Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Abril 2023 #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: Ceos escuros e tranquilos
1) Axudas de mobilidade da IAU OAD
2) 6ª edición do Día Internacional da Luz da UNESCO
3) Jupyter Notebooks máis accesíbeis
4) Dobre anuncio sobre ciencia cidadá
5) Novas NOC
6) Oportunidades
7) Recursos interesantes
8) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
9) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amizades e colegas,

Este boletín ofrece oportunidades interesantes para participardes na protección do ceo. Durante o programa “Ceos escuros e tranquilos” do mes de maio teredes a oportunidade de coñecer o problema dobre da contaminación luminosa e a interferencia das constelacións de satélites, descubrir formas de favorecer que as vosas comunidades actúen en favor da protección da noite (sen esquecer os nosos ecosistemas e o noso benestar) contra estas ameazas e dar pasos adiantes nesta loita. Convidámosvos tamén a participar no Día Internacional da Luz (IDL) da UNESCO o 16 de maio. A través do IDL como do noso programa “Ceos escuros e tranquilos” podedes compartir os vosos eventos co mundo e maximizar o alcance das vosas actividades.

A xustiza, a equidade, a diversidade e a inclusión están na cerna do noso esforzo na OAO. Este boletín destaca un proxecto do Space Telescope Science Institute para desenvolver Jupyter Notebooks máis accesíbeis. Isto abre moitas oportunidades para chegar a novos públicos na educación astronómica formal e informal e na divulgación da astronomía. Ademais, destacamos oportunidades de financiamento e implicación na ciencia cidadá, redes CTEM inclusivas, obradoiros, recursos de lingua de signos e moitas cousas máis.

Como sempre, queremos darlles as grazas ás Coordinacións Nacionais de Divulgación por todo o traballo que fan para inspirar as xeracións futuras da astronomía e promover o abraio nas súas comunidades.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Ceos escuros e tranquilos

Na Oficina de Astronomía da IAU temos o orgullo de presentar a iniciativa “Ceos escuros e tranquilos” deste ano. O proxecto crea conciencia sobre a necesidade de preservar a escuridade do ceo. Os dous adxectivos van xuntos mais teñen significados diferentes. A protección do ceo escuro xorde da redución da contaminación luminosa a través da política, a lexislación e o activismo sobre o espectro electromagnético. A protección do ceo tranquilo refírese á ameaza que supón a interferencia das constelacións de satélites, que é a principal preocupación do noso socio, o Centro IAU para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia das Constelacións de Satélites (CPS).

A través deste proxecto, a xente aprenderá a importancia dos ceos escuros e tranquilos para a cultura, o patrimonio e a saúde humana, ademais da saúde dos nosos ecosistemas e a súa importancia para a investigación astronómica.

A Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía (IAU OAO) leva a cabo este proxecto en colaboración con CPS, a Oficina IAU de Astronomía para a Educación (OAE), o Día Internacional da Luz (IDL), a International Dark Sky Association (IDA), Astronomía sen Fronteiras (AWB), a Comisión B7 da IAU, Globe at Night, a Universidade de Hong Kong e outros socios nacionais e rexionais. Se representades unha organización en favor da protección do ceo e tedes interese en colaborar connosco, poñédevos en contacto con public@oao.iau.org.

1) Axudas de mobilidade da IAU OAD

A Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento anunciou axudas de mobilidade a través da Royal Astronomical Society para establecer ou fomentar colaboracións de investigación, educación e/ou desenvolvemento entre o Reino Unido e os países onde a investigación astronómica non está ben establecida. A convocatoria é unha colaboración entre a Oficina de Astronomía para o Desenvolvemento e a Royal Astronomical Society. O prazo para as solicitudes remata o 3 de maio de 2023.

Facede clic aquí para obterdes máis información sobre esta oportunidade de financiamento.

2) 6ª edición do Día Internacional da Luz da UNESCO

É un pracer convidarvos a participar na 6a edición do Día Internacional da Luz da UNESCO. O Día Internacional da Luz (IDL) é unha celebración anual das Nacións Unidas que aumenta a conciencia sobre a importancia social da ciencia e a tecnoloxía da luz en diversos sectores da sociedade e en diversos campos como as comunicacións, a enerxía e a saúde, así como a arte e a cultura. O IDL celébrase cada ano o 16 de maio, o aniversario científico do primeiro uso dun láser polo físico Theodore Maiman. Desde a súa proclamación en 2018, tiveron lugar máis de 2200 eventos en 103 países, cunha audiencia global estimada en máis de 2 millóns de persoas.

Un obxectivo clave para a sexta edición é recoller información máis profunda sobre os desafíos aos que se enfrontan as comunidades na organización de eventos, a través da enquisa en liña IDL Event Organiser. Animámosvos a contactar connosco para obter máis información sobre como participar nas celebracións mundiais. A inscrición para 2023 está aberta. Basta encher este sinxelo formulario para obter recoñecemento oficial como evento IDL. Unídevos nunha celebración mundial máis proveitosa!

