Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Febreiro 2023 #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Mulleres e nenas na astronomía
1) Enquisa global IAU OAO sobre iniciativas arredor da contaminación luminosa
2) Galileoscopio: un universo de oportunidades para a educación
3) Os equipos NOC/NAEC de Xapón anuncian unha charla e debate sobre as mulleres na astronomía
4) Convocatoria de participación global na Investigación sobre Educación Científica en Ensino Secundario
5) Enquisa do ISC e da UNESCO sobre a comunicación científica
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Temos o orgullo de anunciar a continuación do noso proxecto de divulgación global “Mulleres e Nenas na Astronomía”. No asunto destacado desta entrega describimos as moitas formas en que a xente pode participar. Por suposto, a celebración de Mulleres e Nenas na Astronomía esténdese moito máis alá do período que vai do 11 de febreiro ao 8 de marzo (podedes ver, por exemplo, a charla especial que organiza o NOC/NAEC para Xapón). A OAO esfórzase por involucrar e honrar ás minorías de xénero en materias CTEM en todos os nosos programas. Por favor, aproveitade estas oportunidades e unídevos á conversa sobre o que significa para vós a equidade de xénero.

Tamén adiantamos o noso proxecto de divulgación global “Ceos escuros e tranquilos” e esperamos que nos axudedes na busca de todos os esforzos mundiais para combater a contaminación luminosa.

Este boletín tamén presenta algunhas oportunidades interesantes para persoas dedicadas á educación e a comunicación científica, incluíndo descontos en Galileoscope, postos de emprego e prácticas e unha oportunidade para participar na investigación.

Dámoslles as grazas ás Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) da IAU. Moitas máis persoas das aquí citadas seguen activas nas súas comunidades e participan directamente nos nosos programas. A rede NOC dá vida á misión e á visión da OAO.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: Mulleres e nenas na astronomía

O proxecto “Mulleres e nenas na astronomía” apoia eventos que recoñecen o papel de todas as mulleres no avance da ciencia e anima a todas as persoas a considerar carreiras na astronomía. A Unión Astronómica Internacional fomenta as actividades durante todo o ano, con especial atención entre os dous días internacionais adoptados polas Nacións Unidas: o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o 11 de febreiro e o Día Internacional da Muller o 8 de marzo.

Con cada nova edición, o proxecto “Mulleres e nenas na astronomía” esfórzase por crecer e mellorar. Queremos afirmar claramente que as mulleres trans son mulleres. Invitamos a todas as persoas a participar neste programa e destacar as experiencias individuais e compartidas que poden axudarnos a crecer cara a un futuro mellor e máis inclusivo nos campos CTEM.

Convidámosvos a participar neste programa. Aquí tedes algunhas ideas:

-Solicitade un evento “Meet the IAU Astronomers” para discutir a inclusión de xénero en áreas CTEM!

-Navega pola sección de actividades da IAU OAO para obter ideas que podedes facer na vosa comunidade.

-Tedes a vosa propia idea para unha actividade? Enviádea!

-Unídevos ou organizade un evento. Tedes máis información no noso calendario de eventos.

-Participade no concurso de carteis “Descubre xente que fai astronomía”.

-Se facedes astronomía ou facedes educación ou divulgación astronómica, compartide as vosas historias aquí.

-Seguídenos en Twitter e Facebook para saberdes máis sobre xente que fai astronomía en todo o mundo, actividades e proxectos inclusivos, compartir recursos, eventos, etc. E non esquezades unirvos á conversa usando os cancelos #WomenInAstronomy #WomenInSTEM #AstroMulleres

1) Enquisa global IAU OAO sobre iniciativas arredor da contaminación luminosa

Como preparación do noso proxecto de divulgación global “Ceos escuros e tranquilos” deste maio, a IAU OAO está a compilar información sobre como se aborda en todo o mundo a loita contra a contaminación luminosa. Nesta enquisa, pedímosvos que proporcionedes información breve sobre as iniciativas no voso país e que acheguedes formas prácticas de que a xente poida involucrarse neste esforzo. Isto vai dende cambiar as lámpadas por LED, asinar unha petición, colaborar cos concellos ou unirse a un grupo de presión… o que creades que é máis relevante para a vosa comunidade. Usaremos esta información como parte dun recurso global sobre contaminación luminosa e como forma de promover iniciativas globais para protexer os nosos ceos escuros e tranquilos.

