Para a determinación das datas da Semana Santa é preciso ter en conta dous feitos astronómicos, o comezo da primavera e as fases da Lúa. A regra xeral é esta: o Domingo de Resurrección debe ser o primeiro domingo despois da primeira lúa chea da primavera. Precisamos, pois, coñecer cando sucede o equinoccio de marzo, momento en que o Sol se sitúa sobre o ecuador celeste e os seus raios caen verticalmente sobre o ecuador do noso planeta, de tal maneira que os dous hemisferios reciben o mesmo nivel de insolación e se equilibran os días e as noites. É tamén nos equinoccios, e só nos equinoccios, que o Sol sae exactamente polo leste e se pon polo oeste. A medida que os días agrandan camiño do solsticio de verán o Sol irá erguéndose e deitándose cada vez máis ao norte, para ocupar máis tempo no ceo e culminar a maior altura ao mediodía solar, moi afastado en Galiza do civil. Son os meses mellores para tender a roupa a secar, abofé.
En 2021 a primavera comeza o sábado 20 de marzo, mais, como xa se dixo, tamén debemos prestarlle atención ao cambio de forma da Lúa, que empeza mes minguando para desaparecer (lúa nova) o día 13 e, nos días que seguen, volver a medrar. O domingo 21 de marzo temos cuarto crecente e unha semana despois, o 28, lúa chea. Como a primavera xa entrou días atrás, o domingo que pecha a Semana Santa será o seguinte, 4 de abril, o primeiro logo do plenilunio. Fixada esa data, quedan tamén definidas as outras celebracións relacionadas. O domingo anterior ao de Resurrección é o de Ramos, obxecto de atención de Rosalía de Castro nun cadro de “Costumbres gallegas” incluído na primeira edición da súa novela “El primer loco”. O Domingo de Ramos é o último día da Coresma, o período de corenta días de preparación espiritual da Semana Santa segundo a liturxia católica que comeza co mércores de cinza, co que se lle pon o ramo aos días de festa e transgresión do Antroido, ou máis ben daqueles Antroidos antes da pandemia.
Destas festas relixiosas aínda se derivan outras máis avanzada a primavera. O Domingo de Resurrección sinala o inicio da Pascua, período doutros corenta días que conclúe un xoves, o da Ascensión, que este ano cae o 13 de maio. Dez días despois da Ascensión, o quincuaxésimo da Pascua, é outro domingo sinalado, o de Pentecoste, que conmemora o descenso do Espírito Santo sobre os apóstolos. A semana seguinte chega o Domingo de Trindade e o primeiro xoves despois dese é o Corpus Christi, feriado nacional de sempre no país veciño, Portugal. O xoves de Corpus é, en 2021, o 3 de xuño.
Agora vén un matiz importante. Realmente, o equinoccio de marzo pode darse os días 19, 20 ou 21 e, por ser un momento concreto no tempo, pode coincidir en datas diferentes do calendario segundo a localización xeográfica e hora legal de cada territorio. Para evitar máis bailes de datas dos estritamente inevitábeis, a regra eclesiástica fixou como referencia para o inicio da primavera o 21 de marzo, independentemente do fito astronómico. Así, por exemplo, en 2019 a primavera comezou o 20 de marzo e na madrugada do 21 xa houbo lúa chea, mais como primeiro plenilunio da primavera se computou “o primeiro despois do 21 de marzo”, isto é, o do 19 de abril, de aí que o Domingo de Resurrección fora o 21 dese mes. As posicións extremas do Domingo de Resurrección no calendario móvense nun rango que vai do 22 de marzo ao 25 de abril.
O mapa está calculado para as 22:00 do sábado 20 de marzo na Coruña, mais é válido para toda Galiza. Cada semana o ceo “adianta” media hora, aproximadamente, co cal serviría tamén para as 22:30 do 13, as 23:00 do 6 ou ás 23:30 do 27 de febreiro.
A outra imaxe amosa unha representación máis detallada da constelación de Orión, quizais a máis espectacular do ceo do inverno, canda unha imaxe da súa nebulosa, un pouco por debaixo do cinto que debuxan as estrelas Alnitak, Alnilam e Mintaka.
* * * * *
Publicado orixinalmente na sección “O ceo do mes” do caderno “Aprender” do Nós Diario, número 17, sábado 27 de febreiro de 2021. Texto e imaxes: Martin Pawley (Agrupación Astronómica Coruñesa Ío).