Boletín IAU de divulgación da astronomía

Marzo #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Mensaxe sobre a comunidade científica en Ucraína
2) Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo da Interferencia das Constelacións de Satélites
3) Obradoiro de Formación Híbrida en Psicoloxía Educativa e Astronomía para a Saúde Mental e o Benestar
4) Enquisa global sobre planetarios
5) Premios
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Estas dúas últimas semanas estiveron moi ocupadas, mais demos a benvida a Kelly Blumenthal ao noso equipo, que se une a nós como subdirectora da OAO. Esta semana rematamos o programa “Mulleres e nenas na astronomía”. Disporemos dun informe máis formal a próxima semana, mais adiantamos que recibimos a asombrosa cantidade de 650 envíos ao concurso “Draw An Astronomer” e as nosas publicacións nas redes sociais acumularon máis de 22.000 impresións en Twitter e máis de 45.000 en Facebook. Agardamos expectantes o próximo número do CAP Journal e o lanzamento de “Telescopios para Todas as Persoas” a finais deste mes. Mentres tanto, as oficinas rexionais da nosa oficina irmá, a Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento, celebraron conferencias e obradoiros en todo o mundo.

Neste boletín atoparás (entre outras cousas) un novo e interesante premio da IAU para a divulgación e a participación pública, unha invitación para axudar a moldear o futuro do Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo da Interferencia das Constelacións de Satélites e unha fascinante oportunidade para estudantes da universidade. Agardamos que vos preste este número do Boletín OAO e que vos animedes a enviar as vosas historias e contidos para próximas edicións.

Finalmente, queremos recoñecer que este é un momento inmensamente difícil para moitas persoas en todo o mundo; esperamos que esteades facendo todo o posíbel para mantervos con saúde e con seguridade. Esperamos que a paz volva finalmente á rexión de Ucraína, mais sabemos que estas cousas levan tempo. Ofrecemos o noso apoio solidario a todas as persoas afectadas por esta crise.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Kelly Blumenthal, Suzana Filipecki Martins e Lina Canas, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Mensaxe sobre a comunidade científica en Ucraína

A IAU, en colaboración coa Sociedade Astronómica Europea, a Sociedade Astronómica Americana, a Sociedade Astronómica Africana, a Sociedade Astronómica de Australia e a Sociedade Astronómica Coreana, emitiu unha declaración formal sobre a situación en Ucraína. Queremos brindar apoio ao colectivo de colegas en Ucraína neste momento difícil. Agardamos que algún día chegue a paz a esta rexión e ao resto do mundo.

Para consultar a declaración oficial da IAU e os detalles sobre as redes de apoio existentes para as persoas que fan ciencia nese país, consultade esta ligazón.

2) Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo da Interferencia das Constelacións de Satélites

O Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo da Interferencia das Constelacións de Satélites (cps.iau.org) comezará a funcionar en abril. Antes da súa grande inauguración, o centro está preparando unha serie de sesións sobre políticas, industria e tecnoloxía, compromiso coa comunidade e moitas cousas máis. As sesións xa comezaron, mais aínda estades a tempo de participar na conversa!

Para obter máis información sobre o centro, consulta a rolda de prensa aquí. E rexístrate para unha ou máis das sesións aquí.

3) Obradoiro de Formación Híbrida en Psicoloxía Educativa e Astronomía para a Saúde Mental e o Benestar

O profesor Tsolmon Renchin da Universidade Nacional de Mongolia organiza un obradoiro híbrido titulado “Psicoloxía educativa e astronomía para a saúde mental e o benestar”, que terá lugar do 19 ao 21 de maio de 2022. A inscrición e o envío de resumos xa están abertos! Para máis información e envío de resumos, consultade o sitio web da conferencia.

4) Enquisa global sobre planetarios

A Universidade KU de Leuven e a Oficina IAU de Astronomía para a Educación desenvolveron conxuntamente unha enquisa sobre o uso, o contido e as mellores prácticas de planetario en todo o mundo. A enquisa está dispoñíbel en árabe, chinés, español, inglés, francés, xaponés, polaco, portugués, holandés e ruso. No futuro engadiranse idiomas adicionais. Fai clic nesta ligazón para comezar a enquisa.

