Boletín de Divulgación da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO)
Marzo #1
Neste boletín:
0) Nota editorial
1) Novas de SSVI para Telescopios para Todas as Persoas
2) 6º Obradoiro da Sociedade Astronómica de África Oriental
3) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
4) Bolsa Junior na oficina de comunicación do CERN
5) Ciencia cidadá: Globe at Night
6) Ciencia cidadá: Proxecto de ciencia cidadá multilingüe CLAXSON
7) Ciencia cidadá: enquisa sobre sonificación
8) Presentacións públicas da Oil Region Astronomical Society
9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
0) Nota editorial
Prezados amigos, amigas e colegas,
Ao crear este boletín, foi refrescante ver que a comunidade de divulgación da astronomía de todo o mundo entrou nunha rutina. Nós, coma vós, botamos de menos coñecer xente en persoa, mais é inspirador ver canto podemos facer no marco das limitacións da pandemia. Este boletín inclúe dúas próximas conferencias con sesións virtuais sobre astronomía, así como unha serie de proxectos de ciencia cidadá que actualmente están recrutando colaboracións. Tamén ofrecemos unha oportunidade laboral de comunicación científica no CERN e unha fascinante serie de presentacións en liña da Oil Region Astronomical Society.
Encántanos compartir vídeos dos nosos socios Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, As estrelas brillan para todas as persoas) mentres nos preparamos para o programa Telescopios para todas as persoas 2021. Comproba máis abaixo coa NOC Tunisia Mayssa El Yazidi os recursos que están dispoñíbeis para o telescopio Bresser outorgado aos proxectos escollidos.
Cambiamos a sección de eventos e recursos por unha sección de encontros científicos, como era hai un ano. Moitas destas reunións teñen prazos de inscrición inminentes, así que bota unha ollada se tes interese en compartir o teu traballo.
Por último, estamos a concluír a nosa celebración dun mes de mulleres e nenas na astronomía. Consulta aquí como podes unirte ás últimas actividades deste mes especial: https://www.iau.org/public/women-and-girls-in-astronomy/
Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,
Lina Canas e Izumi Hansen, en nome do equipo da Oficina de Divulgación de Astronomía (OAO) da IAU
1) Novas de SSVI para Telescopios para Todas as Persoas
Sterren Schitteren Voor Iedereen (SSVI, As estrelas brillan para todas as persoas) pasou o último ano contactando con persoas inspiradoras da astronomía para que asinen telescopios para Telescopios para todas as persoas 2021 e outros programas, e Jean-Pierre Grootaerd, fundador de SSVI, fixo agora un vídeo preliminar sobre o próximo programa.
Podes velo aquí: https://youtu.be/6vFHhUnTr5o
Mayssa El Yadizi, coordinadora nacional de divulgación da IAU en Tunisia, tamén creou algúns vídeos para axudar as persoas premiadas a usar o seu telescopio.
Uso da cámara web co telescopio: https://youtu.be/pjEERckBUKY
Demostración de observación: https://youtu.be/z7UKAKicKc8
En breve publicaremos información sobre o programa Telescopio para todas as persoas 2021.
Grazas a Jean-Pierre Grootaerd por compartir esta noticia.
2) 6º Obradoiro da Sociedade Astronómica de África Oriental
A Oficina Rexional IAU de África Oriental para o Desenvolvemento da Astronomía (EA-ROAD) acollerá do 15 ao 22 de maio de 2021 o 6º Obradoiro da Sociedade Astronómica de África Oriental (EAASW) e a 1ª Escola de Astronomía de África Oriental (EA-SA). Este evento celebrarase en liña e de forma presencial en Dodoma, Tanzania. Acéptanse resumos até o 15 de marzo.
Máis información: https://earoad.essti.gov.et
3) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
A Sociedade Astronómica Europea (EAS) desenvolverá varias sesións de divulgación, incluída unha sesión especial sobre desenvolvemento coa Oficina Rexional Europea da IAU de Astronomía para o Desenvolvemento (E-ROAD). Este encontro virtual terá lugar do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021. A inscrición péchase o 2 de xullo e hai unha taxa de inscrición (hai exencións dispoñíbeis).
Máis información: https://eas.unige.ch/EAS_meeting/session.jsp?id=SS2
4) Bolsa Junior na oficina de comunicación do CERN
O CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear, busca unha persoa que inicie a súa carreira na comunicación para a súa bolsa Junior Communication Officer. A persoa elixida desenvolverá actividades de comunicación para os científicos e científicas dos proxectos, as persoas responsábeis das políticas científicas, a comunidade científica internacional, a industria e o público en xeral. As persoas solicitantes deben ter a nacionalidade dun estado membro ou membro asociado ao CERN.
Máis información: https://www.smartrecruiters.com/CERN/743999735008889-junior-fellowship-communications-officer
5) Ciencia cidadá: Globe at Night
O proxecto Globe at Night convida a cidadanía a enviar observacións das constelacións designadas cada mes para medir os efectos da contaminación luminosa en todo o mundo. É tamén un dos proxectos que a Oficina de Divulgación da Astronomía da IAU avala a través do noso proxecto Ceos Escuros e Tranquilos. O ano pasado a comunidade usuaria achegou máis de 29.000 medidas e a organización espera que este ano se superen as 30.000. Globe at Night remata este mes o 15 de marzo.
Máis información: https://www.globeatnight.org/
6) Ciencia cidadá: Proxecto de ciencia cidadá multilingüe CLAXSON
O proxecto de ciencia cidadá CLAXSON válese da ciencia cidadá para axudar a clasificar as fontes de raios X detectadas co observatorio espacial XMM-Newton da Axencia Espacial Europea. O proxecto está dispoñíbel en inglés, francés, español e grego.
Máis información: http://xmm-ssc.irap.omp.eu/claxson/index.php
Grazas a María Santos-Lleó por esta nova.
7) Ciencia cidadá: enquisa sobre sonificación
A doutora Kimberly Arcand, investigadora en visualización do Center for Astrophysics | Harvard & Smithsonian, solicita comentarios sobre os datos astronómicos dos principais telescopios espaciais da NASA que se converteron en son mediante unha enquisa de 15-20 minutos.
Máis información: https://www.surveymonkey.com/r/chandrasonify
8) Presentacións públicas da Oil Region Astronomical Society
A Oil Region Astronomical Society (ORAS), grupo de astronomía sen ánimo de lucro dos Estados Unidos, acolle unha serie de presentacións virtuais para o público en xeral, incluído un obradoiro de astrofotografía. As persoas asistentes deberán inscribirse en liña polo menos 24 horas antes da reunión.
Máis información: http://www.oras.org/events-and-outreach.html
Grazas a Tim Spuck por compartir esta noticia connosco.
9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña
a) 6º Taller da Sociedade Astronómica de África Oriental
Onde: virtual e en Dodoma, Tanzania
Cando: do 15 ao 22 de maio de 2021
Sitio web: https://www.emiratesmarsmission.ae/
b) Comunicación da astronomía co público (CAP)
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.communicatingastronomy.org/cap2021/
c) Comunicación pública de ciencia e tecnoloxía (PCST) 2020 + 1
Onde: virtual
Cando: do 24 ao 27 de maio de 2021
Sitio web: https://www.abdn.ac.uk/events/conferences/pcst/
d) Reunión anual da Sociedade Astronómica Europea
Onde: virtual
Cando: do 28 de xuño ao 2 de xullo de 2021
Sitio web: https://eas.unige.ch/EAS_meeting/
Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés: http://bit.ly/2xlNyCR
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.