O xurado da XLVIª edición dos Premios da Crítica da Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, profesor da Universidade de Vigo; Ana Isabel Boullón, membro da RAG e profesora da USC; Arturo de Lombera Hermida, profesor da USC, responsábel do proxecto A Cova de Eirós, gañador da edición anterior; Xurxo Martínez González, investigador, técnico de Normalización Lingüística do concello de Redondela; Eva Mejuto, escritora e técnica de cultura; María Solar, escritora e xornalista cultural e Ledicia Costas, secretaria, en representación dos Premios da Crítica, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas: aCentral Folque, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e Fundación Eduardo Pondal.
Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. O xurado salientou o labor de divulgación relacionado coa astronomía, así como o traballo de galeguización da onomástica astronómica e o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro. Tamén quixo destacar “o labor de visibilizar as científicas galegas, así como a súa defensa da noite fronte á contaminación luminosa”.
A entrega dos Premios da Crítica de Galicia tivo lugar nun acto celebrado hoxe 28 de outubro en Vigo, no Auditorio do Centro Social Afundación. Asistiron ao acto en representación da Agrupación Ío Denébola Álvarez Seoane, Begoña Duro e Martin Pawley.