Ao abeiro do proxecto de Aprendizaxe-Servizo que levou á creación do libro didáctico de astronomía O firmamento animado, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío presenta hoxe unha nova versión en branco e negro, especialmente pensada para o seu uso nos centros educativos. Esta edición busca facilitar a impresión e o aproveitamento de recursos en aulas de infantil e primaria, mantendo todo o contido pedagóxico e visual que caracteriza á publicación orixinal.

O FIRMAMENTO ANIMADO

“O firmamento animado” naceu da colaboración entre a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e os Museos Científicos Coruñeses. O libro consta de tres apartados principais:

  1. Guía didáctica: recomendacións para o seu uso en distintas idades e contextos de aula.

  2. Guía astronómica: achega aos conceptos básicos sobre as constelacións e a súa localización no ceo galego.

  3. Contos ilustrados: un viaxe máxico por dez constelacións que representan animais, proxectando a fantasía e a crenza cultural cara ao espazo.

VERSIÓN EN BRANCO E NEGRO E FICHAS PARA COLOREAR

A novidade principal desta edición é o deseño en branco e negro, que permite a reprodución a baixo custo sen perda de calidade. Ademais, a partir de hoxe hai dispoñibles na web de Agrupación Ío un conxunto de fichas para colorear cada unha das dez constelacións, co fin de completar as actividades en aula e reforzar o recoñecemento das constelacións e os seus nomes en galego.

Dende o equipo de coordinación do proxecto estamos convencidas de que esta versión en branco e negro abrirá novas posibilidades de uso nas escolas e servirá para achegar o ceo á rapazada de xeito lúdico e sostible. Podes acceder á totalidade de recursos do proxecto O firmamento animado dende a sección de materiais didácticos deste sitio web.

CRECE A FAMILIA DE “O FIRMAMENTO ANIMADO”

Con esta nova edición e a colección de fichas en branco e negro aumenta a familia de “O firmamento animado”, mais non acaba aquí, pronto anunciaremos novos recursos e actividades. Agardamos contar coa vosa participación e achegas para continuar mellorando estes materiais didácticos.