Boletín de Divulgación Astronómica da Unión Astronómica Internacional (IAU)

Xaneiro 2019 #2 – Especial IAU100 nº 2

Neste boletín:

0) Nota dos editores
1) Celebra o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía
2) Actividades arredor da eclipse Lunar – celebramos a nosa Lúa en 2019
3) Leva a Exposición “Arriba e máis aló” á túa comunidade
4) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”
5) “Estrelas que inspiran” en Europa
6) Celebracións do centenario da IAU na Semana Europea de Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)
7) Proxectos especiais IAU100
8) Encontros e actividades globais
9) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas
10) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

0) Nota dos editores

Prezados amigos, amigas e colegas,

Mentres nos preparamos para o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía, o 11 de febreiro, queremos destacar os moitos eventos que teñen lugar durante todo este mes e tamén no que resta de 2019. Prestade atención a todas as noticias e actualizacións sobre as nosas accións diversas e inclusivas asociadas á celebración do centenario.

Neste número, convidámosvos a coñecer máis sobre dous dos proxectos especiais IAU100 e lembrámosvos que o prazo de presentación de resumos para as sesións IAU-100 da Semana Europea da Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS) están aberto até o 3 de marzo.

Poñédevos en contacto connosco e seguide as últimas noticias nas nosas redes sociais para estar ao día das actividades que se realizan en todo o mundo.

Desexámosvos os ceos máis despexados e todo o mellor para 2019!

Lina Canas, en nome do Equipo de Divulgación da Oficina de Astronomía da IAU

Jorge Rivero, en representación da Secretaría IAU100

1) Celebra o Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía

Baixo o lema “Astronomía Inclusiva”, as celebracións IAU100 organizarán unha ampla serie de actividades e eventos mundiais durante 2019 que promoverán a inclusión, a equidade e a diversidade na astronomía. Este programa de eventos comezará o 11 de febreiro de 2019 coa celebración do Día da Muller e a Nena na Astronomía, no marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia convocado polas Nacións Unidas. É unha oportunidade para celebrar o papel das nenas e mulleres na astronomía, ben sexa alentando as nenas a considerar unha carreira no campo da astronomía como honrando as mulleres astrónomas. Animamos a todas as persoas a participar no Día da Muller e a Nena na Astronomía organizando eventos nas vosas comunidades locais.

Máis información, aquí: https://www.iau-100.org/women-and-girls-in-astronomy-day

2) Actividades arredor da eclipse Lunar – celebramos a nosa Lúa en 2019

Queremos darlles as grazas aos coordinadores e coordinadoras nacionais polas numerosas actividades relacionadas coa última eclipse lunar das cales nos informaron e que atraeron a atención dun grande número de persoas adultas e rapazada por igual. Os eventos relacionados coa nosa compañeira celeste adoitan recibir moita atención dos medios de comunicación nacionais, polo que soen ser unha opción popular entre as entidades que organizan actividades. Unha efeméride a ter en conta este ano é o 50 aniversario da chegada á Lúa, co evento IAU Observemos a Lúa, así que seguide as novas con atención, porque estamos ao comezo dun ano emocionante cheo de actividades dedicadas á nosa Lúa!

3) Leva a Exposición “Arriba e máis aló” á túa comunidade

A exposición de código aberto IAU100 “Arriba e máis aló” (Above and Beyond) presenta algúns dos avances astronómicos máis relevantes e asombrosos que deron forma á ciencia, a tecnoloxía e a cultura ao longo do século pasado. Agora podedes traer esta exposición a un lugar próximo de xeito personalizado para adaptala ás vosas necesidades.

A Secretaría IAU100 lanzou tres versións diferentes da exposición para facelas accesíbeis a cada comunidade:

Exposición “Arriba e máis aló” completa

Podedes traer ao voso país a exposición itinerante a gran escala que se presentou na Asemblea Xeral da IAU en Viena .

Exposición “Arriba e máis aló” DIY completa

Tamén podedes producir a vosa propia versión da exposición a gran escala e traducila ao voso idioma.

