Boletín IAU de divulgación da astronomía

Agosto #2

Neste boletín:

0) Nota editorial
1) Mensaxe da IAU sobre a comunidade científica en Afganistán
2) Apunta as datas para celebrar 100 Horas de Astronomía en todo o mundo!
3) As sociedades astronómicas de Nepal e Brunei asinan o acordo para formalizar os seus 15 anos de asociación
4) Novas NOCs: Bulgaria, Iraq, Palestina, Sri Lanka
5) Enquisa da Rede do Ceo Nocturno á comunidade astronómica aféccionada
6) Capturar a Escuridade. Os gañadores de 2021
7) International Observe the Moon Night 2021
8) STEM XR : Obradoiro interdisciplinar de colaboración sobre comunicación científica en mundos virtuais
9) Actividades destacadas. Repositorio de recursos para eventos en liña
10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas
11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

0) Nota editorial

Prezados amigos, amigas e colegas,

Acabamos de rematar este ano as reunións da Asamblea Xeral 2021 da IAU, totalmente virtual debido á pandemia. Podes ver todas as sesións principais dispoñíbeis en YouTube, incluídas as sesións previas á reunión “A IAU HOXE” onde podes atopar unha visión xeral das actividades clave nas que estivo involucrada a IAU durante o pasado trienio e as charlas da premio Nobel Andrea Ghez e Volker Springel, gañador do premio Gruber, entre outros.

Do 1 ao 4 de outubro celebraremos as 100 Horas de Astronomía. Para esta edición e baixo o tema “Todas as persoas xuntas baixo un mesmo ceo” queremos destacar os dez telescopios regalados en colaboración con Stars Shine for Everyone / Universidade de Leiden. As primeiras cen actividades rexistradas no noso calendario de divulgación da IAU recibirán agasallos da Oficina de Divulgación Astronómica, incluídas as edicións impresas de CAPjournal. Así que planifica con antelación e únete ás celebracións das 100 Horas de Astronomía en todo o mundo!

Neste número, queremos destacar o acordo que asinaron as coordinacións nacionais de divulgación de Nepal e Brunei para unha colaboración e apoio continuos entre as súas institucións; convidámoste a que te inspires polas actividades realizadas pola nosa comunidade NOC e animámoste a participar na enquisa Night Sky Network dirixida á comunidade de astronomía afeccionada.

Por último, mais non é menos importante, unha palabra de agradecemento para os nosos tradutores e tradutoras e a súa enorme dedicación ao facer o noso boletín máis accesíbel ás súas comunidades ao traducilo ao xaponés, galego, portugués, árabe, francés, español e italiano. Moitas grazas.

Desexámosvos o ceo máis despexado e a mellor saúde!

Lina Canas, en nome do equipo da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía

1) Mensaxe da IAU sobre a comunidade científica en Afganistán

A Unión Astronómica Internacional (IAU) está profundamente preocupada polos acontecementos actuais en Afganistán e teme consecuencias adversas para a súa comunidade científica, sobre todo o acceso continuado das mulleres á ciencia e o acceso á educación para as nenas. A raíz da situación potencialmente mortal na que se atopan os nosos colegas homes e mulleres, a IAU quere animar a todas as persoas asociadas de calquera país a denunciar públicamente calquera acción que puidera poñer en perigo o seu benestar e a realizar calquera acción protectora dos e das colegas con necesidades en Afganistán. A IAU tamén anima encarecidamente ás nosas socias e socios nacionais a axudar sempre que sexa posíbel neste momento tan difícil para Afganistán.

Máis información: https://www.iau.org/news/announcements/detail/ann21044/

2) Apunta as datas para celebrar 100 Horas de Astronomía en todo o mundo

Do 1 ao 4 de outubro de 2021, a Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía continuará coa tradición de celebrar as 100 Horas de Astronomía. O evento deste ano terá por tema “Baixo un mesmo ceo” inspirándose en como se xuntou a nosa comunidade durante un tempo no que o contacto físico non foi posíbel (e en moitos lugares aínda non o é). Animámoste a organizar ou participar en eventos ao longo destas 100 horas, xa que hai moitas posibilidades creativas durante estas 100 Horas de Astronomía. De forma segura e inclusiva, comparte o teu evento no noso calendario de eventos de divulgación global da IAU.

