O próximo venres 26 de febreiro ás 20:00 terá lugar na Sala Leonardo da Vinci da Domus a presentación do libro E fixemos a luz! do profesor Salvador Bará, segundo título da Biblioteca de Divulgación, Serie Científica, impulsada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. Na sesión intervirá, ademais do autor, o codirector da colección, Jorge Mira. A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío colabora na organización deste acto, cumprindo o seu obxectivo de promover a cultura científica.
En E fixemos a luz! Salvador Bará explora con precisión e humor os desafíos e as controversias científicas que conduciron ao coñecemento que hoxe temos da luz. Unha historia apaixonante que é tamén un reconto das grandes figuras que cambiaron o noso coñecemento do mundo, de Galileo a Einstein.
Salvador Bará é doutor en física pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor na Facultade de Óptica e Optometría. Entre os seus diversos campos de investigación nos últimos anos desenvolveu un intenso traballo sobre contaminación luminosa, que deu coma froito un bo número de publicacións. Ademais é o coordinador do proxecto de divulgación “Astronomía na beirarrúa”.
Creada en 2011, a Biblioteca de Divulgación – Serie Científica publica textos pensados para o público xeral, non especialista. O primeiro volume foi Antimateria, magia y poesía, de José Edelstein e Andrés Gomberoff.
Lugar: Sala Leonardo da Vinci da Domus (Rúa Ángel Rebollo, 91, 15002 A Coruña)
Data e hora: venres 26 de febreiro, 20:00
poderáse comprar o libro na presentación ?
Si, a Librería Azeta estará presente no acto e poderá mercarse non só o libro de Salva senón tamén outras publicacións de divulgación científica da USC.
Pingback: Actividades da Agrupación Ío no primeiro semestre de 2016 - Agrupación Ío
Pingback: Actividades da Agrupación Ío no primeiro semestre de 2016 - Agrupación Ío