Boletín IAU de divulgación da astronomía

Xullo #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Novo lanzamento do programa “Meet the IAU Astronomers!”
2) Aberto o envío de resumos para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación
3) A organización da conferencia AstroEDU 2023 procura comentarios
4) Obradoiro CTEAM-Med do Centro OAE Italia
5) A Fundación Heising-Simons financia a IAU e a AUI
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezadas amigas, amigos e colegas,

Neste boletín atoparás moitas oportunidades para interactuar co público xeral e coa xente que se dedica á astronomía. En particular, a Oficina para a Divulgación da Astronomía relanzou o programa “Meet the IAU Astronomers!”. Podedes rexistrarvos para que profesionais da astronomía da IAU participen nos vosos eventos virtuais ou presenciais. O noso equipo organizará coidadosamente unha experiencia de divulgación que se adapte ás vosas necesidades e intereses.

Para as persoas que se dedican á educación: valorade enviardes un resumo ao obradoiro Shaw-IAU de Astronomía para a Educación e achegade os vosos comentarios para a próxima conferencia AstroEDU. O voso traballo é moi importante e debería ser compartido co mundo.

No boletín tratamos tamén diversas oportunidades de contacto e formas de mellorar as vosas prácticas. Agardamos que as aproveitedes e compartades as vosas experiencias connosco.

Coma sempre, queremos darlles as grazas ás persoas que levan a Coordinación Nacional de Divulgación (NOC) polo incríbel traballo que realizan para promoveren a astronomía nos seus países. De feito, unha das nosas NOC, Meriem El Yajouri (Marrocos), foi recoñecida polo seu traballo na comunicación astronómica en Marrocos. Sentimos moito orgullo e dámoslle os parabéns a Meriem e a todo o equipo NOC Marrocos.

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Novo lanzamento do programa “Meet the IAU Astronomers!”

A través do programa “Meet the IAU Astronomers!” a xente que practica astronomía de xeito amador, fai educación informal ou se dedica á docencia pode solicitar eventos virtuais ou presenciais para que membros da IAU poidan falar co público sobre a súa investigación astronómica, a importancia da astronomía para a sociedade e a elección da astronomía como carreira. O programa ten como obxectivo que calquera comunidade poida coñecer profesionais da astronomía, sexa cal for o lugar do mundo de que se trate. Se tes interese neste programa, enche este formulario.

Asegúrate de enviar o formulario polo menos tres semanas antes da data preferida para o teu evento. Se tes algún problema para acceder ao formulario ou prefires unha forma alternativa de enviar a túa información, ponte en contacto en meet.astronomers@oao.iau.org.

2) Aberto o envío de resumos para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación

Xa está aberto o envío de resumos para o obradoiro Shaw-IAU sobre Astronomía para a Educación, do 15 ao 17 de novembro. O tema do obradoiro é “aproveitar o potencial da astronomía para a educación formal”. En concreto, neste obradoiro abordaranse as preguntas: Como ensinamos astronomía? Cal é o papel da astronomía no ensino da física, a química ou o cambio climático? Para obter máis información, preme nesta ligazón. Para enviar un resumo, suxerir conferenciantes e rexistrarte no obradoiro, visita este sitio web.

3) A organización da conferencia AstroEDU 2023 procura comentarios

A organización de AstroEdu 2023 procura comentarios sobre o mellor formato para a conferencia, co obxectivo de facela accesíbel, equitativa e respectuosa co clima. Podes encher esta pequena enquisa para rexistrar a túa opinión. Para obter máis información sobre AstroEdu, consulta esta ligazón.

4) Obradoiro CTEAM-Med do Centro OAE Italia

O Centro OAE Italia organizou un obradoiro presencial, CTEAM-Med, con preto de trinta representantes do Mediterráneo para discutir sobre a educación científica en primaria e secundaria, co foco na aprendizaxe centrada no alumnado. Para máis información, visita este sitio web.

5) A Fundación Heising-Simons financia a IAU e a AUI

A IAU e a AUI recibiron 126.500 dólares da Fundación Heising-Simons para apoiar o proxecto Mulleres e Nenas na Astronomía e o Fondo de Subvencións de Viaxes para Membros Júnior da IAU. Para saber máis, consulta esta ligazón.

