Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Novembro 2019 #2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) A Casa da Astronomía de Heidelberg acollerá a oficina IAU de astronomía para a educación
2) O obxecto (486958) 2014 MU69 recibe nome oficial: Arrokoth
3) Inscricións abertas para a escola internacional para mozos e mozas astrónomos
4) Baixo un mesmo ceo: serie de vídeos “Astronomía arredor do mundo”
5) Os e as estudantes aprenden astronomía a través do proxecto global Día IAU100 da Astronomía nas Escolas
6) Días para o descubrimento da astronomía para celebrar o IAU100 en Togo
7) Arxentina celebra o centenario da IAU
8) Recursos de comunicación e formación no programa “Montaña de estrelas” no nordeste dos Estados Unidos
9) Reunións e eventos globais
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Segue sendo un tempo apaixoante para a IAU e a oficina de divulgación astronómica. Estamos preparando o próximo CAPjournal, para o cal estamos colaborando estreitamente coa xente amiga da oficina IAU de astronomía para o desenvolvemento (OAD). Este novo número será lanzado a comezos do ano que vén e porá o foco na astronomía e o desenvolvemento, destacando como a divulgación pode potenciar o desenvolvemento e como a comunidade divulgadora emprega a astronomía e a divulgación para implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel.

Ademais, a familia IAU medra! Mandamos unha cálida benvida á oficina IAU de astronomía para a educación (OAE), que terá como sede a Casa da Astronomía de Heidelberg, Alemaña. O novo director da oficina, Markus Pössel, foi o noso coordinador de divulgación nacional na Alemaña durante moitos anos e fainos moi felices continuar traballando con el e co novo equipo.

Por último, neste número, ademais do anuncio desta nova oficina, salientamos o éxito do Día IAU100 da Astronomía na Escola e a serie de vídeos “Astronomía arredor do mundo”.

Desexámosvos ceos despexados!

Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía da IAU

1) A Casa da Astronomía de Heidelberg acollerá a oficina IAU de astronomía para a educación

A IAU escolleu a Casa da Astronomía (Haus der Astronomie), un centro de divulgación astronómica situado en Heidelberg, Alemaña, como sede da súa nova oficina de astronomía para a educación (OAE). Anunciada xa o ano pasado a OAE terá como obxectivo a promoción da astronomía na educación e acadar os obxectivos educativos fixados no Plan Estratéxico 2020-2030 da IAU. O apoio das fundacións alemás Klaus Tschira Stiftung e Carl-Zeiss-Stiftung fixo posíbel que a Casa da Astronomía acolla a OAE.

Podes ler máis información no comunicado oficial da IAU: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau1911/

2) O obxecto (486958) 2014 MU69 recibe nome oficial: Arrokoth

O obxecto máis distante visitado por unha sonda espacial recibiu xa nome: Arrokoth. O obxecto (486958) 2014 MU69 fíxose coñecido polo seu alcume, Última Thule, logo de que a sonda New Horizons voase sobre el o día de aninovo de 2019. Arrokoth, que significa “ceo” na lingua Powhatan/Algonquina, é agora o nome oficial e permanente, ao ser aprobado polo grupo de traballo IAU para a nomenclatura dos corpos menores (WGSBN).

Máis información no comunicado oficial da IAU: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19067/

3) Inscricións abertas para a escola internacional para mozos e mozas astrónomos

A 43ª escola internacional para mozos e mozas astrónomos, ISYA2020Mex, terá lugar en San Cristóbal de las Casas, México, do 8 ao 26 de xuño de 2020, na Universidade Autónoma de Chiapas (UNACH). As solicitudes para asistir poden enviarse até o 1 de febreiro de 2020.

A escola internacional para mozos e mozas astrónomos (ISYA) é un proxecto histórico da Unión Astronómica Internacional e está co-patrocinado pola Academia Norueguesa das Ciencias e as Letras (NASL) a través da Oficina para Mozos e Mozas Astronómos (OYA). A 43ª escola estará organizada conxuntamente pola UNACH e o Centro Mesoamericano para a Física Teórica (MCTP).

Podes ler máis información no anuncio oficial: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann19066/

4) Baixo un mesmo ceo: serie de vídeos “Astronomía arredor do mundo”

No marco das celebracións do centenario da IAU (IAU100), a serie “Baixo un mesmo ceo: Astronomía arredor do mundo” achega unha visión da diversidade da comunidade astronómica mundial. A través dos ollos dos coordinadores e coordinadoras de divulgación nacional, aprendemos de primeira man sobre a historia da astronomía, os esforzos actuais na investigación das ciencias do espazo e como se celebra a astronomía en diferentes países. Estes vídeos tamén presentan as actividades desenvolvidas durante as celebracións IAU100 ao longo de 2019.