Para máis información poñédevos en contacto con:

Prof. Dr. Jan Sermeus (KU Leuven/Royal Observatory Bélxica) – jan.sermeus@kuleuven.be

Dr. Saeed Salimpour (Oficina IAU de Astronomía para a Educación) – salimpour@astro4edu.org

5) Premios

a) Falling Walls

A organización Falling Walls lanzou unha convocatoria global de candidaturas. Buscan persoas que fagan ciencia á fronte dos próximos grandes avances. As dez contribucións gañadoras, “Science Breakthroughs of the Year”, daranse a coñecer presencialmente en Berlín e transmitiranse en directo este outono. Poden enviarse candidaturas antes do 15 de maio nesta ligazón.

b) Premio IAU de Divulgación, Desenvolvemento e Educación da Astronomía

A data límite para as candidaturas ao novo Premio de Divulgación, Desenvolvemento e Educación en Astronomía da Unión Astronómica Internacional é o 15 de marzo. Os premios están abertos a persoas (membros e non membros da IAU) e grupos (pequenos equipos e organizacións) que fixeran contribucións destacadas á educación, divulgación ou desenvolvemento da astronomía. A primeira quenda de premios presentarase na Asemblea Xeral da IAU en Busan, Corea do Sur, en agosto de 2022. Para obter máis información, consultade o seu sitio web.

c) Premios da Sociedade Astronómica do Pacífico

Outra data límite: 15 de marzo! A Sociedade Astronómica do Pacífico acepta candidaturas para os seus sete premios en astronomía profesional, divulgación pública, educación e astronomía afeccionada. Para obter máis información e detalles sobre o proceso de candidaturas, consultade esta ligazón.

6) Novas NOC

a) NOC Chad

A Oficina Rexional de Astronomía para o Desenvolvemento de África Occidental, en colaboración coa Sociedade Astronómica Africana e o NOC Chad, Mamadou Mahamat Djabbi, organizou en Chad unha actividade denominada Semana do Descubrimento da Astronomía en Chad do 14 ao 19 de febreiro de 2022. Estas actividades permitiron a estudantes de dúas grandes cidades do Chad descubrir por primeira vez o que é a astronomía e o uso desta para o desenvolvemento.

b) NOC República Dominicana

O noso NOC na República Dominicana, Manuel E. Grullón  realizou un vídeo en colaboración con Breezy Ocaña (NAEC República Dominicana), no que responde a catro preguntas que adoitan ter as nenas interesadas na ciencia. Podes ver o vídeo aquí.

c) NOC Kuwait
As persoas que asistiron ao Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem en Kuwait quedaron abraiados pola lúa crecente e outros corpos celestes.

d) NOC Marrocos
No Día Internacional da Muller, a NOC de Marrocos, Meriem Elyajouri,  organizou unha conferencia 100% feminina, en colaboración coa Asociación de Astronomía de Triflet.

e) NOC Qatar
O luns, 7 de marzo de 2022, o NOC de Qatar Hani Dalee foi invitado a dar unha charla sobre a dramaturxia dos contos árabes no ceo na Sociedade do Planetario Árabe. Podes ver a charla en árabe aquí.

7) Oportunidades

a) Prácticas do Instituto de Ciencias da Terra e da Vida e do Blue Marble Space Institute of Science

O Earth-Life Science Institute (ELSI; Xapón) e o Blue Marble Space Institute of Science (BMSIS; EE. UU.) lanzaron unhas prácticas de comunicación científica a distancia para estudantes de grao ou persoas recentemente graduadas. Xunto as persoas mentoras do proxecto, as candidaturas seleccionadas traballarán nos campos da comunicación científica, a educación e a divulgación pública e tamén recibirán formación en áreas clave.
Para máis información, consulta esta ligazón.

8) Recursos interesantes

a) Mulleres en astronomía da Sociedade Astronómica do Pacífico [Contido en inglés]

A Sociedade Astronómica do Pacífico elaborou un recurso educativo sobre mulleres na astronomía no pasado e no presente. Para descargar os materiais e saber máis sobre eles, consulta esta páxina.

b) Libro Ciência Viva sobre as nenas e as mulleres na ciencia [Contido en portugués]

Ciência Viva acaba de publicar un libro para o Día das Nenas e das Mulleres na Ciencia, que recolle declaracións persoais de decenas de nenas e mulleres implicadas en proxectos CTEM en todo Portugal. Isto é o que di a estudante de 17 anos Ye Jinghao: “Á xente gústanlle as cousas bonitas, a min tamén. Para min, a beleza máis grande que hai é o universo. Non me refiro só ao universo en si, senón tamén ás relacións entre os seus compoñentes, as regras que hai detrás do universo e o proceso de descubrir estas regras. O método científico dános o mellor punto de vista para apreciar esta beleza, mais aínda non entendemos ben a beleza do universo. Hai moito máis que nos agarda para explorar e, nese camiño de exploración, divertímonos moito!”

Para descargar o libro e ler algunhas das outras citas, consulta esta ligazón.

c) Calendario de astronomía para a divulgación [Contido en inglés e español]

Claudio Martínez, Embaixador de Ceos Escuros da IAU de Arxentina, axudou a crear un calendario astronómico para asegurarse de que as persoas que divulgan astronomía se manteñan ao tanto dos eventos astronómicos que suceden ao longo do ano. Isto inclúe “todo acontecemento no ceo, para todo o planeta [sic]. Eclipses, conxuncións, ocultacións, oposicións, solsticios, equinoccios etc”. Tamén inclúen astrofotografías feitas en Arxentina, México e Estados Unidos.

Podes descargar o calendario aquí.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.