6) Novas NOC

a) NOC Bahrein

A NOC de Bahrein, Myriam Algassab, organizou unha serie de eventos polo Día do Asteroide o 30 de xuño, incluída unha actividade de debuxo de asteroides. Podes ver os debuxos aquí e un vídeo que resume o evento aquí.

b) NOC Haití

O equipo NOC Haití organizou un evento polo Día do Asteroide o 30 de xuño e elaborou un vídeo que mostra as súas actividades. Ademais, grazas ao traballo do membro do equipo John Masken Larose, está listo o último episodio de “Géologie et Astronomie en Haïti” Podes velo canda os outros episodios na súa canle de YouTube.

c) NOC Kuwait

O NOC Kuwait, Khaled A Al-jamaan, continúa este mes cos obradoiros de Astronomía Pequeniña. A rapazada de 7 a 11 anos aprendeu sobre o Sol e a súa importancia observándoo a través de telescopios solares.

d) NOC Marrocos

O equipo NOC Marrocos, incluído o profesor Hassan Darhmaoui, axudou a organizar a décima edición do Festival de Astronomía de Ifrane. Persoas que practican astronomía de xeito amador ou a astrofotografía, profesionais da astronomía e docentes compartiron a súa paixón a través de actividades, obradoiros educativos e sesións de observación das estrelas. A nosa NOC Marrocos, Meriem El Yajouri, tamén foi recoñecida polas súas incríbeis contribucións á promoción da astronomía no seu país. Ademais, El Mehdi Essaidi, do equipo NOC Marrocos, colaborou con asociacións locais de crianzas con discapacidade da provincia de Tiznit para traballar na sensibilización no marco da educación inclusiva.

e) NOC Venezuela

O noso NOC Venezuela, Ángel Díaz,  comezou un boletín de divulgación astronómica. Podes atopar máis actualizacións do Departamento de Divulgación Científica e Astronómica do “Centro de Investigaciones de Astronomía” (CITA) e da comunidade de astronomía amadora de Venezuela aquí e aquí.

7) Oportunidades

a) Seminario web do subgrupo de traballo da IAU para a divulgación inclusiva da astronomía

O subgrupo de traballo da IAU para a divulgación inclusiva da astronomía organiza un seminario web sobre astronomía inclusiva para profesionais da divulgación, a comunidade da astronomía amadora e calquera persoa interesada no tema. A data límite para presentar unha proposta é o 10 de xullo. Podes rexistrarte aquí.

b) Programa de titorías INGSA-África

A Rede Internacional de Asesoramento Científico ao Goberno (INGSA), sección África, ten como obxectivo apoiar o persoal investigador en áreas de ciencia mentres aprenden a comunicar mellor a súa ciencia co público e avanzar políticas científicas. As persoas que exerzan as mentorías deben ser líderes nos seus campos con experiencia substancial en comunicación científica. Podes atopar máis información aquí.

c) Fórum Social SciComm Xapón

Únete ao “Japan SciComm Forum” nun evento en liña de 90 minutos no que líderes do campo da comunicación científica compartirán as súas experiencias. O próximo evento terá lugar o 22 de xullo ás 10:00 UTC e centrarase no uso das redes sociais para a comunicación científica. Para obter máis información e inscribirse no evento, visita a súa páxina web.

8) Recursos interesantes

a) “Talk Back Better: Six Takeaways on Science Communication” [Contido en inglés]

O Consello Internacional da Ciencia concluíu recentemente un seminario web sobre comunicación científica. Neste artigo, o anfitrión Nick Ishmael-Perkins resume as súas seis conclusións máis importantes da serie. Podes velas aquí para incorporalas á túa práctica de comunicación astronómica.

b) Nova aplicación de realidade aumentada sobre mulleres históricas na astronomía [Contido en inglés]

A aplicación “Reach Across The Stars” permite que as persoas usuarias entren nunha experiencia de realidade aumentada e interactiva para aprenderen sobre mulleres históricas na astronomía. Para obter máis información sobre as mulleres que aparecen na aplicación e a propia aplicación, fai clic aquí.

c) “The Science of Stories and the Stories of Science” [Contido en inglés]

Neste artigo atoparás unha descrición da ciencia da narración, como permite a comunicación e como se pode usar para a comunicación científica. Fai clic aquí para obter máis información.

d) “ The Queer Variable: Interviews with Insightful LGBTQ+ People in STEM” [Contido en inglés]

Este libro en liña gratuíto presenta as experiencias e perspectivas das persoas LGBTQI+ que traballan en áreas CTEM a través dun conxunto de 40 entrevistas. Sobre a colección, o co-comisario do libro, o doutor Shaun O’Boyle, di: “Esperamos que as persoas LGBTQ+ que estudan materias CTEM ou traballan en campos CTEM atopen neste libro historias coas que poidan relacionarse e aprender. Agardamos que estas historias axuden outras persoas a navegaren polo mundo CTEM como persoas LGBTQ+”.
Podes atopar o libro en liña aquí.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado)
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español
Traducións grazas a Andrea Ahumada, do Observatorio Astronómico da Universidad Nacional de Córdoba, e Ileana Andruchow, do Instítuto de Astrofísica de La Plata, da Universidad Nacional de La Plata. Poden atoparse aquí as traducións dos anteriores boletíns, feitas por Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés
Traducións grazas ao Grupo Haitiano de Tradución da Astronomía (GTHA) da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo)
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astronomía Amadora ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía.

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.