Exposición “Arriba e máis aló” en versión reducida

Unha versión reducida da exposición orixinal de baixo custo.

Máis información: https://www.iau-100.org/exhibition-materials-release

Sitio web oficial da exposición “Above and Beyond”: http://100exhibit.iau.org/

4) Convocatoria para participar no proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas”

O proxecto “Astronomía Aberta nas Escolas” (OAS) pretende mellorar a capacidade dos e das docentes para lidar con temas científicos e as súas técnicas de ensino organizando sesións de formación en todo o mundo, que permitan a alfabetización científica e a adquisición de técnicas de ensino modernas. A convocatoria de propostas está dirixida a achegar financiamento inicial (até 500 Euros) e apoio básico para fomentar obradoiros de capacitación docente nas rexións en desenvolvemento. Estes fondos de apoio as actividades OAS poden empregarse para producir materiais para distribuír entre os participantes do obradoiro ou para apoiar a viaxe e aloxamento do profesorado que participe.

A convocatoria de propostas estará aberta até o final das celebracións IAU100. As propostas que soliciten fondos deben presentarse antes do 28 de febreiro de 2019 ás 11:00 pm UTC. Todas as solicitudes que pidan apoio financeiro terán resposta final en marzo de 2019.

Podes atopar máis información aquí: https://www.iau-100.org/teacher-training-call

Sitio web oficial: https://open-astronomy-schools.org/

5) “Estrelas que inspiran” en Europa

Do 18 ao 25 de febreiro, Bélxica, Austria e Italia acollerán eventos “Estrelas que inspiran” (Inspiring Stars) na primeira xira europea do proxecto. Bruxelas e Roma celebrarán estes eventos por primeira vez, con acvidades de formación para o profesorado e conferencias, mentres que en Viena este proxecto inclusivo da IAU ten lugar xa por terceira ocasión, proseguindo as accións iniciadas en 2018.

Tes máis información sobre estas actividades ou sobre este proxecto global IAU100 nesta ligazón.

6) Celebracións do centenario da IAU na Semana Europea de Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS)

A Semana Europea de Astronomía e Ciencias do Espazo (EWASS) 2019 celebrarase en Lyon, Francia, do 24 ao 28 de xuño de 2019. A conferencia acollerá a máis de mil astrofísicos e astrofísicas de toda Europa e doutras partes do mundo. O 27 de xuño, o centenario da IAU será obxecto dunha sesión especial, que mostrará as actividades mundiais e nacionais organizadas durante a celebración. O 25 de xuño de 2019, a EWASS será anfitrioa da sesión especial SS36, “Día da inclusión: traballando por unha astronomía equitativa, diversa e inclusiva”, organizada en estreita colaboración co proxecto global IAU100 “Estrelas que inspiran”. O envío de resumos está aberto até o 3 de marzo de 2019 e a Secretaría IAU100 agradece especialmente todas as contribucións relacionadas coas sesións especiais.

Máis información: https://www.iau-100.org/iau100-at-ewass

7) Proxectos especiais IAU100

NARIT Unha década de excelencia: utilizando a celebración IAU100 para a capacitación e a transferencia de coñecementos.

O décimo aniversario de NARIT coincide co centenario da IAU e ofrecerá unha ampla gama de actividades que destacarán os obxectivos e proxectos globais IAU100 cun grande impacto e poñendo o foco na sustentabilidade.

Podes ler máis información sobre este proxecto especial IAU100 aquí.

O ceo de Dumbara – Astronomía nas vilas de Sri Lanka.

Como o ceo nocturno é un laboratorio que todas as persoas compartimos, a divulgación astronómica é un medio eficaz para popularizar os temas CTEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemática), incluída a astronomía, entre o estudantado das zonas rurais. O proxecto “O ceo de Dumbara” pretende aumentar a conciencia da ciencia e o interese temperán na procura dos campos CTEM entre os nenos e nenas das escolas.

Podes saber máis deste proxecto especial IAU100 aquí.

