O próximo martes, 17 de decembro, a Unión Astronómica Internacional dará a coñecer os resultados definitivos das campañas “NameExoWorlds” 2019, polas cales máis de cen países tiveron oportunidade de poñerlle nome a unha estrela e ao seu exoplaneta. Na campaña española a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío propuxo o nome de Rosalía de Castro para a estrela e Río Sar para o exoplaneta.

A última palabra tena a IAU, que debe validar os resultados das campañas e comprobar que non hai ningún inconveniente nos nomes propostos. Será o martes cando saibamos que propostas son as finalmente elixidas, nunha conferencia de prensa que terá lugar no Observatorio de París de 11 a 12 da mañá (horario CET). A conferencia de prensa será retransmitida en liña a través do canal de Youtube da IAU.

Con motivo deste acto organizamos unha quedada aberta a todas as persoas que queiran e poidan vir no Salón de Actos da Casa das Ciencias (o palacete da bola). Seguiremos en directo a retransmisión da conferencia de prensa para vivirmos xuntos a ledicia ou o chasco arredor da #EstrelaRosalía. Será a partir das 11:00 do día 17 de decembro. Agardamos por vós!