A conferencia, que se enmarca dentro do ciclo “Coruña Científica”, celebra o centenario dos planetarios a través do cinema e será impartida por Martin Pawley, crítico e programador de cinema e coordinador dos grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
A Agrupación Ío, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña, organiza un ano máis arredor do Nadal diversas actividades, entre elas conferencias sobre cuestións relacionadas coa cultura astronómica. A primeira delas terá lugar o xoves 21 de decembro ás 19:30 no planetario da Casa das Ciencias e leva por título “O teatro das estrelas. Historias de planetarios e cinema”.
Hai cen anos, o 21 de outubro de 1923, fíxose en Munich a primeira demostración do uso dun planetario, o Modelo I de Zeiss, antepasado do proxector que dende 1985 se usa no planetario da Coruña. A idea mesma de proxectar estrelas nunha cúpula non existiría se antes non se inventara o cinema, que nos anos 10 e 20 era xa a arte popular por excelencia. Mais tamén é xusto recordar que os planetarios acabaron por estar presentes en non poucos filmes ao longo da historia como escenario perfecto para o coñecemento científico, para encontros románticos e mesmo para algún asasinato de película. Nesta charla repasaremos a inesperadamente estreita relación entre os planetarios e o cinema.
A actividade é aberta e gratuíta até completar a capacidade da sala e non require inscrición previa. As entradas empezarán a repartirse a partir das 19:15 na entrada da Casa das Ciencias.