Ligazóns importantes:
Páxina web: www.lightday.org
Recursos: https://www.lightday.org/resources
Guía rápida: https://www.lightday.org/quickguide-organising-an-idl-event
Ideas a partir de eventos anteriores: https://www.lightday.org/previous-years
Enquisa en liña: https://www.lightday.org/survey
Boletín informativo: https://www.lightday.org/newsletter-archive
Cancelo oficial: #LightDay2023

Para obterdes máis información, poñédevos en contacto coa coordinación de comunicacións de IDL, Geethu Paulose, en contact@lightday.org.

3) Jupyter Notebooks máis accesíbeis

O 10 de marzo de 2023, o Space Telescope Science Institute (STScI) acolleu o “Accesible Notebooks Hackathon”. O evento abriuse con presentacións sobre a historia e o estado actual dos Notebooks na investigación científica, para despois tratar formas de que sexan máis accesíbeis. Despois, os participantes xuntáronse en grupos nunha actividade mini-hack para examinar como se podían facer máis accesíbeis os Notebooks HTML publicados. A gravación da primeira parte do evento está dispoñíbel en YouTube.

Un dos principais motivos de preocupación neste evento foi a inaccesibilidade do editor Jupyter Notebook para os usuarios de lectores de pantalla. Dado que Jupyter Notebooks se converteu nun estándar de facto na investigación científica, a súa falta de accesibilidade é un gran obstáculo para persoas con discapacidade que estudan e investigan en áreas CTEM, incluída a astronomía. Este ano, STScI levou a cabo un proxecto, “Astronomy Notebooks for All”, para mellorar a accesibilidade dos resultados científicos dos Jupyter Notebooks e o 13 de abril de 2023 STScI tamén celebrará un Día da Accesibilidade para concienciar sobre a accesibilidade en astronomía.

Contido cortesía do Dr Patrick Smyth (Iota School), Jennifer Kolter (STScI) e Scott W. Fleming (STScI).

4) Dobre anuncio sobre ciencia cidadá

a) Caza de planetas

O satélite TESS (Transiting Exoplanet Survey Satellite) está a proporcionarnos unha enorme cantidade de datos que nos permiten buscar planetas fóra do noso sistema solar. O proxecto de ciencia cidadá Planet Hunters TESS ofrece unha oportunidade para abordar cuestións como a formación do sistema solar.

Este mes están a clasificar o Sector 61. Os datos inclúen medicións de brillo de 20.000 estrelas observadas por TESS. Algunhas destas estrelas son binarias eclipsantes, outras son estrelas variábeis e, por suposto, algunhas teñen planetas que orbitan ao seu redor. Que tipo de planetas atoparedes nesta parte do ceo? Unídevos a TESS na súa busca nesta ligazón.

Se vedes unha estrela ou planeta interesante e queredes investigalo máis a fondo, crearon unha ferramenta en liña para facelo: a ferramenta de análise de curvas de luz para exoplanetas en tránsito (LATTE).

b) Gaia Vari: axudade a descubrir os segredos da Vía Láctea

O novo proxecto de ciencia cidadá Gaia Vari acaba de lanzarse en Zooniverse. O proxecto está financiado pola Axencia Espacial Europea (ESA) e apoia a clasificación de estrelas variábeis de Gaia. Os seus obxectivos principais son formar unha comunidade arredor da misión Gaia e clasificar o conxunto de datos para casos de estrelas variábeis interesantes.

Gaia é unha misión da ESA para inspeccionar a Vía Láctea e os seus arredores co fin de construír o mapa 3D máis preciso da nosa galaxia xamais producido. Mentres a nave espacial explora a nosa galaxia, permite controlar as variacións no brillo de máis de 2.000 millóns de obxectos. A ciencia cidadá axudará a analizar este conxunto masivo de datos clasificando variábeis, identificando obxectos clasificados incorrectamente, descubrindo fontes que mostran un comportamento de variabilidade peculiar e axudando a adestrar e validar a clasificación cara á próxima publicación de datos de Gaia en 2025.

Acaba de comezar a primeira campaña do proxecto. Serán tres campañas en total e cada unha delas revelará novos e fascinantes datos recollidos por Gaia. A inscrición en Zooniverse está aberta a calquera persoa interesada en participar nun proxecto de ciencia cidadá. Para unirvos á aventura científica de Gaia Vari, visitade a páxina Zooniverse do proxecto.

As campañas de Gaia Vari tamén irán acompañadas de materiais didácticos. Apoiarán a ciencia cidadá proporcionando información adicional sobre as estrelas variábeis, titoriais sobre clasificación de estrelas variábeis e ferramentas que poden achegar a astronomía a diferentes públicos.

