participantes incidiron na viabilidade de implantar medidas específicas para mitigar o impacto das interferencias artificiais que afectan a visibilidade do ceo e a detección de sinais de radio cósmico que se recomendaron na primeira conferencia. Os resultados desta reunión relátanse nos informes, que xa están dispoñíbeis en liña.
Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22002/
5) A IAU lanza a Revista de Educación en Astronomía
A IAU publicou o primeiro número da Revista de Educación en Astronomía (AEJ, polas siglas en inglés). Esta nova publicación en liña está producida pola Comisión C1 da IAU sobre Educación e Desenvolvemento en Astronomía e ten como obxectivo servir á comunidade educativa en astronomía reunindo publicacións prácticas, académicas e noticias con achegas neste campo.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22003/
6) A IAU axudará a coordinar o Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel da ONU en 2022
O 2 de decembro de 2021 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou oficialmente 2022 como Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel (IYBSSD). A Unión Astronómica Internacional (IAU) forma parte do comité de dirección do IYBSSD e axudará a coordinar as actividades do ano, xunto con outras institucións científicas.
Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21063/
7) A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU publica os resultados da convocatoria de propostas de 2021
A Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento (OAD) da IAU ten o pracer de anunciar os resultados da súa convocatoria de propostas de 2021, a través da cal dezasete proxectos de todo o mundo recibirán un total de 109822 euros en 2022. Estes proxectos abordarán diversos aspectos socioeconómicos e retos de desenvolvemento sostíbel mediante accións relacionadas coa astronomía.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann22004/
8) A Oficina de Astronomía para a Educación da IAU publica as actas do 3º Obradoiro Shaw–IAU sobre Astronomía para a Educación
Que deben saber todas as persoas implicadas na educación astronómica para ter éxito neste campo? Este foi o tema do terceiro obradoiro Shaw–IAU sobre Astronomía para a Educación, que se celebrou en liña do 12 ao 15 de outubro de 2021. As actas deste evento están dispoñíbeis en liña.
Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21065/
9) Novas NOC: NOCs da rexión árabe, Bangladesh, Exipto e Italia
a) Os e as NOC da rexión árabe colaboraron en seminarios web e obradoiros mensuais. Falados en lingua árabe, os eventos abarcaron varios temas interesantes, entre eles “Choivas periódicas de meteoros”, “Ciencia e ficción no camiño da astronomía” e “O noso sentido no espazo”. O evento de febreiro estará dirixido polo NOC de Sudán, seguido do NOC de Iraq en marzo.
b) O NOC de Bangladesh, en colaboración con Bangladesh Science Popularization Society (SPSB) e o programa Universe Awareness (UNAWE), organizou o “Obradoiro de Astronomía F.R. Sarker 2021”. O evento de tres días tivo lugar do 20 ao 22 de decembro. Involucrou a alumnos de 15 a 16 anos e abarcou diversos temas astronómicos, como a historia da astronomía, a gravidade, os buracos negros e a astrobioloxía.
c) O 18 de xaneiro, o NOC de Barbados e a Sociedade Astronómica de Barbados organizaron “Look Up!”, unha emisión pública en directo sobre o paso próximo do Asteroide 1994 PC1.
d) Desde principios de 2022, o NOC de Exipto organizou unha serie de eventos en liña. O 10 de xaneiro, o doutor Mouhamed Shaban presentou unha conferencia sobre os eventos e fenómenos astronómicos máis importantes que terán lugar en 2022, e o 17 de xaneiro, o doutor Somaya Saad falou ante o público sobre o telescopio espacial James Webb. O NOC de Exipto tamén organizará un obradoiro de astronomía para a mocidade o 5 de febreiro. Hai máis información sobre este próximo obradoiro en https://fb.me/e/14p6a4GYn.
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.