Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Abril 2023 #2
Neste boletín:
Nota editorial
Asunto destacado: obradoiros de astrofotografía para teléfonos intelixentes
1) Novas das oficinas IAU
2) O Grupo de Traballo da IAU sobre Etnoastronomía e Patrimonio Astronómico Inmaterial acolle o Panel de Astronomía Cultural
3) I-HOW acepta solicitudes
4) Día Internacional da Luz da UNESCO, 6ª edición
5) Tempo de observación en telescopio para proxectos educativos
6) Implícate coa comunidade de transmisións en directo de AWB
7) Novas NOC
8) Oportunidades
9) Recursos interesantes
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía en linguas diferentes do inglés
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Nota editorial
Prezadas amizades e colegas,
Mentres nos preparamos para o noso mes de Ceos Escuros e Tranquilos e para o Día Internacional da Luz, queremos chamar a vosa atención sobre os obradoiros de astrofotografía para teléfonos intelixentes que celebramos durante a primeira semana de maio. Rexístrate usando a ligazón do asunto destacado deste boletín para obter as últimas actualizacións e información.
Este boletín vai todo sobre oportunidades. As nosas oficinas irmás estiveron ocupadas nas últimas dúas semanas coa posta en marcha do concurso de astrofotografía da OAE, a convocatoria de propostas da OAD e a súa convocatoria de voluntariado, bolsas e contratos de formación. Tamén estamos felices de promover o traballo dos equipos colegas de LCO e AWB, que ofrecen espazo (o xogo de palabras non é casual) para que a xente aprenda e medre a través dos valiosos recursos que proporcionan. Neste boletín tedes oportunidades para compartir o voso traballo, colaborardes e aprenderdes do traballo doutras persoas. Agardamos que vos beneficiedes destas oportunidades e queremos saber como as aproveitades!
As nosas coordinacións nacionais de divulgación da IAU están traballando arduamente na planificación do mes de Ceos Escuros e Tranquilos, mais tamén temos a sorte de ter unha imaxe emocionante da recente eclipse solar híbrida.
Hai máis noticias interesantes no horizonte!
Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,
Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Asunto destacado: obradoiros de astrofotografía para teléfonos intelixentes
A astrofotografía (o proceso e o seu produto) é amplamente considerada como unha das mellores formas de involucrar a xente coa astronomía. Porén, o equipo que normalmente se require pode ser moi caro, o que impide que algunhas persoas consideren a actividade como un pasatempo. Os teléfonos intelixentes, por outra banda, son utilizados por unha fracción importante da poboación mundial, polo que son un recurso relativamente accesíbel para moitas persoas (aínda que, por suposto, isto non sempre é certo). En colaboración con AWB, a OAO reuniu algunhas das principais persoas expertas en astrofotografía con teléfonos intelixentes para ofrecer consellos e trucos sobre como usalos para facer fermosas fotografías do ceo nocturno.
Para maximizar o número de persoas en todo o mundo que poden participar, ofrecemos este obradoiro en tres momentos diferentes:
• 3 de maio de 2023 ás 07:00 UTC
• 4 de maio de 2023 ás 15:00 UTC
• 14 de maio de 2023 ás 06:00 UTC
Para rexistrarte nun* destes obradoiros, accede a esta ligazón.
Tamén nos asociamos coa nosa oficina irmá para patrocinar unha categoría de astrofotografía para teléfonos intelixentes no concurso de astrofotografía da OAE, que se describe máis adiante. Despois de que se anuncien, as imaxes gañadoras e mencións de honra serán presentadas nunha exposición electrónica e unha gala organizadas pola OAO. Seguide as nosas informacións para saberdes máis detalles!
* Tede en conta que o contido destes obradoiros será o mesmo. Non é necesario participar nos tres obradoiros. Se queredes ter a oportunidade de revisar o material ao voso ritmo, as gravacións de cada obradoiro estarán dispoñíbeis inmediatamente despois de que remate o obradoiro.
1) Novas das oficinas IAU
a) A Oficina de Astronomía para a Educación da IAU (OAE) lanzou a terceira edición do seu concurso de astrofotografía. Este ano, a OAE invita a enviar imaxes nas seguintes categorías: fases de Venus, arcos diarios do Sol e gráficos solares, amencer e solpor ao longo do ano e imaxes de calquera obxecto astronómico tomadas exclusivamente con teléfonos intelixentes ou dispositivos móbiles. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xuño de 2023 ás 12:00 CET. Os envíos serán avaliados por un panel internacional de persoas expertas en astrofotografía e educación astronómica, que terá en conta non só as calidades estéticas e técnicas das imaxes senón tamén o valor educativo de cada entrada no contexto do ensino de primaria e secundaria. Para máis información sobre o concurso da OAE e para enviar as túas fotografías, accede a este sitio web.
