Boletín IAU de divulgación da astronomía

Febreiro #1

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Como participar no proxecto global de divulgación da IAU: Mulleres e Nenas na Astronomía
2) A IAU anuncia tres novos premios para a educación, a divulgación e o desenvolvemento astronómicos
3) Selección do novo Centro da IAU para a protección do ceo escuro e tranquilo da interferencia das constelacións de satélites
4) A divulgación inclusiva da IAU comeza a colaborar coa Unión Europea de Persoas Cegas
5) Novas NOC
6) Día Internacional da Luz 2022
7) Eventos e recursos comunitarios do Telescopio Espacial Webb
8) Mostra de ciencia global na túa lingua materna 2022
9) ASTROdatos, un blog de astrofotografía
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribución sao boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Neste número queremos destacar o proxecto da oficina IAU para a divulgación Mulleres e Nenas na Astronomía, que está en pleno apoxeo e convidámosvos a unirvos a nós nesta celebración. Quizais poidas compartir o teu evento no calendario global de eventos de divulgación, que agora ten máis de 200 entradas dedicadas ao proxecto e máis de 4000 visualizacións. Podeste unir a nós na campaña en liña que reuniu máis de 54.000 impresións en Facebook e Twitter. As túas publicacións e o teu compromiso poden axudar a nosa comunidade a abordar mellor as disparidades de xénero en Astronomía e CTEM compartindo recursos, actividades as astrónomas que te inspiran; só tes que usar as etiquetas #WomenInAstronomy e #WomanInSTEM.

Este boletín tamén contén actualizacións da IAU, incluído o anuncio de novos premios para a educación, divulgación e desenvolvemento en astronomía e información sobre novos proxectos das nosas Coordinadoras e Coordinadores Nacionais de Divulgación (NOC) da IAU.

Desexámosvos os ceos máis despexados e boa saúde,

Lina Canas e Suzana Filipecki Martins, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Como participar no proxecto global de divulgación da IAU: Mulleres e Nenas na Astronomía

O proxecto da IAU “Mulleres e Nenas na Astronomía” recoñece o papel das mulleres no avance da ciencia e anima as nenas a considerar carreiras na astronomía. Como parte do proxecto, a Oficina de Divulgación organiza “Coñece as e os astrónomos da IAU | Edición especial: Mulleres e nenas”, unha serie de entrevistas en directo onde diferentes astrónomas teñen a oportunidade de falar sobre a súa carreira profesional, a súa investigación, inclusión, formas de abordar a discriminación e como construír un panorama astronómico máis diverso. Únete a nós o 18 de febreiro para unha conversa entre a expresidenta da IAU, Silvia Torres-Peimbert, e a coordinadora nacional de divulgación da IAU para Bahrein, Myriam Alqassab, e o 25 de febreiro para coñecer as astrónomas Ilhuiyolitzin Villicana Pedraza e Amelia Ortiz-Gil.

Hai outras formas de unirte ao proxecto Mulleres e Nenas na Astronomía: podes rexistrar o teu evento no calendario de eventos de divulgación da astronomía ou compartir un pequeno vídeo sobre a túa carreira profesional en astronomía, a túa vida laboral diaria e por que é importante a inclusión. Ou únete a nós nunha campaña en liña para abordar as disparidades de xénero en Astronomía e CTEM e moito máis.

Para saber máis sobre como unirte ao proxecto Mulleres e Nenas na Astronomía: https://www.iau.org/public/women-and-girls-in-astronomy/

2) A IAU anuncia tres novos premios para a educación, a divulgación e o desenvolvemento astronómico

A IAU lanza tres novos premios que se outorgarán cada tres anos na Asemblea Xeral: o Premio de Educación na Astronomía da IAU, o Premio de Divulgación na Astronomía da IAU e o Premio de Desenvolvemento na Astronomía da IAU. Estes premios creáronse cun xeneroso financiamento da expresidente da IAU, Ewine van Dishoeck. As candidaturas estarán abertas desde o 15 de febreiro de 2022 até o 15 de marzo de 2022 para a primeira quenda de premios, que se presentará na XXXI Asemblea Xeral da IAU en Busan, Corea do Sur, en agosto deste ano.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2202/

3) Selección do novo Centro da IAU para a protección do ceo escuro e tranquilo da interferencia das constelacións de satélites

A IAU anunciou a selección do Observatorio SKA (SKAO) e do NOIRLab da NSF como coanfitrións do novo Centro da IAU para a “Protección dos ceos escuros e tranquilos do impacto das constelacións de satélites”. O centro coordina esforzos internacionais de colaboración multidisciplinar con institucións e individuos e traballa en múltiples áreas xeográficas para axudar a mitigar o impacto negativo das constelacións de satélites nas observacións terrestres ópticas e de radioastronomía, así como sobre o pracer de observar o ceo nocturno para a humanidade.

Máis información: https://www.iau.org/news/pressreleases/detail/iau2201/

4) A divulgación inclusiva da IAU comeza a colaborar coa Unión Europea de Persoas Cegas

O subgrupo de traballo da IAU de Divulgación Inclusiva estableceu con éxito unha colaboración coa Unión Europea de Persoas Cegas (EBU – www.euroblind.org), co obxectivo de explorar oportunidades e facer máis relevantes os nosos esforzos de divulgación ao termos comentarios directos de persoas expertas sobre as nosas actividades, formación especializada de profesionais de divulgación e creación de vínculos coas comunidades de persoas cegas e con discapacidade visual.