2) Galileoscope: un universo de oportunidades para a educación

O kit de telescopio educativo Galileoscope, desenvolvido para o Ano Internacional da Astronomía 2009, aínda está en produción. Explore Scientific, o novo fabricante, vende o Galileoscope cun desconto de máis do 50% no prezo de venda para cantidades de 10 ou máis unidades. Para usar nos próximos eclipses solares, Explore Scientific desenvolveu un filtro solar e un parasol para o Galileoscope que permite a observación segura do Sol. Tedes máis información no sitio web de Galileoscope. Ademais, esta páxina ofrece recursos gratuítos para docentes, incluíndo guías de actividades e ideas de actividades na aula.

3) Os equipos NOC/NAEC de Xapón anuncian unha charla e debate sobre as mulleres na astronomía

Cando pensas en “persoas que cambiaron a astronomía” en quen pensas? Copérnico, Galileo, Kepler ou Hubble? Todos son homes, non si? De feito, durante séculos as mulleres tiveron pouca presenza na ciencia en xeral e na astronomía en particular. Mais isto non significa que as mulleres non fixeran achegas. Na súa charla “Mulleres na Astronomía”, a profesora doutora Yaël Nazé trazará os camiños percorridos por mulleres científicas que realizaron traballos importantes. A conferencia tamén presentará os seus descubrimentos sobre os principais temas da astrofísica moderna, como a materia escura, os púlsares e moitas outras áreas da astrofísica.

Este evento terá lugar presencialmente o sábado 22 de abril de 14:30 a 16:30 UTC+9 no Instituto Francés de Kansai en Kioto. A entrada é gratuíta con interpretación simultánea do francés ao xaponés. As prazas son limitadas, polo que debedes reservar aquí a vosa praza (é necesario facelo con antelación). Para obterdes máis información, consultade o seu sitio web en xaponés e francés.

4) Convocatoria de participación global na Investigación sobre Educación Científica en Ensino Secundario

En Xapón, as directrices nacionais do currículo de secundaria que entraron en vigor este ano aínda obrigan a que o alumnado escolla entre física, química, bioloxía e xeoloxía. Porén, para resolver os diversos problemas aos que se enfronta a sociedade moderna, incluíndo a ciencia, a tecnoloxía e o medio ambiente global, non é suficiente con que o alumnado elixa unha educación xa separada: requírese unha educación científica integrada.

Un equipo de investigación do Observatorio Astronómico Nacional de Xapón (NAOJ) quere deseñar un novo currículo para a educación científica nas escolas secundarias xaponesas que aborde a necesidade emerxente de comprensión científica interdisciplinar. Para iso, realizarán un estudo comparativo para comprender a comunicación científica noutros países, mais precisan a vosa axuda. Podedes atopar a súa enquisa rápida aquí.

5) Enquisa do ISC e da UNESCO sobre a comunicación científica

O International Science Council (ISC) a través do seu proxecto “Public Value of Science” coa Cátedra UNESCO de Comunicación Científica para o Ben Público está a preparar un informe para responsábeis políticos e líderes de investigación sobre a concienciación científica: comprender a confianza, a ciencia e os públicos. Unha das ferramentas de investigación que reseña este informe é unha enquisa que leva 15-20 minutos responder orientada a persoas que participan na comunicación científica. Se queredes contribuír, completade a enquisa antes do 3 de marzo.

6) Novas NOC

a) Arxentina

O equipo NOC de Arxentina celebrou o Día Xuliano: o día e a hora (24 de febreiro ás 12:00 UTC) no que o Calendario Xuliano sinala 2460000. Continuarán ao longo do ano con actividades relacionadas co tempo, a súa medición e a importancia que ten na astronomía.

b) Barbados

O equipo NOC de Barbados puido capturar esta fermosa foto do cometa verde, C/2022 E3 (ZTF).

c) Bolivia

O equipo NOC de Bolivia tamén capturou unha imaxe do cometa verde. Podes atopar a imaxe aquí e unha reportaxe completa (en castelán) aquí.

d) Francia

Para o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia o 11 de febreiro, o equipo NOC de Francia elaborou un mosaico para celebrar as mulleres na astronomía. Con máis de 100 perfís, o mosaico celebra as palabra eliminada astrónomas francesas en Francia e no estranxeiro. Consulta máis información aquí.

e) Libia

O NOC de Libia Amjed Khurwat prepárase para lanzar o primeiro campamento espacial de Libia en marzo. O campamento ten como obxectivo reunir a mocidade entusiasta das ciencias espaciais de diferentes rexións de Libia e involucrala en desafíos científicos, observacións astronómicas e conferencias.