b) Xa está dispoñíbel o boletín informativo da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento de xaneiro a marzo. Este número inclúe moitas oportunidades para que a comunidade se involucre en proxectos da OAD e forme parte da súa comunidade. Facede clic aquí para verdes o último boletín da OAD.
c) A OAD convoca solicitudes para proxectos que utilicen a astronomía para incidir no desenvolvemento sostíbel. A convocatoria de propostas da OAD está aberta a calquera persoa de calquera parte do mundo. As persoas que carezan de formación ou experiencia na redacción de propostas poden solicitar apoio para a redacción. A data límite para solicitar o apoio á redacción de propostas é o 14 de maio de 2023, e a data límite para presentar a solicitude é o 31 de maio de 2023. Para obterdes máis información e un enlace á solicitude da convocatoria, consultade esta páxina web.
d) A OAD ten convocatorias abertas para voluntariado, bolsas e contratos de aprendizaxe. Invitan a presentarse a persoas con toda clase de formación (incluídas a astronomía, enxeñaría, ciencias, humanidades, etc.) e nivel educativo (grao, estudantes de posgrao, posdoutoramento, profesionais, etc.), sempre que poidan motivar a súa contribución á OAD. Non hai prazos para estas oportunidades; as solicitudes serán revisadas de forma continua. Facede clic aquí para obter máis información sobre as oportunidades de OAD.
2) O Grupo de Traballo da IAU sobre Etnoastronomía e Patrimonio Astronómico Inmaterial acolle o Panel de Astronomía Cultural
O Grupo de Traballo da IAU sobre Etnoastronomía e Patrimonio Astronómico Inmaterial acollerá un panel híbrido titulado “Cultural Astronomy: The Meeting Point of Sea, Sky, and Land”, na Sociedade para os Estudos Sociais da Ciencia (4S) que se reúne en Honolulu, Hawai’i, este novembro. Envíade os vosos resumos para o panel antes do 26 de maio. Hai bolsas de viaxe dispoñíbeis, mais non cobren o aloxamento en Honolulu.
3) I-HOW acepta solicitudes
A IAU convoca solicitudes para obradoiros baixo a iniciativa IAU Hands-On Workshops (I-HOW). Trátase dunha iniciativa para formar persoal científico dos países en desenvolvemento para acceder, analizar e utilizar eses datos nos seus proxectos de investigación. Para máis información, consultade o sitio web de I-HOW.
4) Día Internacional da Luz da UNESCO, 6ª edición
É un pracer dar a benvida á participación na sexta edición do Día Internacional da Luz da UNESCO. O Día Internacional da Luz (IDL) é unha celebración anual das Nacións Unidas que aumenta a conciencia sobre a ampla importancia social da ciencia e a tecnoloxía da luz en diversos sectores da sociedade e en diversos campos como as comunicacións, a enerxía e a saúde, así como a arte e a cultura. O IDL celébrase cada ano o 16 de maio, aniversario do primeiro uso do láser polo físico Theodore Maiman. Desde a súa primeira proclamación en 2018 tiveron lugar máis de 2200 eventos en máis de 103 países e víronse eventos de divulgación científica en todo o mundo a todos os niveis que chegaron a unha audiencia global estimada en máis de 2 millóns.
Un obxectivo clave para a sexta edición é recoller información máis profunda sobre os retos aos que se enfrontan as comunidades na organización de eventos, a través da enquisa en liña Organización de eventos IDL. Animámosvos a poñervos en contacto connosco para obter máis información sobre como participar nas celebracións globais. A inscrición para 2023 está aberta. Enchede este sinxelo formulario para obter recoñecemento oficial como un evento IDL. Unídevos a nós nunha celebración mundial máis proveitosa!
Ligazóns importantes:
Páxina web: www.lightday.org
Recursos: https://www.lightday.org/resources
Guía rápida: https://www.lightday.org/quickguide-organising-an-idl-event
Ideas a partir de eventos anteriores: https://www.lightday.org/previous-years
Enquisa de organización de eventos: https://www.lightday.org/survey
Boletín informativo: https://www.lightday.org/newsletter-archive
Cancelo oficial: #LightDay2023
Para obter máis información, poñédevos en contacto co coordinador de comunicacións de IDL, Geethu Paulose, en contact@lightday.org.
5) Tempo de observación en telescopio para proxectos educativos
O Observatorio de Las Cumbres ofrece 1000 horas para proxectos educativos utilizando a súa rede robótica de telescopios de 10 x 0,4 m. Acéptanse solicitudes de proxectos educativos de toda clase, mais son especialmente benvidas as de comunidades desfavorecidas e do mundo en desenvolvemento. As solicitudes deben presentarse antes do 26 de maio de 2023. Facede clic aquí para obter máis información sobre a oportunidade educativa LCO.
