Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)
Setembro 2018 #2
Neste boletín:
0) Nota dos editores
1) Establece unha parcería coa IAU
2) Novas do Xapón
3) Novas de Australia
4) Novas de Suráfrica
5) O Sol, a nosa estrela viva: novo espectáculo de planetario do ESO
6) Base de datos iStar – Repositorio para investigación en educación astronómica
7) Un catálogo de música inspirada pola astronomía
8) Obradoiro de formación para o profesorado ESA-GTTP 2018
9) Encontros e actividades globais de 2018
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
0) Nota dos editores
As celebracións IAU100 xa están en marcha e en 2019 o noso boletín astronómico xogará un papel importante na difusión e posta en valor de todas as noticias relevantes sobre a efeméride para a comunidade da divulgación e educación en todo o mundo. A través do noso boletín atoparás información de primeira man sobre concursos internacionais, oportunidades de colaboración, proxectos globais e moito máis. Ademáis, e seguindo o noso traballo actual de destacar exemplos inspiradores e boas prácticas de divulgación e educación, queremos seguir difundindo o voso traballo no boletín. Podedes atoparnos no correo electrónico outreach@iau.org e así seguiremos promocionando as vosas actividades.
Neste número salientamos o concurso para o nomeamento de satélites, a nova base de datos iStar para a investigación na educación astronómica e presentámosvos música inspirada pola astronomía.
Non esquezades que o 15 de outubro de 2018 é a data límite para mandar propostas para a conferencia Comunicar Astronomía co Público. Non perdades a oportunidade de acoller o CAP2020! E podedes vir a traballar na nosa oficina no Xapón. Segue aberto o prazo para postular a candidatura ao posto de coordinación da divulgación internacional. A data límite tamén é o 15 de outubro de 2018.
Desexámosvos unha feliz lectura e ceos despexados!
O equipo da oficina IAU de divulgación astronómica.
1) Establece unha parcería coa IAU
En 2019 conmemoramos o centenario da Unión Astronómica Internacional organizando unha celebración global da astronomía e a súa importancia para a sociedade, en unión baixo un mesmo ceo. A túa organización agora ten a oportunidade de unirse a estas celebracións establecendo unha parcería coa IAU e chegar a millóns de persoas en todo o mundo.
Para saber máis: https://www.iau-100.org/become-an-iau-partner
2) Novas do Xapón
Sitio web dos modeos 3D do telescopio Subaru
Como quizais saibades, o telescopio Subaru é un telescopio óptico-infravermello de 8,2 metros localizado en Mauna Kea, Hawai’i, nos Estados Unidos, operado polo Observatorio Astronómico Nacional do Xapón. O sitio web do seu modelo táctil está xa operativo en http://prc.nao.ac.jp/3d/index_e.html tanto en inglés coma en xaponés.
Podes descargar os paquetes de arquivos de impresión 3D (stl) e gozar imprimindo o(s) modelo(s) do telescopio!
Exposición especial na Biblioteca Braille do Xapón
A Biblioteca Braille do Xapón en Toquio ten unha pequena sala de exposicións chamada “Museo Táctil”. A exposición especial titulada “Tocar o universo” abriu o 17 de agosto e poderá visitarse até o 22 de decembro. Ademais dos modelos do telescopio Subaru, hai tamén modelos da Lúa e Marte (de “Un toque de universo”), modelos do sistema solar (con etiquetas braille) do “Universo nunha caixa” de UNAWE e outros materiais.
3) Novas de Australia
Sesións de observación PULSE@Parkes
Todo listo para a apertura doutras sesións de observación PULSE@Parkes, do 18 de outubro a marzo de 2019. PULSE@Parkes é un proxecto que achega aos estudantes de institutos de Australia a oportunidade de controlar o famoso radio telescopio Parkes para observar púlsares coa guía de profesionais da astronomía. Os datos analizados en última instancia axudarannos a descubrir un novo púlsar. PULSE@Parkes opera habitualmente conxuntamente con colaboradores locais (por exemplo, xira a Nova Zelanda). Os grupos internacionais interesados poden contactar con Robert Hollow en Robert.Hollow[at]csiro.au.
