Boletín IAU de divulgación da astronomía
Abril #1
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Conferencia CAP 2022
2) Proxecto IAU astroEDU anuncia novo equipo editorial e unha actualización importante
3) IAU e SKAO anuncian un programa conxunto de financiamento de divulgación
4) Telescopios para todas as persoas 2022
5) “Na Lúa outra vez” está de volta no verán de 2022
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Este boletín trae moitas boas noticias dos proxectos e oficinas da IAU, así como oportunidades interesantes para o futuro. Encántanos anunciar que a próxima Conferencia “Comunicar Astronomía co Público” terá lugar en Sydney, Australia, este mes de setembro. Esperamos vervos nela, en persoa ou virtualmente! Tamén queremos promocionar outras dúas conferencias neste boletín: a conferencia sobre o aumento do interese e o compromiso do alumnado na exploración espacial que organiza a Future African Space Explorer’s STEM Academy (FASESA) e a conferencia sobre a sensibilización pública arredor das infraestruturas de investigación que organiza o observatorio Square Kilometre Array (SKAO).
Neste boletín tamén hai oportunidades para que o público xeral participe nunha ampla gama de programas (Telescopios para todas as persoas, astroEDU, Na Lúa outra vez) e para que membros da nosa comunidade financien o seu traballo (Programa de Financiamento da Divulgación IAU-SKAO). Esperamos que aproveitedes estes programas e que compartades as vosas experiencias connosco!
Como sempre, queremos darlles as grazas ás Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) polo seu arduo traballo e dedicación á divulgación da astronomía. Máis adiante podes atopar algúns exemplos dos seus esforzos incansábeis por achegar a astronomía a todas as persoas.
Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,
Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
1) Conferencia CAP 2022
A conferencia Comunicar Astronomía ao Público convocarase este outono (do 12 ao 16 de setembro) en Sydney, Australia. Profesionais da comunicación científica e da divulgación, xornalistas, a comunidade astronómica amadora, e outras persoas están convidadas a asistir e compartir as súas experiencias durante esta reunión. Xa están abertos os prazos de envío de resumos e solicitude de bolsas, ademais da preinscrición. O prazo de presentación de resumos e subvencións remata o 30 de abril. Para obter máis información, consulta o comunicado de prensa da IAU e o sitio web da conferencia.
2) Proxecto IAU astroEDU anuncia novo equipo editorial e unha actualización importante
O Proxecto IAU astroEDU, que ten como obxectivo producir as mellores actividades científicas de código aberto para a xente que se dedica á educación científica de todo o mundo, dá a benvida a unha nova editora xefa, Livia Giacomini, e o editor asociado, Giulio Mazzolo. Ademais, astroEDU sufriu recentemente unha importante actualización, que abre o camiño para futuras innovacións como os recursos multilingües. Hai máis información no seu sitio web.
3) IAU e SKAO anuncian un programa conxunto de financiamento de divulgación
A Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía ten o pracer de anunciar a segunda edición do Programa de Financiamento da Divulgación IAU-SKAO. Estes fondos apoiarán boas iniciativas de divulgación dirixidas pola rede de NOCs en colaboración coa Rede de Comunicación e Divulgación do proxecto SKAO. Podes consultar o anuncio completo para obter máis detalles.
4) Telescopios para todas as persoas 2022
Telescopios para todas as persoas é un proxecto liderado pola Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (OAO), Sterren Schitteren Voor Iedereen (As Estrelas Brillan para Todas as Persoas — SSVI), Bresser e a Universidade de Leiden que distribúe 15 telescopios a comunidades desfavorecidas de todo o mundo. Para obter máis información e saber máis sobre o proceso de solicitude, consulta a súa páxina web.
5) “Na Lúa outra vez” está de volta no verán de 2022
Convidámosvos a unirvos a un proxecto global que leva a astronomía observacional ás rúas. On the Moon Again (Na Lúa outra vez) terá lugar do 8 ao 10 de xullo. Para máis información, consulta a súa páxina web; para rexistrar a túa actividade, enche este formulario.
6) Novas NOC
a) NOC Bahrein
A NOC de Bahrain, Myriam Alqassab, e o Club de Observación da Astronomía de Bahrain celebraron a Hora do Planeta con observación solar, limpeza de praias, charlas sobre contaminación luminosa e moito máis.
b) NOC Benin
O NOC Benin, Pide Aristide Ahanhanzo, en asociación co Astro-Club Sirius e o Club Astronómico Orión de Benin e en colaboración coa OAD e OAO, NASE, Bresser, SSVI e AFAS, realizaron o evento “La semaine de la Randonnée Culturelle de l’Astronomie”, que achegou a astronomía a estudantes e docentes.