Podes ver os vídeos no canal oficial de Youtube da IAU: https://www.youtube.com/channel/UCc3I9q-N0NA05vIYeNMmtTw

5) Os e as estudantes aprenden astronomía a través do proxecto global Día IAU100 da Astronomía nas Escolas

A iniciativa global Día da Astronomía nas Escolas celebrouse do 10 ao 17 de novembro. Máis de 300 eventos e actividades tiveron lugar en 70 países en todo o mundo, incluídas algunhas centradas no tránsito de Mercurio do 10 de novembro de 2019.

Podes encontrar máis información aquí: https://www.iau-100.org/astronomy-day-in-schools-update

6) “Días para o descubrimento da astronomía” para celebrar o IAU100 en Togo

O público está convidado a celebrar o centenario da IAU o 19 e 20 de decembro nos “Días para o descubrimento da astronomía en Togo”, co lema “Astronomía, educación e desenvolvemento sostíbel”. O evento celebrará a historia da IAU e amosará exposicións actuais relacionadas co IAU100. O comité nacional IAU de Togo en colaboración coa Universidade Lomé acollerá o evento.

Queremos mandar o noso máis cálido agradecemento ao comité nacional IAU de Togo por compartir estas noticias.

7) Arxentina celebra o centenario da IAU

O centenario da IAU celebrouse en Tucumán, provincia ao noroeste da Arxentina, grazas ao Centro de Tecnoloxía Disruptiva da Universidade de San Pablo de Tucumán (USPT). Arredor de cen persoas visitaron a exposición “Un cielo para tocar”, para mostrar a astronomía a persoas que son cegas ou padecen deficiencias visuais. A exposición amosaba obxectos creados polo centro coa asesoría de Alberto Yraidini, que é cego; Mariana Agustina Romano, que ten deficiencias visuais; e Mabel Luna, instrutora de braille. Yraidini cantou a súa composición “Un cielo para tocar”.

Queremos mandarlle un cálido agradecemento ao Centro de Tecnoloxía Disruptiva e a Olga Pintado por compartir estas novas. E á nosa NOC na Arxentina Beatriz García por poñernos en contacto.

8) Recursos de comunicación e formación no programa “Montaña de estrelas” no nordeste dos Estados Unidos

O programa de divulgación “Montaña de estrelas” celebra programas formativos en comunicación da ciencia para estudantes de ciencias no nordeste dos Estados Unidos. O programa compila ademais recursos de comunicación da ciencia para o público xeral e ofrece unha sección de recursos protexida con contrasinal para as persoas que fan comunicación da ciencia. Podes contactar con eles para solicitar o contrasinal a través do seu sitio web.

Máis información dispoñíbel nas seguintes ligazóns:

Sitio web: www.mountainsofstars.org
Facebook: www.facebook.com/mountainsofstars
Fundraiser: https://www.gofundme.com/f/douglas039s-campaign-for-appalachian-mountain-club

9) Encontros e actividades globais

Aquí podes atopar unha listaxe de conferencias e eventos sobre divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica con antelación un ano moi especial para a astronomía, cheo de eventos interesantes!

a) Arte, Visualisación e Cosmos na Educación
Datas: 5 e 6 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://www.deakin.edu.au/about-deakin/events/art-visualisation-and-the-cosmos-in-education

b) Conferencia Educación e investigación con telescopios robóticos
Datas: do 8 ao 11 de decembro de 2019
Lugar: Melbourne, Victoria, Australia
Máis información: https://rtsre.net/

c) Primeiro obradoiro Shaw-IAU de “Astronomía para a educación”
Datas: do 17 ao 19 de decembro de 2019
Lugar: París, Francia
Máis información: https://www.iau.org/education/oae/shaw-iau-workshop/

d) Encontro rexional IAU Asia-Pacífico (APRIM)
Datas: do 6 ao 10 de xullo de 2020
Lugar: Perth, Australia
Máis información: https://aprim2020.org/

e) Conferencia CAP 2020
Datas: do 21 ao 25 de setembro de 2020
Lugar: Sydney, Australia
Máis información: https://www.communicatingastronomy.org/cap2020/

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o último número do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2019!

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.