Boletín IAU de divulgación da astronomía

Setembro #2

Neste boletín:

Nota editorial
Asunto destacado: anuncio das 100 horas de astronomía
1) Novos materiais para NameExoWorlds
2) 1 de decembro, final de prazo para os simposios e encontros da IAU
3) IV Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación
4) Campaña de financiamento Astronomía para a Equidade
5) A Sociedade Astronómica do Pacífico anuncia os premios 2022
6) Os equipos NOC Nepal e NOC Brunei únense para facer un descubrimento
7) Novas NOC
8) Oportunidades
9) Recursos interesantes
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Unha vez máis, presentamos “100 Horas de Astronomía”, a nosa celebración mundial continua da astronomía. Este ano, “100 Horas” cobra un significado especial xa que tamén celebramos o décimo aniversario da OAO. Baixo o noso lema, “Astronomía para todas as persoas”, pretendemos involucrar a comunidades de todo o mundo nas marabillas do Universo, así que botádelle un ollo ao asunto destacado que aparece a continuación para obterdes máis información sobre como participar vós e a vosa comunidade.

Considerade tamén unirvos ao noso proxecto en curso, NameExoWorlds. Forma un equipo para competir pola oportunidade de poñerlle nome a un exoplaneta e a súa estrela anfitrioa. De feito, podes xuntar tres dos programas máis interesantes da OAO. Por exemplo, como parte da participación no certame NameExoWorlds 2022, podes organizar unha charla pública sobre exoplanetas no marco do programa “Meet the IAU Astronomers”. Se o voso evento ten lugar entre o 1 e o 4 de outubro de 2022, rexistrade a vosa actividade no sitio web “100 Horas de Astronomía” para terdes a oportunidade de gañar un telescopio ou outros premios, ademais de recibir o apoio da OAO e da rede NOC da IAU. As oportunidades son ilimitadas cos programas da OAO!

A maior parte deste boletín dedícase a construír pontes ao servizo das futuras xeracións na astronomía. Animámosvos a participar no 4º Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación: ampliade as vosas redes mentres aprendedes de persoas expertas no campo da educación en astronomía. Se es membro da IAU, colabora cun equipo para organizar un simposio ou encontro que investigue paradigmas na ciencia e da sociedade. Se dispoñedes de recursos, valorade facer unha achega á campaña de financiamento de “Astronomía para a Equidade” para apoiar o futuro da astronomía en Libia. E non esquezades consultar as oportunidades e recursos descritos neste boletín! Desde programas de formación até sonificación de datos astronómicos, hai algo para todas as persoas.

Este boletín trae unha noticia das nosas Coordinacións Nacionais de Divulgación (NOC) de Brunei e Nepal que uniron forzas (e recursos) para facer o descubrimento provisional dun asteroide. Sentimos moito orgullo destes equipos por ser un exemplo do que significa ser parte da familia da IAU e dámoslles as grazas por mostrarnos o que é posíbel cando traballamos en equipo.

Como sempre, a rede NOC está á vangarda na construción de pontes coas súas comunidades. Aínda que moitos dos equipos NOC están ocupados preparando as “100 Horas de Astronomía” e NameExoWorlds, algúns aínda conseguiron organizar outras actividades este mes. Dámoslles as grazas polo seu esforzo, tanto entre bastidores como de forma pública. Prestade atención ás actualizacións deste incríbel grupo entregado á comunicación da astronomía.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

Asunto destacado: anuncio das 100 horas de astronomía

Do 1 ao 4 de outubro de 2022, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía convoca 100 horas seguidas de celebración mundial da astronomía. A OAO convida a todas as persoas en todo o mundo a participar no evento, que ten como obxectivo involucrar o maior número posíbel de participantes no ceo e nas marabillas do noso Universo.

Este ano o programa inspírase no lema da OAO, “Astronomía para todas as persoas”. Celebrará o décimo aniversario da OAO invitando a toda a xente, en particular membros da comunidade astronómica profesional ou amadora, docentes, profesionais da divulgación e entusiastas da astronomía, a unirse para facer máis inclusiva a astronomía en todo o mundo.

Cando difundades o voso evento nas redes sociais, asegurádevos de usar #100HoursOfAstronomy e #IAUoutreach para que a OAO tamén axude a promover a vosa actividade.

Para obterdes máis información, consultade o anuncio aquí.