5) Novas NOC

a) Haití

O noso equipo NOC de Haití produciu dous novos vídeos excelentes para a súa serie de YouTube sobre astronomía. Neste vídeo, o noso NOC, o doutor Rulx Narcisse, fala sobre o Vwe Lakte (Vía Láctea) e neste vídeo fala da principal ferramenta da astronomía: o telescopio. Os dous vídeos están en haitiano, mais pódense traducir automaticamente mediante o servizo de subtítulos de YouTube.

b) Brunei, Timor Oriental e Vietnam

Os nosos coordinadores nacionais de divulgación de Brunei Darussalam, Timor Leste e Vietnam organizarán varias actividades de divulgación astronómica en Timor Leste para educar o público sobre as marabillas do Universo e divulgar formas seguras de gozar da eclipse solar total que terá lugar a finais deste mes. O equipo preparou materiais de presentación en 4 idiomas -tetun (un dos idiomas oficiais de Timor Oriental), indonesio, inglés e portugués- e reuniu 1000 lentes de eclipse solar para os diversos eventos.

6) Oportunidades

a) Obradoiro gratuíto sobre como comunicar o cambio climático coa astronomía

Este obradoiro gratuíto do profesor Travis Rector (Universidade de Alaska, Anchorage) presentará estratexias sobre como facer que estudantes e público saian dunha aula ou charla divulgativa sentindo que teñen información, esperanza e disposición para abordar o problema do cambio climático. Unídevos en liña (de balde) o 28 de abril de 2023. Para obterdes máis información sobre este obradoiro gratuíto sobre o cambio climático e rexistrarvos, facede clic nesta ligazón.

b) Convocatoria Falling Walls 2023

Máis ca nunca, a confianza do público e a implicación na ciencia teñen un papel importante para afrontar os desafíos globais. O compromiso científico pode axudarnos a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas e dar forma a sociedades máis inclusivas e iguais. Coa convocatoria global Falling Walls, a organización dá a benvida a proxectos que comprometan activamente o público coa ciencia a través de formatos participativos de todo tipo e tamaño.

Coñecedes ou xestionades unha iniciativa de divulgación científica que envolva o público activamente coa ciencia? Propón candidaturas ou participa na convocatoria global Falling Walls 2023 na categoría “Science Engagement“. A convocatoria xa está aberta! O prazo remata o 1 de maio de 2023.

c) Convocatoria dos Premios Eric e Wendy Schmidt das Academias Nacionais á Excelencia en Comunicación Científica

Os Premios Eric e Wendy Schmidt das Academias Nacionais celebran as contribucións de persoas que se dedican ao xornalismo e a comunicación científica en todo o mundo. Ademais destes premios, desenvolverán unha serie de oportunidades de formación profesional para as persoas recoñecidas a través do programa. Para obterdes máis información sobre a elixibilidade no programa de premios das Academias Nacionais, facede clic nesta ligazón.

7) Recursos interesantes

a) Recursos do obradoiro GlobalSCAPE [Contido en inglés]

O proxecto GlobalSCAPE tiña como obxectivo comprender o panorama global da comunicación científica, centrándose nas voces menos escoitadas de todo o mundo. Como parte deste proxecto, crearon dous obradoiros de comunicación científica: un sobre “Relevancia global na comunicación científica” e outro sobre “Xustiza, equidade, diversidade e inclusión na comunicación científica”. Para descargar os materiais dos obradoiros, incluídas as gravacións, consultade esta web.

b) Artigo destacado de investigación: a negatividade impulsa o consumo de noticias en liña [Contido en inglés]

Nun artigo recente de Nature Human Behaviour Claire E. Robertson, Nicolas Pröllochs, Kaoru Schwarzenegger, Philip Pärnamets, Jay J. Van Bavel e Stefan Feuerriegel analizan a correlación entre a presenza de palabras negativas no titular dun artigo e o alcance do artigo. En base a un amplo estudo de artigos, descubriron que cada palabra negativa adicional nun título aumentaba a taxa de clics nun 2,3%. Podedes ler o artigo, “A negatividade impulsa o consumo de noticias en liña”, aquí.

c) Atlas virtual da Lúa (VMA), Versión 8 [Contido en inglés]

Desde o seu primeiro lanzamento en 2002, o atlas descargouse aproximadamente 1,9 millóns de veces en todo o mundo. Úsase principalmente na astronomía amadora, mais tamén en varios libros e revistas, observatorios, universidades, sitios web e blogs. A nova edición inclúe a incorporación de novos datos, imaxes e mapas, e dous novos módulos para mellorar as posibilidades de procesar datos específicos da Lúa. Podedes obter máis información sobre o “Virtual Moon Atlas” aquí.

d) Termos do currículo científico en lingua de signos do Scottish Sensory Center [Contido en inglés e lingua de signos británica]

Esta aplicación ofrece un glosario de máis de 1000 termos CTEM (incluída a astronomía, a bioloxía, a química, a xeografía, as matemáticas e a física) en lingua de signos británica. Para obterdes máis información sobre este glosario STEM da linguaxe de signos, consultade este sitio web.

e) Unídevos á Rede Internacional CTEM para persoas cegos e con baixa visión [Contido en inglés]

Esta rede ten como obxectivo conectar a persoas cegas ou con baixa visión que se especializan ou estean interesadas en materias CTEM en todo o mundo. Teñen tres áreas de traballo principais: intercambio de información, educación CTEM e carreiras CTEM. Se tedes interese en unirvos ou só queredes saber máis sobre esta Rede BLV internacional, facede clic aquí.

8) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

9) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.