f) Portugal

O equipo NOC de Portugal e o socio da OAO, o Instituto de Astrofísica e Ciencias Espaciais (IA), acolleron actos presenciais en homenaxe ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2023 en Lisboa, Coimbra e Porto. As actividades incluíron charlas informais con persoas que se dedican á investigación, observacións con telescopios, obradoiros, presentacións e unha visita a un espectroheliógrafo. Para máis información, consultade a súa páxina web.

g) Trinidad e Tobago

A NOC de Trinidad e Tobago Shirin Haque acolleu unha edición especial de “The Wormhole”, unha serie web dedicada a compartir o asombro e a marabilla da vida, do Universo e de todo. Este episodio moi especial contou coa doutora Breezy Ocana-Flaquer, unha astrónoma da República Dominicana que actualmente é profesora adxunta na Universidade de San Diego en California. É cofundadora de Caribbean Astronomy for Inclusion e traballa co seu equipo para poder achegar a astronomía tamén ás persoas con discapacidade. Esta é a súa historia, en conmemoración do día de Mulleres e Nenas na Ciencia de 2023. Para verdes o episodio, consultade esta ligazón.

7) Oportunidades

a) Únete ao Equipo Supernova da ESO!

-Posto de especialista en educación en Garching, Alemaña. As persoas seleccionadas estarán encargadas de liderar o proxecto “Fomento da educación científica temperá en ESO Supernova en cooperación con Forscherstation”, que ten como obxectivo reforzar e ampliar a oferta educativa de ESO Supernova, especialmente para crianzas de 3 a 12 anos, persoas que se dedican á educación e docentes de primaria. O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de marzo de 2023. Para obterdes máis información, consultade o sitio web en inglés e alemán.

-Posto de prácticas en ESO Supernova: este contrato de prácticas de seis meses é unha excelente oportunidade para quen queira adquirir máis experiencia coas actividades presenciais de divulgación e aprender a traballar nun centro científico ou nun museo. Búscase unha persoa recentemente graduada en ciencias ou actualmente matriculada nun programa de mestrado en comunicación científica que domine o inglés e o alemán. Podedes consultar todos os detalles sobre o posto e como presentardes a solicitude na web de contratación da ESO (ver “ESO Supernova Internship”). A data de inicio é flexíbel e o proceso de solicitude é continuo.

b) Posdoutoramento en Astrobioloxía e Comunicación Científica na Universidade de Leiden

O Observatorio de Leiden e o Departamento de Comunicación Científica e Sociedade da Universidade de Leiden ofrecen un contrato posdoutoramento en astrobioloxía e comunicación científica. O posdoutoramento examinará o papel dos medios de comunicación na comunicación científica eficaz e a súa contribución á comprensión pública da orixe da vida e da astrobioloxía. Pódese atopar información adicional nesta ligazón.

c) Candidaturas abertas aos premios ASP

A Sociedade Astronómica do Pacífico convida a propoñer candidaturas para varios premios de educación, divulgación e investigación en astronomía. Tede en conta que poden nomear e seren nomeadas persoas de calquera país, non precisan ser membros da ASP. Para saber máis consultade esta ligazón. O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de marzo.

d) Curso gratuíto de astronomía cultural na Europa medieval e moderna

O curso centrarase na Europa medieval e moderna e as súas formas culturais de comprensión, teoría e práctica da astronomía entre os séculos XIII e XVII. Para obterdes máis información sobre como rexistrarse, consultade este folleto.

8) Recursos interesantes

a) Novo “Space Scoop” [Contido en inglés]

Space Scoop produce artigos sobre as novidades en astronomía e ciencia espacial nunha linguaxe fácil de entender. Non perdades as súas actualizacións semanais que inclúen historias de moitas das axencias espaciais do mundo. Obtén o Triple Scoop aquí, aquí e aquí. Se queredes axudar a que Space Scoop se traduza a máis idiomas do mundo, envíade un correo electrónico a info@unawe.org

b) Novo vídeo sobre Mirza Ghalib, Xulio César e os cometas de Kainaat Studios [Contido de audio en urdú/hindi, subtítulos en inglés]

Kainaat Studios é unha organización sen ánimo de lucro con sede nos Estados Unidos que ten como obxectivo proporcionar materiais educativos de astronomía de alta calidade para o mundo de fala urdú/hindi. Acompañade neste vídeo o astrofísico e CEO de Kainaat Studios, Salman Hameed mentres explora non só a historia dos cometas, senón tamén a ciencia detrás da cor do cometa verde, C/2022 E3 (ZTF).

9) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.