Dentro do programa Marzo Ambiental a Universidade da Coruña organiza unha nova edición da Feira da Sustentabilidade os días 29, 30 e 31 de marzo, no vestíbulo e corredores da Facultade de Economía e Empresa da UDC no campus de Elviña. A idea da Feira é dar a coñecer asociacións e proxectos que centran a súa actividade en promover un estilo de vida sustentábel e acorde coas necesidades de cambio que nos esixe a emerxencia climática, así como de protección da biodiversidade e da calidade ambiental; e tamén aquelas cunha perspectiva ecosocial, claves para levar a cabo unha transición ecolóxica xusta. As entidades participantes dispoñen dun punto de información en horario de 10 a 18h os tres días, aínda que non é imprescindíbel participar na totalidade da feira e o horario é adaptábel segundo as necesidades de cada asociación ou proxecto.

O GT de contaminación luminosa da Agrupación Ío participará na feira os tres días co seguinte horario: martes 29 de 10 a 18h, mércores 30 de 10 a 14h e xoves 31 de 14 a 18h. Levaremos ao campus a exposición sobre contaminación luminosa e daremos a coñecer outros recursos e materiais sobre este tema. Agardámosvos alí!