Boletín IAU de divulgación da astronomía

Marzo #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Actualizacións do Grupo de Traballo Mulleres en Astronomía
2) Convocatoria de propostas Visión 2024
3) Peche do Programa Mulleres e Nenas na Astronomía
4) Obradoiro “Universo Inclusivo”
5) Boletín do Día Internacional da Luz
6) Novas NOC
7) Oportunidades
8) Recursos interesantes
9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
10) Contribucións ao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Ademais das celebracións do noso programa Mulleres e Nenas na Astronomía, moitos países do mundo tamén celebran en marzo o Mes da Historia das Mulleres. É unha ocasión para recoñecermos os sorprendentes logros das que se identifican como mulleres nas nosas vidas. Neste boletín, estou ilusionada de ver a cantidade de proxectos, iniciativas e recursos dirixidos por mulleres de todo o mundo. Espero que poidamos manter este impulso no que resta de ano.

Porén, este boletín non trata só de mulleres. Trata de crear oportunidades de desenvolvemento, construír programas inclusivos, manter colaboracións transnacionais e preparar o camiño para a próxima xeración de persoas dedicadas á ciencia. Agora, máis ca nunca, estes son os piares nos que se apoia a nosa esperanza. Especialmente nun momento no que hai tanto malestar, é importante aferrármonos ao que nos dá esperanza.

Agardamos que vós e as vosas familias manteñades a saúde e a seguridade. Feliz lectura!

Que teñades uns ceos escuros e tranquilos,

Kelly Blumenthal, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Actualizacións do Grupo de Traballo Mulleres en Astronomía

a) O Grupo de Traballo busca persoas que dirixan obradoiros formativos en áreas como a análise de datos, visualización de datos, programación, gráficos de datos e redacción de propostas. Serán parte do III Programa de Formación da IAU, que se celebra durante a segunda semana de abril. Se queres realizar un obradoiro, enche este formulario de Google.

b) Valora a posibilidade de participar nunha enquisa sobre a COVID-19 e o seu impacto na túa carreira astronómica. Para achegar a túa perspectiva, segue esta ligazón.

c) Valora tamén colaborar na sección “Career Stories” da revista Ensemble. Podes compartir aquí as túas experiencias.

d) Podes ver o último boletín de noticias do grupo Mulleres en Astronomía nesta ligazón.

2) Convocatoria de propostas Visión 2024

O comité organizador da Asemblea Xeral da IAU 2024 lanzou unha convocatoria de propostas de accións para o desenvolvemento de Visión 2024, as aspiracións colectivas da comunidade astronómica sobre as oportunidades creadas pola Asemblea Xeral da IAU de 2024 para o continente africano. Convócanse propostas para subvencións de até 20.000 rand; a data límite é o 15 de abril de 2022. Podes atopar toda a información sobre esta convocatoria nesta ligazón.

3) Peche do Programa Mulleres e Nenas na Astronomía

O 8 de marzo pechou oficialmente a edición de 2022 do programa Mulleres e Nenas na Astronomía da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Ademais dos máis de 250 eventos en 39 países que aparecen no mapa de eventos, a OAO tamén acolleu entrevistas en directo e vídeos con preto de 20 astrónomas. A través das súas redes sociais, a OAO iniciou unha campaña en liña que provocou centos de publicacións en Facebook, Twitter e Instagram coa etiqueta #WomeninAstronomy, que se utilizou en máis de 300 publicacións. Durante os case dous meses de campaña en redes sociais, a OAO produciu 65 chíos e 57 publicacións en Facebook que acumularon máis de 122 000 visualizacións. Por último, o Grupo de Traballo do Comité Executivo da IAU Mulleres en Astronomía e a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía coorganizaron o concurso “Draw an Astronomer”, que invitou a nenos e nenas de até 12 anos a compartir a súa visión de como é unha persoa que se dedica á astronomía para teren a oportunidade de gañar un telescopio e amosar a súa creatividade ao mundo. O concurso recibiu 782 entradas de 20 países. Grazas a quen fixeron do programa Mulleres e Nenas na Astronomía deste ano un éxito rotundo!

4) Obradoiro “Universo Inclusivo”

O 5 de marzo de 2022, a Sociedade Astronómica de Nepal puxo en marcha o seu proxecto “Universo Inclusivo” en colaboración coa organización “Blind Rocks!” cun obradoiro táctil, seguido dunha observación nocturna. Podes ler máis sobre este emocionante programa neste informe.