6) Implícate coa comunidade de transmisións en directo de AWB
Astronomía sen Fronteiras (AWB) lanzou recentemente unha comunidade de transmisión en directo de astronomía na súa plataforma, que ten como obxectivo reunir xente con experiencia ou interese en transmitir eventos astronómicos en directo. Este método de participación é cada vez máis popular, especialmente durante e despois da pandemia de Covid-19, e a organización traballou en novas formas de explotar este formato exitoso para interactuar con audiencias cada vez maiores. Tras os debates celebrados na conferencia EPSC2022 o pasado setembro e nunha sesión de seguimento en liña, varios equipos de todo o mundo destacaron a necesidade dunha plataforma en liña para fortalecer a rede, compartir materiais e acoller conversas que apoien a transmisión en directo de eventos astronómicos en todo o mundo.
Antes de unirvos á comunidade, debedes visitar o sitio web de AWB e facer clic en “Convértete en membro” (é gratuíto!). Despois podedes engadirvos á comunidade “Astronomy Live-Streaming” e unirvos á discusión.
O sitio web da comunidade de transmisión en directo de AWB (que require inicio de sesión) pódese atopar aquí.
Coordinan esta comunidade Graham Jones (TimeAndDate), Helen Usher (Open University e Europlanet) e Claudia Mignone (INAF). Poñédevos en contacto con estas persoas para obterdes máis información.
7) Novas NOC
a) Brunei, Timor Oriental e Vietnam
A eclipse solar híbrida do 20 de abril de 2023 foi unha marabilla no noso ceo. As coordinacións nacionais de divulgación de Brunei Darussalam, Timor Leste e Vietnam organizaron varias actividades de divulgación astronómica en Timor Leste para educar o público sobre as marabillas do Universo e concienciar sobre formas seguras de gozar da eclipse solar. Mirade esta imaxe para ver o que viviron en Timor Leste. Máis información sobre os esforzos do equipo neste sitio web.
8) Oportunidades
a) Falling Walls Female Science Talents
Falling Walls Female Science Talents e a Elsevier Foundation buscan talentos excepcionais que realicen investigacións interdisciplinarias e innovadoras no seu campo e contribúan á igualdade de xénero e á diversidade na ciencia e na academia. As mulleres destacadas (incluídas as mulleres trans, queer e as persoas non binarias) serán premiadas en cada unha destas tres categorías: Innovación, Integración de Xénero e Empoderamento. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de maio de 2023. Para obterdes máis información, consultade o sitio web.
b) Apunta a data! Conferencia do Foro Científico de Xapón este novembro
A quinta conferencia Japan SciCom Forum (JSF) celebrarase do 21 ao 22 de novembro de 2023 de forma presencial no Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Okinawa en Okinawa, Xapón. Aínda están traballando para elaborar un programa para a súa conferencia e están a recibir suxestións de temas, sesións ou conferenciantes. Se queres enviar unha suxestión, escribe a japanscicomforum@gmail.com. O sitio web de JSF actualizarase con máis información nos próximos meses.
9) Recursos interesantes
a) Novo número de Space Scoops [Contido en inglés]
Space Scoop produce artigos sobre as novidades en astronomía e ciencia espacial en linguaxe fácil de entender. Non perdades as actualizacións semanais que inclúen historias de moitas das axencias espaciais do mundo. Aprendede como usar a intelixencia artificial para comprender as primeiras estrelas nesta ligazón e sobre como usar a contorna dunha estrela bebé para comprender o seu crecemento aquí. Se queredes axudar a que Space Scoop se traduza a máis idiomas do mundo, envíade un correo electrónico a info@unawe.org
b) Xa está dispoñíbel a edición de maio de 2023 do boletín informativo da Royal Astronomical Society de Nova Zelanda [Contido en inglés]
A RASNZ é unha sociedade dedicada a ampliar o noso coñecemento da astronomía, fomentar o interese do público pola ciencia e facer avanzar a astronomía cara a novas fronteiras. Podedes ler o boletín informativo de RASNZ de maio para obter máis información sobre as súas actividades e oportunidades en Nova Zelanda.
c) Ferramentas para facer que as reunións sexan máis accesíbeis para as persoas cegas ou con baixa visión [Contido en inglés]
Desenvolvido polo Centro de Investigación en Saúde da Discapacidade da Universidade Johns Hopkins e a Rede Internacional de Persoas Investigadoras con Discapacidade Visual e as súas Aliadas (INOVA), este conxunto de ferramentas baséase en principios de deseño universal e inclúe información para a xente que planifica de reunións, organiza conferencias, as presenta ou asiste a elas, independentemente da súa familiaridade coa cuestión da accesibilidade. Facede clic aquí para acceder a este conxunto de ferramentas de accesibilidade.
10) Traducións do boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía do inglés a outros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego
Traducións grazas a Martin Pawley da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Queres facer achegas ao boletín informativo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía? Estamos sempre na procura de material sobre divulgación e comunicación da astronomía de todo o mundo para incluíla no noso seguinte boletín. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Por favor, enviade as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.