c) NOC Exipto
O 24 de marzo, Somaya Saad, a nosa NOC en Exipto, ofreceu unha charla titulada “Ela destaca en ciencia: historias pioneiras de África” coa Institución de Información da Biblioteca Alexandrina e Departamento de Competencias Profesionais, Sector de Bibliotecas. Ao final do mes, o 27 de marzo, Somaya Saad planificou un obradoiro inclusivo sobre o sistema solar en colaboración coa NAEC de Exipto, o novo Centro OAE Exipto e o Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica.
d) NOC Marrocos
Xunto co antigo NOC de Marrocos, o profesor Zouhair Benkhaldoun, a actual NOC, Meriem El Yajouri, organizou unha reunión para profesionais de divulgación do país. Unhas 30 persoas participaron en debates en grupo, traballo en rede e sesións de intercambio de ideas durante este evento de aproximadamente 2,5 horas.
e) NOC Nicaragua
Emilio Zuniga Hernández, o noso NOC de Nicaragua, celebrou unha festa de estrelas con seis telescopios e prismáticos para a xente de Managua.
f) NOC Qatar
Hani Dalee, o noso NOC de Qatar, iniciou a Olimpíada Escolar de Astronomía de 2022 o 21 de marzo. Na súa sétima edición, o alumnado da Olimpíada aprendeu sobre o Sol, a súa posición e a súa relación coa Terra e o ceo, ademais dos fundamentos sobre os telescopios. Neste evento participaron máis de 60 colexios públicos e internacionais.
f) NOC Tunes
A NOC de Tunes, Mayssa El Yazidi, continúa a súa serie #AstroTalk coas charlas do empresario Malak Trabelsi Loeb (1 de abril) e o NOC e NAEC de Nicaragua, Emilio Zuniga Gonzales (2 de abril).
7) Oportunidades
a) Oferta de emprego en Science Wave
Science Wave está a contratar unha persoa para a xefatura remota de comunicacións científicas a tempo completo que dirixa a comunicación das marcas espaciais afiliadas. A persoa seleccionada terá polo menos dúas condicións entre as seguintes: un título en comunicación científica, un título en física ou astronomía e experiencia laboral para unha organización científica (astronomía ou espacial). Envía o teu CV e unha carta de motivación de media páxina como máximo a connect@science-wave.com. Asegúrate de mencionar o posto que solicitas no asunto!
O posto cubrirase tan pronto como atopen a persoa axeitada. Podes consultar a súa páxina de LinkedIn para ver as actualizacións de estado.
b) Conferencia de FASESA sobre o aumento do interese e a participación de estudantes na exploración espacial
Future African Space Explorer’s STEM Academy (FASESA) celebra unha conferencia este mes. Convídase a estudantes, docentes, profesionais da industria aeroespacial, persoas con responsabilidades políticas, partes interesadas das corporacións etc a asistir a esta conferencia híbrida de tres días sobre como incrementar o interese do alumnado na exploración do espazo. Para máis información e inscrición, consulta a súa páxina web.
c) Xornada de sensibilización pública sobre as infraestruturas de investigación
O observatorio Square Kilometer Array acolle este mes de xullo a cuarta conferencia de sensibilización pública sobre as infraestruturas de investigación (Public Awareness of Research Infrastructures, PARI) na súa sede no Reino Unido e en liña. Acéptanse envíos de resumos até o 18 de abril sobre unha ampla gama de temas, incluíndo tendencias emerxentes en comunicación científica, ciencia e sociedade, relacións coas partes interesadas, educación e moito máis. As persoas interesadas poden inscribirse aquí para recibir máis información.
8) Recursos interesantes
a) “A Ciencia como Ben Público” xa está dispoñíbel en sete idiomas [contido en inglés, francés, español, chinés, árabe, xaponés e ruso]
O documento do International Science Council (ISC), “A Ciencia como Ben Público”, argumenta que a ciencia é unha fonte de información valiosa que debería estar dispoñíbel para toda persoa que a busque. Este documento describe os fundamentos do ISC e as súas actividades e xa está dispoñíbel en inglés, francés, español, chinés, árabe, xaponés e ruso. O ISC tamén busca tradutores que de xeito voluntario poidan facelo chegar a máis idiomas. Para obter máis información e ler o artigo no teu idioma, visita esta ligazón.
b) Axuda a revisar o glosario de Astro4Edu [Contido en inglés]
A Oficina IAU de Educación en Astronomía (OAE) está a desenvolver un glosario de termos de astronomía e precisan da túa axuda. A OAE busca persoas voluntarias (preferentemente que se dediquen á ciencia ou á educación en astronomía) que axuden a perfeccionar as súas definicións. O proceso é moi sinxelo: inicias sesión e revisas as poucas ou moitas definicións que queiras. Até o momento este glosario só está dispoñíbel en inglés, mais as traducións comezarán unha vez que se complete o proceso de revisión. Enche o formulario de rexistro para comezar.
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.