O regreso dos talibáns ao goberno de Afganistán supuxo un radical retroceso dos dereitos civís e da xa precaria situación humanitaria naquel país. A suma dos efectos da pandemia, a seca, a crise económica e a suspensión da axuda estranxeira puxeron a 23 millóns de persoas en risco de inseguridade alimentaria e fame, entre elas tres millóns de crianzas, segundo informou en decembro a ONU. A acción dos talibáns provocou o desaloxo de miles de familias dos seus fogares e botou abaixo os mínimos avances conseguidos no ámbito dos dereitos fundamentais. En particular, a vida para as nenas e as mulleres é agora moito máis difícil do que xa era antes, pois ven cuestionado o seu dereito á educación e ao traballo e carecen de mecanismos legais de protección ante a violencia sexual e de xénero. A vida diaria está marcada polas ameazas, a violencia e os asasinatos.

APOIO Á COMUNIDADE ASTRONÓMICA DE AFGANISTÁN

A Unión Astronómica Internacional (IAU, polas siglas en inglés) lanzou desde o primeiro momento un chamamento de axuda e colaboración coa pequena mais moi activa comunidade astronómica afgá. A Coordinadora Nacional de Divulgación da IAU en España púxose en contacto o verán pasado con todas as persoas que puido para interesarse polas súas necesidades, facer un seguimento dos seus casos e prestar a axuda que for factíbel para garantir os seus dereitos como refuxiadas. Algunhas conseguiron saír de Afganistán con colosais dificultades, como é o caso da enxeñeira e divulgadora Amena Karimyan, mais hai moitas outras familias no proceso de conseguir os permisos e os recursos para intentar vir a Galicia. Familias que precisan a nosa axuda.

A MARISTELA: ACOLLENDO FAMILIAS REFUXIADAS EN SOBRADO DOS MONXES

A asociación de mulleres rurais A Maristela de Sobrado dos Monxes está dedicando inmensos esforzos para acoller familias refuxiadas afgás en colaboración co Concello e o Mosteiro de Sobrado. Xa hai dúas familias establecidas e axiña virán máis, por exemplo a de Elnaz Osmani, unha estudante afgá de 17 anos pertencente a un activo grupo de astronomía que espera viaxar de xeito inminente para iniciar unha nova vida e proseguir cos seus estudos.

A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, xunto coa Fundación Ceo Ciencia e Cultura, organiza diversas actividades de divulgación que pretenden dar a coñecer a terríbel situación que se vive en Afganistán e mostrar como a astronomía é unha ferramenta máis en favor do desenvolvemento. Pedimos que nos axudedes a facilitarlle unha oportunidade ás familias refuxiadas que o necesitan e convidámosvos a que marquedes na axenda a tarde-noite do sábado 24 de setembro, cando celebraremos unha gran festa da astronomía solidaria en Sobrado dos Monxes. Agardámosvos!