5) Boletín do Día Internacional da Luz

Achégase o Día Internacional da Luz (IDL)! Podes consultar o último boletín informativo do equipo de IDL, que inclúe historias sobre proxectos en preparación. Le e subscríbete ao seu boletín aquí e mantente ao día das novidades no seu sitio web.

6) Novas NOC

a) NOC Benin

Do 25 de marzo ao 1 de abril, o NOC de Benin (Pide Aristide Ahanhanzo), en asociación coa NAEC Benin, a OAD e a Benin Mobile Astronomy Village, organizou unha serie de obradoiros, programas educativos e actividades de divulgación para a mocidade de Benín baixo o nome “Randonnee Culturelle de L’Astronomie”.

b) NOC Exipto

O 24 de marzo, Somaya Saad, a nosa NOC en Exipto, ofreceu unha charla titulada “Ela destaca en ciencia: historias pioneiras de África” coa Institución de Información da Biblioteca Alexandrina e Departamento de Competencias Profesionais, Sector de Bibliotecas. Ao final do mes, o 27 de marzo, Somaya Saad planificou un obradoiro inclusivo sobre o sistema solar en colaboración coa NAEC de Exipto, o novo Centro OAE Exipto e o Instituto Nacional de Investigación de Astronomía e Xeofísica.

c) NOC Mauritania

O NOC de Mauritania, Ely Cheikh Navee, fixo unha presentación na Universidade de Qatar sobre a Asociación Mauritana de Astronomía.

d) NOC Tunes

Mayssa El Yazidi, a NOC de Tunes, en asociación coa asociación tunesina de astrónomos e astrónomas novas, realizou dúas sesións da súa serie de seminarios #ASTROTALK: unha con Amin Zribi, que falou sobre a teledetección e a toma de imaxes desde o espazo, e outra co doutor Mike Simmons, quen falou sobre o uso da astronomía para facer do mundo un lugar mellor. Podes atopar estes e outros vídeos na súa canle de YouTube.

7) Oportunidades

a) Prácticas do Instituto de Ciencias da Terra e da Vida e do Blue Marble Space Institute of Science
Coincidindo co festival Punto Azul en Jodrell Bank, este mes de xullo terá lugar a conferencia híbrida Public Awareness of Research Infrastructure (PARI). As persoas participantes poden unirse en liña ou persoalmente na sede do SKAO. Actualmente, os organizadores aceptan inscricións previas e envíos de resumos. Para saber máis, consulta esta ligazón.

8) Recursos interesantes

a) Un libro gratuíto de astroquímica para nenos e nenas [Contido en castelán]
Natalia Inostroza Pino, profesora da Universidade Autónoma de Chile, creou este libro para guiar os nenos e nenas a través dalgunhas das preguntas máis importantes da astronomía actual. Podes descargar o libro de balde nesta ligazón.

b) Astronomía ESSS 101 [Contido en amárico]
A Sociedade Etíope de Ciencia Espacial (ESSS) produce a serie de conferencias Astronomía 101 en YouTube. Os novos vídeos actualízanse todos os venres nesta ligazón.

c) Iniciativa das Oficinas IAU na Rexión Árabe para a Divulgación da Astronomía [Contido en árabe]
Os equipos NOC e NAEC da rexión árabe estiveron colaborando para educar a comunidade e aumentar o coñecemento astronómico na rexión. Realizaron catro seminarios web desde finais de 2021, e hai máis previstos. Estes seminarios web son axeitados para docentes, estudantes, entusiastas da astronomía e xente que practica a astronomía de forma amadora. Podes atopar os seminarios web anteriores nesta ligazón.

d) Novela gráfica gratuíta da NASA, First Woman (Primeira Muller) [Contido en inglés e español]
A Administración Nacional da Aeronáutica e o Espazo (NASA, polas siglas en inglés) acaba de publicar o primeiro número dunha novela gráfica que conta a historia da primeira muller na Lúa, Callie Rodríguez, e o seu compañeiro robot, RT. No seu sitio web atoparás recursos en liña adicionais, incluíndo unha versión audíbel da publicación, unha aplicación gratuíta con actividades de realidade aumentada e virtual e outros recursos web.

9) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

10) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de material sobre investigación, comunicación e divulgación astronómica en todo o mundo para incluíla no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.