Boletín IAU de divulgación da astronomía
Decembro #1
Neste boletín:
Nota editorial
1) Declaración de IAU CPS sobre Bluewalker 3
2) Recordatorio: Solicitudes de premios de doutoramento até o 15 de decembro
3) Recordatorio: poden presentarse até o 15 de decembro as solicitudes de inscrición individuais e junior da IAU
4) Apunta a data: Segunda Conferencia AstroEDU 2023
5) Renovación en curso dos Temas da IAU
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
Nota editorial
Prezadas amigas, amigos e colegas,
Neste boletín atoparedes dúas invitacións para unirvos á nosa comunidade da IAU. As persoas que fixeron recentemente o seu doutoramento poden concorrer aos premios de doutoramento da IAU e solicitar ser membro junior da IAU. Animamos encarecidamente a calquera persoa que teña un doutoramento en astronomía (sexa recente ou non) a unirse á IAU e aos nosos esforzos para avanzar na ciencia da astronomía a través da divulgación. Para obterdes máis información sobre a adhesión á IAU, facede clic aquí.
Neste boletín sentimos especial orgullo de compartir parte do arduo traballo das nosas coordinacións nacionais de divulgación con respecto ao certame NameExoWorlds 2022. Ademais da súa divulgación, formaron paneis nacionais que se reunirán para xulgar as propostas de nomes do seu país. Dámoslle as grazas por todo o traballo que realizan os nosos equipos NOC para promover a astronomía. As mellores propostas de cada panel enviaranse a outro grupo que seleccionará os nomes finais dos 20 exomundos desta campaña. Os nomes gañadores finais anunciaranse antes de finais de marzo de 2023, así que prestade atención!
Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,
Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía
1) Declaración de IAU CPS sobre Bluewalker 3
O Centro da Unión Astronómica Internacional para a Protección do Ceo Escuro e Tranquilo contra a Interferencia das Constelacións de Satélites expresa a súa preocupación polo impacto na astronomía do satélite BlueWalker 3, recentemente lanzado. Novas medicións revelan que este satélite en órbita terrestre baixa é agora un dos obxectos máis brillantes do ceo nocturno, eclipsando a todas as estrelas agás as máis brillantes. Ademais, o uso de radiofrecuencias terrestres polo satélite das supón un novo problema para a radioastronomía. Para saber máis, consulta a nota de prensa da IAU.
2) Recordatorio: Solicitudes de premios de doutoramento até o 15 de decembro
Se te doutoraches en astronomía entre o 16 de decembro de 2021 e o 15 de decembro de 2022, podes concorrer agora ao premio de doutoramento da IAU antes de que remate o prazo o 15 de decembro. Este premio celebra os logros máis destacados entre as persoas que fixeron o doutoramento nos últimos meses.
Para obter máis detalles sobre os requisitos e a elixibilidade, consulta o anuncio da IAU.
Para postularte ao premio, utiliza este formulario.
3) Recordatorio: poden presentarse até o 15 de decembro as solicitudes de inscrición individuais e junior da IAU
Animámosvos a solicitar a adhesión individual ou junior á IAU. As solicitudes poden enviarse até o 15 de decembro. Para obter información sobre a elixibilidade, consulta o anuncio da IAU.
Por que deberías unirte á IAU?
A misión da IAU é promover e salvagardar a astronomía en todos os seus aspectos, incluída a investigación, a comunicación, a educación e o desenvolvemento a través da cooperación internacional. Contamos con 9 Divisións, 38 Comisións e 46 Grupos de Traballo, entre eles un sobre Equidade e Inclusión, outro sobre Mulleres na Astronomía e un novo grupo Pro-Am. Tamén contamos con Oficinas para o Desenvolvemento, a Divulgación, a Educación e Profesionais Xoves na Astronomía. As ligazóns para todos estes grupos e o noso Código de Conduta e Plan Estratéxico están na páxina de inicio da IAU. Únete a nós no noso esforzo por facer da astronomía un campo máis equitativo, inclusivo, diverso e sostíbel.