Máis información aquí: https://www.euroblind.org/newsletter/2022/january/en/astronomy-iau-inclusive-outreach-astronomy-community-worth-joining

E aquí: https://www.euroblind.org/newsletter/ebu-members-newsletter/2022/january/en

5) Novas NOC

a) Moitas e moitos NOC están a participar no proxecto Mulleres e Nenas na Astronomía. Os eventos foron organizados coas coordinacións nacionais de divulgación de Croacia, Sudán, Eslovaquia, Trinidad e Tobago, Arxentina, República Checa, República Dominicana, Mauritania e Iraq. Tamén queremos destacar a contribución dos nosos compañeiros e compañeiras de NAEC Romanía que comprometeron a máis de 100 unidades escolares para levaren a cabo actividades no país.

b) O NOC da República Dominicana Manuel Grullón organizou diversas actividades de observación das estrelas dirixidas a comunidades desfavorecidas con telescopios doados polo proxecto Telescopios para Todas as Persoas.

c) Os e as NOC seguen abordando as medidas de restrición da COVID mediante a implementación de actividades en liña atractivas. O 18 de xaneiro, o NOC de Iraq Ali Jaber Al-Edhari presentou unha conferencia virtual co doutor Duha Mahmoud. O mesmo día, o NOC de Barbados David Marshall acolleu unha emisión pública en directo do paso do asteroide 1994 PC1. O 27 de xaneiro, a NOC de Botswana Molly Kgobathe organizou unha charla en liña de Stephen James O’Meara, un astrónomo e autor galardoado, e o 6 de febreiro, o NOC de Haití Rulx Narcisse acolleu unha conferencia en liña sobre planetoloxía comparada. O evento foi o primeiro dunha serie introdutoria dedicada á comunidade astrónoma amadora.

d) As e os NOC tamén realizaron actividades presenciais, moitas delas implementadas nos centros educativos. O NOC de Sudán Mohammed Yahya implementou un programa de sensibilización para crianzas, con actividades e charlas dedicadas ao alumnado de preescolar, mentres que o NOC de Etiopía Alemiye Mamo organizou un evento de divulgación escolar na escola primaria Birhan Ber. O programa de divulgación incluíu unha presentación de profesionais da astronomía e unha demostración de telescopios.

e) Do 26 de xaneiro ao 6 de febreiro, a NOC de Exipto Samaya Saad participou na Feira Internacional do Libro do Cairo presentando diversas publicacións sobre astronomía básica, ademais de maquetas, roda estelar, reloxo estelar, reloxo de sol e actividades para a observación do Sol.

6) Día Internacional da Luz 2022

O Día Internacional da Luz (IDL) é unha iniciativa mundial da UNESCO que se celebra anualmente o 16 de maio e se centra na importancia da luz e no seu papel na ciencia, a arte, a tecnoloxía, a cultura, a educación e o desenvolvemento sostíbel en diversos campos, que contribúen a acadar os obxectivos da UNESCO: educación, igualdade e paz. Este ano IDL tamén se centra no Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostíbel da ONU 2022 e o Ano Internacional do Vidro da ONU, no éxito do Telescopio Espacial James Webb e no Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

Para saber máis e rexistrar o teu evento: https://www.lightday.org.

7) Eventos e recursos comunitarios do Telescopio Espacial Webb

A NASA e as súas entidades asociadas queren compartir a experiencia das primeiras imaxes do Telescopio Espacial Webb con comunidades dos Estados Unidos e do estranxeiro. O lanzamento das primeiras imaxes do JWST en xullo de 2022 representa unha oportunidade única para involucrar a nosa comunidade internacional. Podes solicitar acoller eventos comunitarios. O prazo de presentación de solicitudes remata o venres 25 de febreiro de 2022. Puxéronse a disposición da comunidade de divulgación astronómica outros recursos, incluíndo un kit de lanzamento e moitos recursos de educación informal.

Máis información: https://outerspace.stsci.edu/display/WSTCE/

8) Mostra de ciencia global na túa lingua materna 2022

O venres 18 de febreiro haberá unha nova edición da “Mostra de ciencia global na túa lingua materna” para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna. Achega contribucións no teu idioma! Esta mostra presenta a ciencia en xeral, polo que tamén están convidado o persoal científico e divulgador.

Se queres participar, regístrate aquí: https://www.eventbrite.co.uk/e/the-global-science-show-science-in-your-mother-tongue-tickets-239291536427

9) ASTROdatos, un blog de astrofotografía

Astrodatos é un blog español de astrofotografía que utiliza as astrofotografías como punto de partida para comunicar información astronómica ao público en xeral. Ao funcionar como recurso documental e ferramenta de divulgación da astronomía, o blog pretende mostrar a ciencia como unha aventura de coñecemento.

Para saber máis (en castelán): https://astrodatos.blog

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Chinés (Simplificado): https://sdas.wh.sdu.edu.cn/info/1657/1261.htm
Tradución grazas ao Dr Chen Cao, Sociedade Astronómica Shandong (SDAS) de China.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.