1) Novos materiais para NameExoWorlds

O equipo de NameExoWorlds creou novas imaxes que mostran a posición no ceo nocturno dos 20 sistemas cun exoplaneta coñecido que forman parte da campaña NameExoWorlds 2022. As imaxes mostran a localización de cada sistema nunha fotografía real das súas constelacións anfitrioas designadas pola IAU. No certame NameExoWorlds 2022, calquera persoa pode formar equipos constituidos por unha combinación de estudantes, docentes, entusiastas da astronomía ou membros da comunidade astronómica amadora e profesional, desenvolver unha iniciativa de divulgación astronómica e facer unha proposta para nomear un destes 20 exoplanetas e a súa estrela anfitrioa. Prestade atención a este recurso nas nosas contas de Facebook e Twitter nas próximas semanas!

2) 1 de decembro, final de prazo para os simposios e encontros da IAU

As propostas para os simposios e encontros da IAU en 2024 rematan o 1 de decembro. As Cartas de Intención recibidas están publicadas aquí. Anímase a todas as persoas afiliadas á IAU a que examinen esta listaxe e atopar formas de colaboración para producir unha proposta. Non é necesario ter enviado unha carta de interese para presentar unha proposta final.

3) IV Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación

A inscrición aínda está aberta para o IV Obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación. O obradoiro deste ano céntrase no papel da astronomía na educación formal, primaria e secundaria, facendo especial fincapé na experiencia do profesorado. Pretende dar resposta ás seguintes cuestións: Como ensinamos a astronomía como materia propia? Cal é o papel da astronomía na ensinanza da física ou da química, ou mesmo do cambio climático? Como te relacionas coa túa administración? Como constrúes pontes entre os fundamentos que se ensinan habitualmente nas escolas e os resultados de vangarda da investigación?

Para máis información e para rexistrarte, fai clic aquí.

4) Campaña de financiamento Astronomía para a Equidade

Astronomía para a Equidade, unha nova iniciativa para apoiar a educación CTEM en comunidades marxinadas e illadas creada polo fundador de Astronomers Without Borders Mike Simmons, lanzou a súa primeira campaña de financiamento para levar telescopios aos clubs de astronomía de ensino medio en cinco cidades de Libia. Esta rede de clubs de estudantes foi creada por Royaa, unha ONG nacional libia, en colaboración co Ministerio de Educación de Libia. Estes clubs activos precisan telescopios para seguir inspirando estudantes de ciencias, incluídas as escolas de nenas e mozas, e atraer máis participantes e apoio. Por favor, apoia e comparte esta importante campaña para compartir o ceo co estudantado de Libia e dálle esperanza aos seus soños para o futuro! Para máis información, fai clic nesta ligazón. Para facer doazóns a esta campaña, fai clic aquí.

5) A Sociedade Astronómica do Pacífico anuncia os premios 2022

A ASP anunciou recentemente as persoas gañadoras dos seus premios 2022, incluídos os de divulgación astronómica, educación e participación afeccionada.

a) Premio Klumpke-Roberts por contribucións destacadas ao coñecemento público e apreciación da astronomía
Parabéns a Suzanne Gurton, Directora de Educación e Divulgación do Observatorio Nacional de Radioastronomía. Para obter máis información sobre as súas contribucións ao campo, consulta este sitio web.

b) Premio Richard H. Emmons á excelencia no ensino universitario de astronomía
Parabéns ao profesor George Greenstein, profesor emérito Sidney Dillon de Astronomía no Amherst College! Para obter máis información sobre os seus métodos de ensino innovadores, textos e explicacións, consulta este sitio web.

c) Premio de Divulgación Amadora Las Cumbres á divulgación destacada na comunidade astronómica amadora dirixida á infancia e o público xeral.
Parabéns a Billy Hix, membro da Von Braun Astronomical Society en Huntsville, Alabama, e fundador e director do programa de divulgación CTEM da Motlow College Foundation en Tennessee. Podes obter máis información sobre o seu incríbel traballo de divulgación e o seu tempo como educador neste sitio web.

d) Premio Gordon Myers ao logro amador por achados observacionais ou técnicos significativos na comunidade astrónoma amadora.
Parabéns a Paul D. Maley, membro de longa data da Sociedade Astronómica do Centro Espacial Johnson! Máis información sobre as súas contribucións á investigación astronómica neste sitio web.

6) Os equipos NOC Nepal e NOC Brunei únense para facer un descubrimento

Os equipos NOC Nepal e NOC Brunei, en colaboración coa Sociedade Astronómica de Nepal e a Sociedade Astronómica de Brunei Darussalam realizaron o seu primeiro descubrimento provisional dun asteroide, polo de agora chamado 2021 RE43. Este é un dos mellores exemplos de como a misión da IAU chega a bo porto. Parabéns aos dous equipos! Para saber máis, consulta esta ligazón.