4) Apunta a data: Segunda Conferencia AstroEDU 2023
A Conferencia de Educación da Astronomía “Tendendo pontes entre a investigación e a práctica” celebrarase na Universidade de Toronto en Toronto, Canadá, do 10 ao 12 de maio de 2023. Esta reunión é a segunda logo da primeira conferencia AstroEdu que se celebrou en 2019 e reuniu profesionais da educación en astronomía. O obxectivo das Xornadas AstroEdu é aumentar a calidade, a cantidade, a comunidade e o impacto da investigación e da práctica na educación astronómica.
Para recibir actualizacións a medida que estean dispoñíbeis os detalles, visita o seu sitio web.
5) Renovación en curso dos Temas da IAU
Desde marzo de 2022, a Oficina de Astronomía da IAU está a traballar na renovación dos temas da IAU. Trátase de respostas longas ás preguntas máis frecuentes e funcionan de xeito similar aos artigos da Wikipedia. Os temas tratan 19 asuntos, entre eles “Definindo o noso lugar no cosmos”, “Plutón e a paisaxe en desenvolvemento do noso sistema solar”, “Constelacións de satélites” e moitos máis. Recentemente publicamos catro páxinas renovadas que compartimos contigo:
Nomes das estrelas (Star Names)
As constelacións (The Constellations)
Mercar estrelas e nomes de estrelas (Buying Stars and Star Names)
6) Novas NOC
Moitos dos nosos equipos NOC celebraron eventos en apoio do certame NameExoWorlds 2022. Aquí tes só unha mostra dos seus esforzos:
a) Haití
John Masken Larose, membro do equipo NOC de Haití, entrevistou outro membro, Rulx Narcisse (Capitán Astro). Podes ver a entrevista aquí.
b) Kuwait
O equipo NOC de Kuwait organizou un evento de dous días no Centro Cultural Sheikh Abdullah Al Salem para presentarlle ao público NameExoWorlds 2022 e a ciencia dos exoplanetas, así como animalo a participar e formar equipos.
c) Libia
Durante a Semana Mundial do Espazo 2022, o NOC de Libia Amjed Khurwat organizou, en colaboración coa Fundación Roaya, un evento virtual para discutir o concurso NameExoWorlds 2022.
d) Qatar
A principios de outubro, o NOC de Qatar Hani Dalee en cooperación con entidades astronómicas locais, organizou unha sesión de formación en árabe sobre NameExoWorlds na que describiu a competición e como formar un equipo.
e) Senegal
A NOC de Senegal Salma Sylla celebrou un evento en liña dedicado aos exomundos: que son, como os atopamos, a perspectiva de vida noutros mundos e moito máis. A sesión tamén incluíu unha introdución ao certame NameExoWorlds 2022.
Moitos equipos NOC formaron paneis nacionais para avaliar as propostas de NameExoWorlds 2022 presentadas polo público en xeral. NameExoWorlds 2022 foi unha oportunidade para que o público compita para nomear un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. O concurso pechouse o 11 de decembro e agora, durante o próximo mes, os paneis nacionais teñen que xulgar as presentacións para seleccionar as tres mellores candidaturas. Estas candidaturas pasarán ao Grupo de Traballo do Comité Executivo sobre a Nomenclatura do Sistema Exoplanetario, que decidirá os nomes definitivos de 20 exomundos.
7) Oportunidades
a) Mapa de cursos PCST en SciComm
Buscas un programa de posgrao ou licenciatura en comunicación científica? Ou quizais só buscas unha certificación. PCST desenvolveu un mapa dinámico de formación (de varios tipos) en comunicación científica. Fai clic nesta ligazón para obter máis información.
8) Recursos interesantes
a) Comunicar o cambio climático desde os blogs da EGU
Este é un relato persoal de como a incerteza inherente aos datos e a ética persoal de alguén que se dedica á ciencia ou á comunicación pode afectar a forma en que a información é percibida pola audiencia. Fai clic aquí para ler unha discusión reflexiva sobre as mellores prácticas de comunicación científica.
b) Ver a ciencia: como explicar visualmente conceptos complexos en The Scientist
Mind the Graph uniuse a persoas que se dedican á investigación e o deseño gráfico para crear unha plataforma que lles permita facer facilmente as súas propias infografías e moito máis. Fai clic aquí para saber máis.
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:
Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.
Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.
Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.
Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.
Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.
Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.
Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.
Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.
Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.
10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU
Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.
Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!
Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.