Máis información:  https://www.iau.org/public/oao/100-hours-of-astronomy/

3) As Sociedades Astronómicas de Nepal e Brunei asinan un acordo para formalizar os seus 15 anos de asociación
A Sociedade Astronómica de Brunei Darussalam (PABD) e a Sociedade Astronómica de Nepal (NASO) asinaron un acordo para dar a coñecer e implementar en colaboración catro áreas clave no campo da astronomía: (i) implementar proxectos de ciencia cidadá baseados en datos como o programa Asteroid Search; (ii) establecer redes de comunicación coordinadas nos dous países; (iii) facilitar as actividades de captación de fondos para apoiar a execución dos proxectos e (iv) apoiar o desenvolvemento da astronomía entrambos países noutras áreas de interese mutuo como a astronomía cultural. Ambas comunidades desexan aprender astronomía unha da outra e crear ligazóns duradeiras.

Para saber máis:
https://english.onlinekhabar.com/astronomical-societies-in-nepal-and-brunei-agree-upon-15-year-partnership.html

Querémoslles dar as grazas aos nosos NOC de Brunei e Nepal, Hazarry Hj Ali Ahmad e Suresh Bhattarai, por compartir esta nova.

4) Novas NOC: Palestina, Iraq, Sri Lanka e Bulgaria

a) Novas de Palestina

Durante os meses de xullo e agosto, o noso NOC en Palestina Dawoud Tarawa e a Sociedade Astronómica Palestina levaron a cabo varias iniciativas de divulgación en Belén, Hebrón, Ramala e Xerusalén. As actividades consistiron en noites astronómicas, cursos de formación e campamentos para observar a chuvia de meteoros das Perseidas. Os eventos reuniron a máis de 600 participantes de todos os grupos de idade.

Querémoslle dar as grazas ao noso NOC para Palestina, Dawoud Tarawa, por compartir a nova.

b) Noticias de Iraq

Celebrouse un campamento astronómico na antiga cidade de Ur na gobernación de Dhi Qar, ao sur de Iraq, con motivo da chuvia de meteoros das Perseidas. Neste campamento participaron varios equipos afeccionados á astronomía con conferencias sobre a historia da astronomía en Ur.

Querémoslle dar as grazas ao noso NOC para Iraq, Ali jaber Al-Edhari, por compartir a nova.

c) Noticias de Sri Lanka

O noso NOC de Sri Lanka, Dhanushka Amaradasa, contribuíu á tradución dun cómic chamado “Ada’s Adventures in Science” ás súas linguas locais: cingalés e tamil. O equipo quere agradecerlles a Bahthiya Senavirathne e Fathima Nafla a asistencia prestada na tradución do libro e a Edward Gómez, Laura Sorvala e Alice Hopkinson por darlles a oportunidade de contribuír a este proxecto.

O libro é unha mestura de artes e ciencias que pode inspirar os nenos e as nenas sobre a ciencia e darlles empoderamento para facer ciencia: https://www.adacomic.uk/comics/

Querémoslle dar as grazas ao noso NOC de Sri Lanka, Dhanuska Subath Amaradasa, por compartir a nova.

d) Novas de Bulgaria

O 26 de xullo, 32 estudantes tiveron a oportunidade única de facer preguntas directamente ao grupo de astronautas a bordo da Estación Espacial Internacional. A conexión histórica de vídeo foi a culminación dun evento dun día que consistiu en obradoiros e palestras relacionadas coas CTEM para crianzas e persoas adultas, incluída a participación do primeiro astronauta búlgaro Georgi Ivanov. A conversa co grupo de astronautas en órbita retransmitiuse en directo: https://www.youtube.com/watch?v=RHTNEh4kaF4&t=2850s

Querémoslle dar as grazas ao noso NOC de Bulgaria, Lyuba Slavcheva-Mihova, por compartir a nova.

5) Enquisa de rede de ceo nocturno á comunidade de astronomía afeccionada

Cada 5-10 anos, a Rede do Ceo Nocturno publica unha enquisa á comunidade astronómica afeccionada, analizando específicamente como a nosa comunidade involucra ao público, pero tamén abrangue temas como os intereses, onde obter a súa información e como se organizan os clubs.

Enche aquí o formulario: https://www.surveymonkey.com/r/GSMBFT9 e comparte as túas experiencias en astronomía afeccionada incluíndo cambios de club, necesidades de divulgación e as túas áreas de interese.

Queremoslle dar as grazas a Vivian White por compartir a nova.

6) Fotografías gañadoras de Capture the Dark 2021

A fotografía é unha das ferramentas máis poderosas na defensa do ceo escuro. A Asociación Internacional do Ceo Escuro (IDA) organizou recentemente o segundo concurso anual de fotografía Capture the Dark, que recibiu 1122 inscricións de 66 paises. As fotos premiadas foron recoñecidas pola súa habilidade técnica, composición, conexión co tema da categoría e por seren impactantes.

Máis información: https://www.darksky.org/2021-capture-the-dark-winners/

7) International Observe the Moon Night 2021

O 16 de outubro, todas as persoas da Terra están convidadas a aprender sobre ciencia e exploración lunar, participar en observacións celestes e honrar as conexións culturais e persoais que existen coa Lúa. Asiste ou organiza un evento virtual ou presencial ou únete desde calquera lugar no que esteas como observador individual. A inscrición xa está aberta.