7) Novas NOC

a) Haití
O equipo NOC Haití coordinou un evento en liña para falar sobre o Sol. Tamén se están preparando para as “100 Horas de Astronomía” e produciron un vídeo promocional este mes anunciando o seu evento.

b) Libia
O NOC Libia, Amjed Khurwat, creou unha fermosa compilación de imaxes que mostran a diferenza entre o telescopio espacial James Webb e o Hubble a partir das primeiras imaxes do JWST, descritas completamente en árabe.

c) Qatar
O noso NOC Qatar, Hani Dalee, en colaboración co Club Astronómico da Universidade de Qatar, Qatar Calendar House, a Unión Árabe para a Astronomía e as Ciencias do Espazo, a Sociedade Astronómica de Qatar e Astroever fotografía, liderou unha campaña de cinco días no deserto de Al Kharrara para fotografar a misión DART e ver Xúpiter na súa oposición.

8) Oportunidades

a) Evento gratuíto da Rede de Formación en Participación Pública
O 13 de outubro (12:00-14:30 UTC), a Rede de Formación en Participación Pública acollerá un evento para compartir e aprender de profesionais que traballan na materia. Descubre novos métodos e boas prácticas! A asistencia ao evento é gratuíta. Podes rexistrarte nesta ligazón.

b) Anota a data: Foro sobre Astronomía en África 2022
Para seguir creando impulso cara á Asemblea Xeral da IAU 2024, o próximo Foro sobre Astronomía en África terá lugar o 25 de outubro. Este evento totalmente virtual reunirá profesionais da astronomía, entusiastas da astronomía, especialistas en divulgación e educación e responsábeis políticos. Para máis información, consulta esta ligazón.

c) Formación do profesorado ESA-GTTP
A Axencia Espacial Europea e o Programa de Formación do Profesorado Galileo (GTTP, polas siglas en inglés) organizan un evento de formación para docentes. Este evento híbrido gratuíto terá lugar do 17 ao 21 de outubro de 2022 presencialmente en Madrid e tamén en liña. Entre outras actividades enriquecedoras, este evento formativo contará con oportunidades de traballo en rede e colaboración con profesorado e persoal científico. A organización afirma isto: “Participa neste curso de formación e volve á túa escola cun proxecto de investigación nas túas mans”. Para máis información, consulta esta ligazón. Para rexistrarte, fai clic aquí.

d) Desafío de observación da Terra en África
O Desafío de Observación da Terra en África é unha invitación aberta para estudantes e persoas en África dos campos da innovación, a empresa e o pensamento no sector da tecnoloxía espacial: un evento para calquera persoa implicada na utilización de datos espaciais para mellorar as vidas e as terras do continente africano. O reto está dirixido a procurar novas tecnoloxías espaciais que, cun pouco de investimento ou orientación, poidan converterse nun motor de cambio positivo. Se che apaixona a busca de solucións, tes cariño polo continente africano e ves oportunidades de facer o ben usando datos xeoespaciais, entón este desafío é para ti. Para unirte ao reto, fai clic aquí.

9) Recursos interesantes

a) Gravacións das II Xornadas de Educación Astronomía en Chile [Contido en castelán]
En xullo, a Coordinadora Nacional de Educación Astronómica de Chile organizou a segunda Conferencia de Educación Astronómica, que xuntou profesorado de ciencias, estudantes de grao e profesionais da comunicación, a astronomía e o astroturismo. Xa podes ver as gravacións das sesións na súa canle de YouTube.

b) Honrando as mulleres científicas, matemáticas, programadoras e paleontólogas esquecidas [Contido en inglés]
Moitas mulleres históricas na ciencia non recibiron o recoñecemento que merecían. Obtén información sobre unha selección destas brillantes científicas neste sitio web.

c) Sonificación das primeiras imaxes de JWST [Contido en inglés e sons]
A sonificación é unha práctica común para facer que as imaxes e os datos astronómicos sexan accesíbeis para as persoas con cegueira ou discapacidade visual transformando a información visual en son. Para a xente que ve, a sonificación presenta información astronómica dunha forma totalmente nova, que pode levar a novos coñecementos e novos descubrimentos. Próbao ti tamén; escoita tres das primeiras imaxes de JWST nesta ligazón.

d) Informe ISC sobre a crise en Ucraína [Contido en inglés e ucraíno]
O Consello Internacional da Ciencia publicou un informe sobre as respostas dos sectores europeos de educación superior e investigación á crise en Ucraína. No seu informe, detallan sete recomendacións para que a comunidade internacional apoie mellor os sistemas científicos afectados polos conflitos. Descarga o informe aquí.

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.