Boletín IAU de divulgación da astronomía

Novembro #1

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: gaña un telescopio con NameExoWorlds 2022
1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU
2) Primeiro anuncio: Segunda Conferencia AstroEdu 2023
3) A IAU aplaude o importante paso da Comisión Federal de Comunicacións cara á regulación do espazo
4) EXPLORE, desafíos lunares para o público e as escolas
5) Lanzamento de “AstroVoices” (AstroVoces)
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín, presentamos a oportunidade de gañardes un telescopio en asociación co concurso NameExoWorlds 2022. Forma un equipo, organiza un evento (ou eventos!) de divulgación, propón un nome para un dos 20 exomundos (exoplaneta xunto coa súa estrela anfitrioa) e participa para gañar un telescopio BRESSER NANO AR-70/700 AZ! A data límite para propoñer un nome é o 11 de decembro. Podes atopar máis detalles noi asunto destacado deste mes.

Unha vez máis, pedímosvos que participedes na enquisa para mellorar o boletín de divulgación astronómica da IAU. Se aínda non o fixestes e tedes cinco minutos libres, valorade a posibilidade de encher o formulario que aparece máis abaixo.

Hai varias novas e interesantes oportunidades para que persoas de todas as idades se involucren na astronomía. Tamén destacamos un proxecto especial que amplifica as voces de centos de astrónomas que se identifican como mulleres, chamado AstroVoices. Esperamos que atopedes algo que vos inspire.

Finalmente, agradecemos a todas as persoas que forman parte das coordinacións nacionais de divulgación da IAU polos seus esforzos para construír pontes dentro das súas comunidades e garantir que a astronomía sexa accesíbel para todas as persoas.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: gaña un telescopio con NameExoWorlds 2022

Como parte do concurso NameExoWorlds 2022, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía, en colaboración cos seus socios Sterren Schitteren Voor Iedereen (As estrelas brillan para todas as persoas – SSVI), o Departamento de Física e Astronomía da Universidade de Gante, a Universidade de Leiden e BRESSER entregará 15 telescopios BRESSER NANO AR-70/700 AZ aos mellores eventos de divulgación rexistrados na competición NameExoWorlds 2022. Os proxectos gañadores dos telescopios BRESSER serán seleccionados en función de:

-A creatividade: o evento supuxo un enfoque imaxinativo ou inusual para entusiasmar o público coa astronomía?

-O compromiso comunitario: o evento conseguiu a participación de comunidades que non están centradas na astronomía ou fixo esforzos para conectarse con persoas non afeccionadas á astronomía?

Para obter máis información sobre a elixibilidade no concurso e os termos e condicións, podes ler este documento.

Por favor, ten en conta que a selección dos mellores eventos de divulgación non está asociada necesariamente coa selección de nomes para os exoplanetas e as súas estrelas anfitrioas.

Se tes algunha dúbida ou cuestión, ponte en contacto co equipo de NameExoWorlds 2022 en nameexoworlds2022@oao.iau.org.

1) Participa na nosa enquisa sobre o boletín informativo de divulgación astronómica da IAU

Durante anos, o Boletín de Divulgación da Astronomía da IAU tróuxoche noticias da IAU, a comunidade de divulgación astronómica, as Coordinacións Nacionais de Divulgación e oportunidades e recursos de todo o mundo. De cara ao futuro, queremos darlle forma ao boletín informativo para que sirva mellor ás nosas comunidades. Ao responderes a esta enquisa, axudarasnos a mellorar os recursos que ofrecemos. Grazas, de antemán, pola túa contribución.

2) Primeiro anuncio: Segunda Conferencia AstroEdu 2023

A Conferencia de Educación en Astronomía: Pontes entre a Investigación e a Práctica, celebrarase na Universidade de Toronto, Canadá, do 10 ao 12 de maio de 2023. Esta reunión segue a primeira conferencia AstroEdu celebrada en 2019, que reuniu a persoas do ámbito da investigación e a educación astronómica. O obxectivo das xornadas AstroEdu é aumentar a calidade, a cantidade, a comunidade e o impacto da investigación e da práctica da educación astronómica.

Para recibires actualizacións a medida que estean dispoñíbeis os detalles, visita o seu sitio web.

3) A IAU aplaude o importante paso da Comisión Federal de Comunicacións cara á regulación do espazo

O mes pasado, a IAU enviou unha carta en nome da comunidade astronómica global para instar a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) dos Estados Unidos a considerar seriamente os riscos que as constelacións de satélites representan para a ciencia da astronomía, o preservación do ceo nocturno prístino e o medio ambiente.