Máis información: https://moon.nasa.gov/observe-the-moon-night/

8) STEM XR: Obradoiro interdisciplinario colaborativo sobre comunicación científica en mundos virtuais 

STEM XR é un obradoiro de colaboración gratuito e totalmente virtual (do 1 de outubro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022) patrocinado pola Sociedade Americana de Astronomía no que se reúnen equipos interdisciplinarios de profesionais da divulgación científica, tecnoloxía e mundos creativos para exploraren formas novas e experimentais de comunicación científica en mundos virtuais.

Podes rexistrarte aquí: https://stemxr.org

Queremoslle dar as grazas a Alexander Kaurov por compartir a nova.

9) Actividades destacadas e repositorio de recursos en liña

a) STEM XR: Obradoiro interdisciplinario e colaborativo sobre comunicación en mundos virtuais
Lugar: virtual
Cando: do 1 de outubro de 2021 ao 1 de xaneiro de 2022
Sitio web: https://stemxr.org

b) II Obradoiro Ceos Escuros e Tranquilos para a Ciencia e a Sociedade
Lugar: virtual / La Palma, Illas Canarias, España
Cando: do 3 ao 7 de outubro de 2021
Sitio web: http://research.iac.es/congreso/quietdarksky2021/pages/home.php

c) Obradoiro Shaw-IAU Astronomía para a Educación
Lugar: virtual
Cando: do 12 ao 15 de outubro de 2021
Sitio web: https://astro4edu.org/siw2021/

Podedes atopar recursos gratuítos para a divulgación da astronomía en liña aquí: https://docs.google.com/document/d/1RgKVmO-JkuiWMV55syx3EwUS2-hnYcJ72Ks3HLKex2A/edit?usp=sharing

10) Boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía noutros idiomas

O noso boletín ten tradución aos seguintes idiomas:

Árabe: https://stargazersbh.wixsite.com/bsac/iau
Traducións grazas aos membros do Club de Observación Astronómica de Bahrain.

Español: http://asafile.blogspot.jp/p/blog-page_12.html
Traducións grazas a Emilio Zúñiga, da Asociación de Astrónomos Aficionados de León, Nicaragua.

Francés: https://haitiastronomie.blogspot.com/p/bulletin-dinformationde-luai-sur.html
Traducións grazas a Rulx Narcisse da Sociedade Astronómica Haitiana.

Galego: http://agrupacionio.com/gl/tag/boletin-iau
Traducións grazas a Martin Pawley e Xabier Pérez Couto da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en España.

Italiano: https://www.astronomiamo.it/DivulgazioneAstronomica/Newsletter-IAU/last
Traducións grazas a Eleonora Piromalli de AstronomiAmo en Italia.

Portugués (europeo): https://drive.google.com/drive/folders/1wN1txv57CLoDbLEEwNjStBMk6CrlkTxu?usp=sharing
Traducións grazas a Catarina Leote, João Ferreira e Jonas Souza a través do grupo de lingua portuguesa da Rede de Tradución Astronómica.

Xaponés: https://docs.google.com/document/d/1yko0aYt8OMK9g8KDA_m1hq5ik5xVEEI1UE7Y2GhGl70/edit#heading=h.kecmyoqyl8e9
Traducións grazas a Akihiko Tomita a través da Rede de Tradución Astronómica. Se queres recibir a tradución ao xaponés do boletín, subscríbete á Asociación Xaponesa de Astrónomos Afeccionados (http://www.jaaa-astro.jp/jaaa-ml.html) ou á Sociedade Xaponesa pola Educación e Divulgación da Astronomía (http://www.tenkyo.net/).

Se queredes traducir o noso boletín ao voso idioma, por favor escribídenos a public@oao.iau.org.

11) Contribucións ao boletín de divulgación da astronomía da IAU

Estamos sempre na busca de noticias sobre divulgación astronómica en todo o mundo para incluílas no seguinte boletín da Oficina IAU para a Divulgación da Astronomía. Se tedes algún evento astronómico, ofrecedes un posto ou oportunidade de traballo, un recurso educativo ou calquera outra cousa que poida ser de interese para a comunidade da divulgación astronómica, enviádenos un correo a public@oao.iau.org con máis información.

Podedes enviarnos as vosas suxestións até o día 4 de cada mes (para o primeiro boletín) e até o 17 (para o segundo boletín). Desexamos recibir noticias vosas!

Tradución: Martin Pawley e Xabier Pérez Couto (Agrupación Ío). Podedes consultar o boletín en inglés nesta ligazón.