8) Encontros e actividades globais

Aquí tes unha listaxe de eventos e conferencias de divulgación e educación astronómica en todo o mundo. Planificade un ano cheo de acontecementos interesantes!

a) IAU100: Día das Mulleres e as Nenas na Astronomía
Datas: 11 de febreiro de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.inclusive-astronomy.org/women-girls-in-astronomy

b) Encontro rexional asiático “Global Hands-On Universe”
Datas: do 6 ao 8 de marzo de 2019
Lugar: Pokhara, Nepal
Máis información: https://sites.google.com/view/ghou-asia-regional-conference/home

c) 8ª conferencia internacional “Novas perspectivas en educación científica”
Datas: 21 e 22 de marzo 2019
Lugar: Florencia, Italia
Máis información: https://conference.pixel-online.net/NPSE/

d) Noite de Yuri
Data: 12 de abril de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://yurisnight.net/

e) Día da Astronomía Amadora
Data: 13 de abril de 2019
Lugar: Bruxelas, Bélxica
Máis información: https://www.iau-100.org/amateur-astronomers-day​

f) Semana europea da astronomía e ciencias do espazo
Datas: do 24 ao 28 de xuño de 2019
Lugar: Lyon, Francia
Máis información: https://eas.unige.ch//EWASS/

g) V Festival Starmus: un paso de xigante
Datas: do 24 ao 29 de xuño de 2019
Lugar: Berna, Suíza
Máis información: https://www.starmus.com/

h) Día do asteroide
Data: 30 de xuño de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: http://asteroidday.org/

i) 3º Obradoiro sobre Divulgación e Educación da Astronomía (WDEA III)
Datas: 2 de xullo (Eclipse solar) e do 4 ao 5 de xullo de 2019
Lugar: San Juan, Argentina
Máis información: http://sion.frm.utn.edu.ar/WDEAIII/

l) IAU100: 50º aniversario da chegada á Lúa – Observemos a Lúa!
Data: 20 de xullo de 2019
Lugar: todo o mundo
Máis información: https://www.iau-100.org/moon-landing-anniversary

Esquecemos algo? Entón comparte os teus encontros sobre educación e divulgación astronómica con nós vía outreach@iau.org.

9) Boletín de divulgación astronómica da IAU noutras linguas

-Tradución ao serbio, elaborada pola doutora Liliana Gracanin de Serbia: https://twitter.com/IAU_srpski;

-Traducións ao xaponés a cargo de Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica: http://bit.ly/2xlNyCR. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados, http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html, ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía, http://www.tenkyo.net/;

-Traducións ao galego, por Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, en España, aquí: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau;

-Traducións ao español, elaboradas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html;

-Tradución ao italiano, feitas por Eleonora Piromalli, AstronomiAmo, de Italia, nesta ligazón: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last

-Tradución ao ruso, elaboradas por Artem Mokhnaktin, do Observatorio Astronómico Central da Academia Rusa das Ciencias en Pulkovo. Podes atopar as últimas traducións do boletín aquí.

-Tradución ao portugués elaborada por Catarina Leote e João Ferreira a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica (o número anterior do boletín está aquí).

Se estás interesado en traducir o noso boletín ao teu idioma, por favor contacta con nós vía outreach@iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación astronómica da IAU

Na Oficina de Divulgación Astronómica da IAU sempre estamos buscando noticias sobre educación e divulgación astronómica en todo o mundo. Por favor, continuade compartindo as vosas historias con nós! Se estás organizando actividades a gran escala a nivel rexional ou internacional, ofreces postos de traballo de educación e comunicación da astronomía, tes proxectos innovadores ou historias inspiradoras, buscas colaboración ProAm en astronomía ou creaches recursos educativos, fáinolo saber por correo electrónico: outreach@iau.org.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.

1 Comment

  1. Marisa Castiñeira 10 de Febreiro de 2019 at 20:53 08Sun, 10 Feb 2019 20:53:57 +010057.

    Inscribimos a actividade do 11F do IES Rafael Dieste, xunto coa Agrupación Ío no “Día IAU da Muller e a Nena na Astronomía”.