Nun evento da Asociación da Industria de Satélites o 3 de novembro de 2022, a presidenta da FCC, Jessica Rosenworcel, fixo referencia ao rápido aumento do número de satélites propostos para o seu lanzamento. Ela anunciou a súa intención de abordar isto reorganizando a Oficina Internacional da FCC nunha nova Oficina Espacial e unha Oficina de Asuntos Internacionais. Isto daríalle á Oficina Espacial proposta máis recursos para tratar este problema urxente.

Como parte de Space4OurPlanet, a IAU participa cunha exposición na sede da ONU en Nova York durante outubro e novembro de 2022. Nesta exposición, destácanse os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel das Nacións Unidas aos que contribúe a IAU, incluído o traballo da IAU CPS.

Para obter máis información, consulta o anuncio da IAU aquí.

4) EXPLORE, desafíos lunares para o público e as escolas

As persoas afeccionadas á Lúa de todas as idades e de todo o mundo teñen o desafío de axudar a identificar características da Lúa que poidan supoñer un perigo para rovers ou astronautas que exploran a súa superficie nunha nova e emocionante serie de EXPLORE Data Challenges:

-Classroom Lunar Data Challenge propón actividades interactivas e atractivas de “machine learning” e exploración lunar. Entre as tarefas están as de etiquetar características da superficie e trazar unha travesía lunar. As actividades, dirixidas a nenos de 10 a 14 anos, pódense realizar en liña ou na aula.

-EXPLORE Public Lunar Challenge está aberto a todas as persoas que queiran probalo. Envía a túa travesía lunar antes do 1 de decembro de 2022 e participa nun sorteo para gañar premios, incluído un anaco de meteorito lunar.

Hai dispoñíbeis versións traducidas. Tes máis información na súa páxina web. #ExploreMoonData #ExplorePlatform

5) Lanzamento de “AstroVoices” (AstroVoces)

AstroVoices é un proxecto que ten como obxectivo celebrar as mulleres astrónomas e estudantes, dándolles “voz” para compartiren a súa paixón pola astronomía, co que se espera que animen mozas novas a achegarse a este fascinante campo. Podes ver e escoitar o proxecto AstroVoices en YouTube.

Para obter máis información, consulta o anuncio da IAU aquí.

6) Novas NOC

a) NOC Xordania

O noso NOC de Xordania, Awni Mohammad Khasawneh, colaborou coa Unión Árabe de Ciencias Espaciales e Astronomía para ofrecer unha charla titulada “A importancia do espazo para promover e apoiar a sustentabilidade” durante a Semana Mundial do Espazo.

b) NOC Sudán

O noso NOC de Sudán, Mohammed Yahya, dirixiu un evento para observar a eclipse solar parcial mediante un innovador sistema de telescopio e proxección. Tamén puideron ver varias manchas solares no disco do sol.

c) NOC Emiratos Árabes Unidos

O noso NOC dos Emiratos Árabes Unidos, Hamid.M.K.AL-Naimiy,  participou nun evento sobre a eclipse solar parcial o mes pasado na Academia de Astronomía e Ciencias Espaciais de Sharjah (Emiratos Árabes Unidos). Máis de 600 persoas asistiron ao evento en persoa e 45.000 persoas conectaron para ver a transmisión en directo. Podes ver máis sobre a actividade aquí.

7) Oportunidades

a) Simposio de Venecia do PCST

O Simposio PCST terá lugar en setembro de 2023 en Venecia, Italia, baixo o tema “Educación e formación en comunicación científica. Retos e estratexias para as institucións de investigación e académicas”. Podes rexistrarte xa no seu sitio web.

8) Recursos interesantes

a) 50 anos de astronomía en Sutherland

O último boletín electrónico externo da SAAO conmemora os 50 anos desde a creación do observatorio Sutherland.

b) Recursos educativos e de divulgación astronómica da OAD

Bótalle un ollo a estes recursos da Oficina IAU de Astronomía para o Desenvolvemento. As guías van desde a creación do teu propio club de astronomía até a astronomía inclusiva.

c) The Public Engagement Principles [Contido en inglés e alemán]

Presentado na Semana da Ciencia de Berlín, “The Public Engagement Principles” pretende axudar a aquelas persoas que comunican ciencia ao público, incluída unha definición unificada de “public engagement” (divulgación e captación de público). Infórmate na súa páxina web.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.