Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Decembro #1
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) IAU100 gaña o premio de comunicación NWO
2) Recordatorio: aberta a presentación de traballos para o CAPjournal Tempo de Confinamento
3) Socio da OAD gaña o premio Global Climate Action das Nacións Unidas
4) Recursos NOC sobre a eclipse de Sol na América do Sur
5) Novas NOC: Obradoiro básico de astronomía en liña para estudantes de universidade en Bangladés
6) Novas NOC: “Abraiantes Conversas Amadoras” na India
7) Traducen ao galego os nomes das constelacións aprobados pola IAU
8) Recadación de fondos do Centro Astro-Cultura Kwasan
9) Repositorio de actividades e recursos en liña
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
11) Contribucións ao Boletín de Divulgación da IAU
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Estamos encantados de saber que a Secretaría IAU100, unha asociación entre a Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU (OAO) e o grupo Astronomía & Sociedade da Universidade de Leiden, foi recoñecida cun premio do Consello Holandés de Investigación polas celebracións IAU100. Queremos agradecerlles á rede de NOCs, aos voluntarios, voluntarias e participantes a súa contribución que fixo do centenario da IAU todo un éxito. Neste boletín hai máis detalles. Falando de premios, queremos felicitar a Global Himalayan Expedition, socios da Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU, por gañar un merecido premio das Nacións Unidas. Damos máis información no boletín.
Tamén destacamos os recursos dos nosos e nosas NOC para a eclipse total de Sol do 14 de decembro, eventos próximos e pasados apoiados pola rede de NOCs, un novo recurso para galegofalantes e unha recadación de fondos para un observatorio docente no Xapón.
Como nota final, foi desgarrador coñecer o colapso do telescopio de Arecibo. Este telescopio, situado en Porto Rico, tivo un grande impacto na investigación de radioastronomía e na popularización da astronomía en todo o mundo. Axudou a levar a moita xente da illa e do Caribe á investigación na astronomía e a astronomía é mellor grazas á contribución do telescopio.
Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,
Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU
1) IAU100 gaña o premio de comunicación NWO
A Secretaría IAU100 foi galardoada co Premio de Comunicación do Consello Holandés de Investigación (NWO, polas siglas en inglés) polo seu alcance e impacto internacional na promoción da astronomía a través da IAU100, a celebración do centenario da Unión Astronómica Internacional.
Máis información: https://iau.org/news/announcements/detail/ann20043/
2) Recordatorio: aberta a presentación de traballos para o CAPjournal Tempo de Confinamento
A revista Comunicar Astronomía co Público (CAPjournal) acepta resumos para o número especial sobre o tema “Comunicación de astronomía nun tempo de confinamento”. Calquera persoa que estivera achegando a astronomía ao público durante esta pandemia é benvida para compartir as ideas e leccións aprendidas a través deste número.
Para saber máis: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20033/
3) Socio da OAD gaña o premio Global Climate Action das Nacións Unidas
Global Himalayan Expedition (GHE), socio da nosa oficina irmá, a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento da IAU (OAD), gañou un premio Global Climate Action das Nacións Unidas en 2020. GHE é unha das primeiras organizacións do mundo en combinar o poder do turismo coa tecnoloxía, achegando enerxía solar ás persoas en comunidades remotas. Queremos felicitar a GHE por este impresionante recoñecemento.
Podes ler máis información aquí: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann20042/
4) Recursos NOC sobre a eclipse de Sol na América do Sur
A eclipse solar total percorrerá diversas zonas de América do Sur o 14 de decembro de 2020 e recollemos información sobre os eventos e recursos relacionados coa eclipse dos nosos coordinadores e coordinadoras nacionais de divulgación (NOC) e os organismos científicos da IAU. Na páxina web podes atopar ligazóns para ver como participar nesta eclipse.
Máis información: https://iau.org/public/noc/eclipse/
5) Novas NOC: Obradoiro básico de astronomía en liña para estudantes de universidade en Bangladés
O noso NOC Bangladés Farseem Mohammedy acolleu recentemente o XIII Obradoiro Anual de Astronomía Abdul Jabbar para introducir a astronomía a 27 estudantes universitarios. O obradoiro contou co apoio conxunto da Sociedade Astronómica de Bangladés (BAS), a Sociedade para a Divulgación da Ciencia de Bangladés (SPSB), Universe Awareness e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de Bangladés.
Participaron 14 conferenciantes de todo o mundo, incluída a nosa coordinadora de divulgación internacional Lina Canas, o NOC Portugal João Retrê e, a través do noso programa Meet the IAU Astronomers, o membro da IAU Juan Hernández Santisteban.
Máis información no vídeo da Sociedade Astronómica de Bangladesh aquí: https://fb.watch/27L_4Wz0cc/
6) Novas NOC: “Abraiantes Conversas Amadoras” na India
O noso NOC India, Samir Dhurde, apoiou unha serie titulada “Awesome Amateur Talks” (“Abraiantes Conversas Amadoras”), charlas en directo de astrónomos e astrónomas afeccionados de todo o mundo. O público é benvido a asistir ás reunións virtuais previa inscrición.
Máis información aquí: http://scipop.iucaa.in/calendar.html
7) Traducen ao galego os nomes das constelacións aprobados pola IAU
Un grupo de astrónomos afeccionados, entre eles o tradutor en galego do noso boletín, traduciu ao galego os 88 nomes de constelacións aprobados pola IAU, unha lingua da rexión de Galicia na Península Ibérica. Agardan que o feito de contar con estas traducións aumente e estandarice o vocabulario científico da astronomía entre falantes de galego.
Máis información aquí: https://academia.gal/inicio/-/asset_publisher/hP88/content/a-real-academia-galega-aproba-os-nomes-normalizados-das-constelacions
Grazas a Martin Pawley por compartir con nós esta nova.
8) Recadación de fondos do Centro Astro-Cultura Kwasan
O Observatorio Kwasan de Quioto, Xapón, busca doazóns para preservar o observatorio de 91 anos con fins educativos e divulgativos. Estas doazóns permiten que o observatorio poida seguir funcionando a pesar do recorte orzamentario, para que os e as estudantes e o público poidan seguir aprendendo sobre astronomía e observando cos telescopios refractores de 45 e 18 cm do observatorio.
Máis información aquí: https://www.kickstarter.com/projects/kwasan/establishing-kwasan-astro-culture-center
Grazas a Mathieu Isidro por compartir esta nova.
9) Repositorio de actividades e recursos en liña – Edición COVID-19
Telescopios PICTOR
Radiotelescopios de código aberto de uso gratuíto.
Ligazón: https://pictortelescope.com/#top
RadioJOVE
Un proxecto de ciencia cidadá con radiotelescopios.
Ligazón: http://radiojove.gsfc.nasa.gov/
Radio Galaxy Zoo: LOFAR
Un proxecto de ciencia cidadá para axudar os astrónomos e as astrónomas a identificar buratos negros e galaxias formadoras de estrelas supermasivas.
Ligazón: https://www.zooniverse.org/projects/chrismrp/radio-galaxy-zoo-lofar
Podes ver a listaxe completa de recursos e eventos en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing
10) Boletín Informativo de Divulgación de Astronomía da IAU noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queres traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor escríbenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2020!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.