Máis información sobre o programa aquí: http://pulseatparkes.atnf.csiro.au/
4) Novas de Suráfrica
Concurso para o nomeamento de satélites
Os Cubesats son satélites extremadamente pequenos, en forma de cubos de 10 cm e cunha masa de menos de 1 kg. O alumnado de primaria e secundaria está convidado a poñerlle nome ao nanosatélite surafricano ZACube-2. As e os estudantes poden gañar un computador portátil, un modelo 3D para o seu centro e unha visita á construción do satélite en Cidade do Cabo. ZACube-2 foi deseñado e construído principalmente por estudantes de posgrao na Universidade de Tecnoloxía Cape Peninsula (CPUT) xunto coa Axencia Espacial Nacional de Suráfrica (SANSA) como parte do programa CubeSat. A data límite é o 12 de novembro.
Para saber máis: https://www.saasta.ac.za/competitions/zacube-2-satellite-naming-competition/
5) O Sol, a nosa estrela viva: novo espectáculo de planetario do ESO
O ESO ten o pracer de anunciar unha nova achega á súa colección de materiais para planetario gratuítos e de grande calidade producidos por profesionais da astrofotografía, a arte, a técnica e a música con recoñecemento mundial. O Sol, a nosa estrela viva conta a historia da nosa estrela máis próxima, a fonte de enerxía do noso planeta, a que impulsa os ventos e a meteoroloxía, e a bola de luz que permite a propia existencia da vida. O Sol, a nosa estrela viva será amosado no planetario do ESO Supernova desde o 7 de setembro e estará dispoñíbel para descarga gratuíta no sitio web do ESO.
Podes ler máis información: http://www.eso.org/public/announcements/ann18064/
6) Base de datos iStar – Repositorio para investigación en educación astronómica
O obxectivo da base de datos é facer accesíbel a investigación en educación astronómica a todas as persoas que investigan ou traballan en educación en todo o mundo, sen custo. iStar convida a todas ás comunidades de investigadores e investigadoras en educación astronómica a que empreguen a base de datos para desenvolver e estender colaboracións, informar de políticas, financiamentos e decisións educativas, e compartir a voz, a perspectiva e a experiencia da investigación en educación astronómica. Podes unirte subindo traballos neste campo.
Máis información: https://istardb.org/
7) Un catálogo de música inspirada pola astronomía
Unha nova guía anotada (parte dunha serie dedicada a recursos para gozar ou aprender astronomía) contén máis de 250 pezas de música inspirada por astronomía seria, incluída tanto a música clásica como a popular. Achega ademais ligazóns de Youtube para a maioría das composicións, así que podes escoitalas. Entre as pezas hai unha cantata ao telescopio espacial Hubble, cancións de rock sobre buracos negros con ciencia razoábel, óperas sobre Galileo, Kepler e Einstein, unha sonata de piano sobre supernovas e moito máis.
Podes acceder á guía directamente nesta ligazón: http://bit.ly/astronomymusic. A colección de guías de recursos, incluída unha de obras de teatro inspiradas pola astronomía, está aquí http://www.fraknoi.com/resource-guides-on-astronomy-education/
(O noso agradecemento a Andrew Fraknoi por compartir esta nova connosco).
8) Obradoiro de formación para o profesorado ESA-GTTP 2018
O obradoiro de formación para o profesorado ESA-GTTP 2018 terá lugar do 20 ao 23 de novembro no Centro de Investigación e Tecnoloxía Espacial Europeo (ESTEC) en Noordwijk, nos Países Baixos. Esta serie de obradoiros para o profesorado da ESA desenvólvese en asociación co programa de formación do profesorado Galileo (GTTP) e acada con esta a súa novena edición. Poden facerse solicitudes até as 9:00 (horario central europeo) do luns 1 de outubro de 2018.
Podedes atopar máis información aquí.
9) Encontros e actividades globais de 2018
Podes atopar aquí unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planifica un ano cheo de acontecementos interesantes!
a) Congreso Aeronáutico Internacional
Datas: do 1 ao 5 de outubro de 2018
Lugar: Bremen, Alemaña
Máis información: http://www.iafastro.org/events/iac/iac-2018/
b) Semana Mundial do Espazo
Datas: do 4 ao 10 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://www.worldspaceweek.org/
c) Noite Internacional de Observación da Lúa
Datas: 20 de outubro de 2018
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://observethemoonnight.org/
d) Fórum Wissenschaftskommunikation
Datas: do 7 ao 9 de novembro de 2018
Lugar: Bonn, Alemaña
Máis información: https://www.wissenschaft-im-dialog.de/en/forum-wissenschaftskommunikation/forum-2018/
e) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/
f) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/
Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.
10) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;
-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;
-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;
-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;
Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.
11) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU – desexamos noticias vosas en 2018!
Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós en 2018! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.